ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_2287
|
Os colectivos da memoria histórica demandan que a rúa que leva o nome deste alcalde da Coruña pase a chamarse doutra forma dado o historial do político durante a Guerra Civil. Así, lembran o papel de Peñamaría na "represión franquista" na comarca de Valdeorras. Consideran que a retirada desa honra serviría para cumprir coa legalidade.
|
Algúns colectivos en defensa da memoria histórica reclamaron ao Concello da Coruña que acometa a retirada do nome do que fora alcalde, Sergio Peñamaría del Llano, do rueiro da cidade. Aluden ao pasado franquista deste político para xustificar a súa exixencia. Os grupos inciden en que a supresión desta honra implicaría o cumprimento da Lei de Memoria Histórica ante a "represión franquista" cometida na comarca de Valdeorras polo rexedor coruñés durante a Guerra Civil. A través dun comunicado, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) solicita ao goberno de Inés Rey que mude o nome, que podería dedicarse precisamente aos 'Mártires de Valdeorras' en recordo daquelas persoas que foron vítimas. De feito, o pleno municipal do Barco de Valdeorras aprobou o pasado 7 de outubro unha proposición, apoiada por todos os grupos (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá), nesta liña. A mesma aparece recollida na nova solicitude. Este colectivo sostén que Peñamaría del Llano, alcalde da Coruña entre 1959 e 1963, participou en actos de represión mentres era voluntario no exército sublevado e, posteriormente, como tenente da Lexión no ano 1939 na comarca do interior galego. Así mesmo, aluden ao seu papel como "fiscal militar en xuízos sumarísimos contra antifacistas con numerosas penas de morte", así como "os servizos" prestados á ditadura e á familia Franco. De feito, atendendo a un escrito publicado por Manuel Monge en Nós Diario no pasado decembro, a deste rexedor da Coruña "é outra das biografías secuestradas ou silenciadas". "Sergio Peñamaría de Llano, nado na Fonsagrada en 1914 e finado na Coruña en 2004, é presentado no relato oficial como un 'hombre bueno'", comentaba nun artigo sobre a memoria.
|
PRAZA_11096
|
O estaleiro terá agora catro meses para negociar as débedas mentres negocia a venda a The Ritz Carlton
|
Barreras solicita o preconcurso. Acábao de facer no Xulgado do Mercantil número 3 de Vigo, tal e como confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A empresa terá agora catro meses, a contar desde este xoves, para negociar cos acredores e, no caso de non logralo, veríase abocada ao concurso e á suspensión de pagos. Non sería novo para o histórico estaleiro vigués, que pasou xa por un concurso en 2012, afogado pola crise, as consecuencias do tax lease e as millonarias débedas. Barreras solicita o preconcurso e dispón de catro meses para negociar cos acredores mentres negocia a súa venda a Ritz CarltonA empresa, agora coa mexicana Pemex como máxima accionista e co 49% en mans de García Costas e Albacora, buscará o saneamento mentres negocia xa a venda dos títulos con The Ritz Carlton ou Oaktree, o fondo de investimento que sostén esta división de transporte marítimo da hoteleira.The Ritz-Carlton ten un cruceiro de luxo a construírse en Vigo e varios pedidos máis pendentes. O atraso na entrega e o sobrecusto xerado pola construción deste barco para a división navieira da empresa hoteleira deixa Barreras sen outra solución. O desfase, sobre os 240 millóns do contrato, supera os 100 millóns; a débeda no pagamento a provedores e equipos sitúase nos 20. Con todo, estas auxiliares ás que se lles adebedan estes cartos decidiron non solicitar o concurso e rematar os traballos no buque. Mentres, Oaktree controla xa o estaleiro e apaña toda a información financeira e económica de Barreras, á espera de obter avais do Estado e da Xunta para un crédito. Desde o Goberno galego agardan tamén pola información requirida para tomar unha decisión, seis anos despois da chegada de Pemex, que solta lastre e abandona de vez Galicia tras varios anuncios por parte do Executivo de Feijóo que nunca chegaron a nada.Agora, será o Xulgado número 3 do Mercantil de Vigo quen emita axiña o auto que confime a entrada en preconcurso de Barreras en canto analice a solicitude e comprobe que cumpre con todos os requisitos.
|
PRAZA_983
|
O comité de empresa da canle pública "alerta publicamente" da "manipulación" dos informativos e do "agravamento dunhas prácticas anticonstitucionais" con motivo dos vindeiros comicios locais.
|
Os traballadores da TVG volven denunciar a "manipulación" dos informativos, a "presión" sobre os traballadores e a intensificación do sesgo nas novas dos telexornais con motivo da precampaña para os vindeiros comicios. O comité de empresa da canle pública, que leva tempo advertindo destas prácticas, "alerta publicamente" nun comunicado do "agravamento destas prácticas anticonstitucionais, relacionado coa vindeira convocatoria de eleccións municipais". O comité de empresa denuncia o "agravamento" da "manipulación" e da "presión" sobre os traballadores O órgano de representación dos traballadores e traballadoras denuncia, en concreto, un "tratamento desigual das diferentes candidaturas políticas, coa promoción das pertencentes ao PP e a ocultación sistemática das conformadas por outros partidos ou coalicións, que, cando aparecen nos informativos, é só en relación con polémicas ou conflitos". O comité de empresa denuncia así "un repunte da inxerencia dos mandos intermedios sobre o traballo dos profesionais, con chamadas e presións constantes para determinar o sentido que deben levar certas informacións e mesmo para censurar a cobertura doutras". Estas prácticas levan tempo sendo denunciadas polos propios xornalistas da canle pública a través do blog Eu non manipulo, pero "a gravidade da situación fai que nestes momentos o comité asuma a responsabilidade de alertar publicamente sobre unha manipulación que considera burda, anticonstitucional e constitutiva de delicto". Os xornalistas son "chamados e presionados para determinar o sentido das informacións e censurar a cobertura doutras" O comité da TVG lembra oura vez que os profesionais do medio aínda non contan cun mecanismo "que evite as presións coas que teñen que traballar cada día e que garanta a liberdade e a independencia no exercicio dos seus labores informativos". Esa ferramenta cuxa creación, segundo denuncia o comité, non se quere abordar é o Estatuto Profesional que contempla a Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que obriga tamén a crear un Consello de Informativos, como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos "velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles". O Comité de empresa úrxelle ao Goberno e ao Parlamento a non demorar nin un minuto máis a creación destas ferramentas previstas na lei, imprescindibles para avanzar cara á democratización da televisión pública galega.
|
NOS_28130
|
Ao tempo que se reducen os casos activos do virus na poboación galega, estas explotacións -Galiza acolle a tres terzos de todo o sector existente en España- seguen a aparecer como lembranza do risco epidemiolóxico existente que veñen denunciando hai meses os colectivos ecoloxistas.
|
Ao tempo que baixan os contaxios e, polo tanto, os casos activos da Covid-19 na Galiza, as granxas de visóns volven estar de actualidade despois de que a Consellaría de Medio Rural comunicara a detección de dous novos focos do virus en dúas granxas de visións do municipio de Abegondo. A preocupación polo risco epidemiolóxico destes surtos ben sendo habitual entre os grupos ecoloxistas ao longo da pandemia, pois en todo momento indicaron que estes poderían ser focos dun contaxio moi elevado. Desde que comezou a crise sanitaria xa se notificaron 13 gromos nalgunhas das 25 granxas de visóns que existen no país, onde se concentra o maior volume de negocio do sector en España, pois aquí están tres de cada catro industrias destinadas ao mercado peleteiro. Os novos focos de SARS-CoV-2 afectan a dúas explotacións do mesmo municipio, Abegondo. A primeira, onde se identificou un caso positivo, conta con 10.742 exemplares, 1.996 delas reprodutoras, 12 machos e os 8.734 restantes, crías. A segunda das explotacións afectadas conta con 1.970 visóns, dos cales 478 teñen unha función reprodutora, 100 son machos e 1.392 son crías. Alí foron detectadas seis mostras positivas. Así as cousas, máis da metade das 25 granxas que existen na comunidade galega -con 71.479 reprodutora-- xa contaron con brotes de coronavirus. O primeiro episodio localizouse na Baña no mes de xaneiro e foi preciso sacrificar 3.100 visóns. Desde o pasado mes de xuño disparáronse os casos, con oitos brotes en pouco máis dun mes en explotacións coruñesas: Carral, Santiago, Abegondo (2), A Baña, Oza-Cesuras, Negreira, Curtis e Sobrado dos Monxes.
|
NOS_8487
|
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza este sábado "Un día con Rosalía". Unha xornada que conmemora o 150 aniversario da chegada da escritora á cidade da Coruña. Eis o amplo programa de actividades programados.
|
Palestras, roteiros, recitais poéticos, concertos, cinema, obradoiros... o programa de "Un día con Rosalía" ofrece actividades para todos os gustos. A celebración comezará este sábado, 23 de outubro, cunha alborada diante da casa en que viviu Rosalía, na Travesía Príncipe da Coruña, e continuará cunha visita guiada ao Arquivo Municipal para coñecer, da man da directora do arquivo, curiosidades ao redor da figura da escritora galega. "Estranxeira na súa patria" é a palestra que impartirá un dos meirandes especialistas na vida e obra rosalianas, o historiador e escritor Francisco Rodríguez, a quen a presidenta de Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, se refire como "un dos grandes coñecedores e descubridores desa Rosalía coa que todos hoxe concordamos, de símbolo dun pobo, de feminista, transgresora e defensora dun país". A presentación do último número da revista Follas Novas, co académico Xosé Luís Axeitos e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, será a seguinte actividade programada, á que segue un recital poético coa escritora Estíbaliz Espinosa. Ambas as accións diante do Teatro Rosalía. "Un día para Rosalía" tamén deixa espazo para a troula, cunha sesión vermú a cargo de Xurxo Souto. Esta sesión tamén decorrerá no teatro que leva o nome da escritora de Follas Novas. A sesión da tarde abrirase con "Curtas para Rosalía", un visionado das fitas sobre a obra de Rosalía que foron premiadas pola AS-PG. "O feminismo en Rosalía de Castro" será o punto forte do serán, cunha palestra a cargo da especialista María Pilar García Negro. A esta séguelle a conferencia sobre as "tres Rosalías", polo grafista e deseñor Pepe Barro, quen analizará as diferentes imaxes que se conservan da poeta. Ademais, presentarase Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas, con Xosé Luís Axeitos, mais un encontro arredor de "Na fronte unha estrela" con Martin Pawley. Como broche de ouro da xornada, Carmen Rey ofrecerá un concerto. Outras actividades "Un día con Rosalía" achega as iniciativas "manchea, imprenta tradicional"; visita guiada ao Circo de Artesáns (biblioteca e arquivo) con Manuel Miragaia; actividade coa ilustradora Noemí López Vázquez; "Has de cantar": obradoiro de canto con Marta Pumares; proxección sobre o teatro (lado da Mariña) de versos e imaxes de Rosalía á noite; "Dúas cancións para Rosalía" con Estíbaliz Espinosa; e, ás 22.30 horas, visita nocturna ao teatro Rosalía, guiada polo seu director.
|
NOS_40727
|
A Asociación de Traballadores de Residencias da Galiza (Trega) amósase indignada polo "trato de favor" cara a conselleira delegada do grupo e o seu irmán, que foron vacinados contra o virus antes da súa quenda.
|
A Asociación de Traballadores de Residencias da Galiza (Trega) amosou esta sexta feira a súa "indignación e rexeitamento polo trato de favor" recibido pola conselleira delegada do grupo DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, e o delegado territorial no país e o seu irmán Pedro Fernández Miguélez, que xa foron vacinados contra a Covid-19 pola Xunta. Ao igual que o fixeron os grupos da oposición pola inclusión destas dúas persoas na campaña de vacinación da Xunta, agora as e os empregados do sector destacan que "saltaron todos os protocolos, sen figurar nas listaxes elaboradas polo servizo público de saúde" e quedaron por diante de operarias "que si están en primeira liña" na atención das persoas máis afectadas pola pandemia. Non entenden a "actitude servil amosada polo presidente da Xunta", Alberto Nuñez Feixoo, pois entenden que defendeu as teses da compañía "amosando un descoñecemento absoluto da realidade". De feito, denuncian o "trato de favor" da Administración galega a esta directiva. "Non é certo que a señora Fernández Miguélez teña trato directo nin con usuarios, nin con traballadores, nin con familias de usuarios, ni sequera que acuda ás residencias de maneira regular", advirten desde Trega. É máis, sosteñen que a conselleira delegada só visita os centros en ocasións especiais nas que van políticas e políticos, para "a foto". Tamén aluden ás súas visitas guiadas a outros directivos da empresa. Neste caso deixan no aire unha denuncia en modo irónico: pensan que sería mellor que houbera estes encontros máis a miúdo para que as e os residentes das infraestruturas de DomusVi reciban "un menú máis nutritivo" e poidan contar con vasos de cristal para beber e panos de tea. Pola contra, lamentan, Fernández está "practicamente desaparecida" desde que comezou a pandemia malia as ducias e ducias de falecidos que decorreron nos xeriátricos do grupo. Pensan que "soamente importante eles mesmos e amasar diñeiro". Argumento feble En relación ao seu irmán e delegado territorial, cren que tampouco se sostén a escusa de que está en contacto con poboación de risco nin o feito de que teña espazo reservado como despacho nalgunhas instalacións porque, de ser ese un motivo para adiantarse na quenda de vacinas, terían que estar na mesma situación todos os "delegados territoriais" das residencias situadas no Estado español. Neste contexto, a entidade reclama a "dimisión ou destitución" de ambos responsábeis e solicita á Fiscalía as circunstancias nas que tiveron lugar os tratamentos contra o virus.
|
NOS_56129
|
O fondo de capital risco Blackstone desembarca na Galiza como xigante inmobiliario e pasará a xestionar centos de bens por un valor conxunto duns 1.200 millóns de euros. O sector inmobiliario galego encaixa o golpe e comeza a manobrar consciente da mutación que pode sufrir o mercado coa chegada dos estadounidenses.
|
A comezos de agosto o Banco Santander anunciaba que vendía o 51% do negocio inmobiliario do recentemente adquirido Banco Popular a Blackstone, no que era unha das maiores operacións inmobiliarias no Estado español. Na venda ía incluído o 100% do capital de Aliseda, a xestora inmobiliaria do Popular. Con esta operación, o fondo de capital risco estadounidense facíase con 1.200 millóns de euros en activos adxudicados na Galiza. Blackstone pasa a ser un dos actores principais do sector inmobiliario no país, canda Abanca e Sareb, o banco malo. O primeiro investidor estranxeiro en tixolo no Estado español xestionará a carteira de Aliseda, que posúe máis de 7.600 propiedades na Galiza. É unha lista non pequena que abrangue desde naves industriais de máis dun millón de euros a medio millar de vivendas, pasando por solares, hoteis, locais comerciais ou fincas sen urbanizar. Repartidos por toda Galiza, estes bens proceden dos investimentos realizados no seu momento polos Banco Pastor e Popular, moi activos no mercado galego. Blackstone pasa a ser un dos principais actores inmobiliarios na Galiza, canda Abanca e a Sareb Que engole? Algúns destes bens están nas mellores zonas, desde o punto de vista inmobiliario, de Galiza, como locais comerciais na Praza de Lugo na Coruña. Ou os selectos hoteis do Grupo 'La Toja Hoteles', na Toxa (O Grove) unha sociedade que estaba controlada nun 90% polo Popular. Blackstone aproveitou a xanela que lle abría a crise económica e o estoupido da burbulla inmobiliaria para entrar no Estado español, onde abriu a súa primeira oficina en 2014, se ben xa viña operando con anterioridade. Entre 2013 e 2014 destinou perto de 4 mil millóns de euros a adquirir vivendas no Estado español. Coa operación selada co Banco Santander, desembarca nun mercado tan apetecíbel como é o galego. Unha irrupción na que tivo un papel destacado un fondo voitre. [A íntegra desta reportaxe, unha dupla páxina, aparece no Sermos Galiza número 262, disponíbel na nosa loxa e tamén nos pontos de venda habituais]
|
NOS_10291
|
Este sábado, 13 de outubro, da man do historiador Carlos Nuevo.
|
"Todo canto eu fixen está ateigado dun amor a Galiza que calquera poderá igualar mais nunca superar". A frase de Ramón Vilar Ponte, estensíbel ao seu irmán Antón, mostra o compromiso que guiou estes dous irmáns viveirenses a través da súa actividade política, cultural, social ou xornalística. Este sábado, 13 de outubro, un roteiro urbano por Viveiro seguirá os pasos dos Vilar Ponte. Será a cargo do historiador Carlos Nuevo Cal [un dos autores da obra Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron] e organizado por Causa Galiza no marco das conmemoracións do centenario da I Asemblea Nacionalista de 2018. O roteiro partirá ás 18:30 da estación de autocarros desta localidade da Mariña.
|
NOS_34988
|
O Hospital Clínico de Santiago estreou recentemente un TAC que, segundo especialistas, non reúne as condicións necesarias. Segundo afirman, o escáner "pertence á gama máis baixa" e advirten de que a súa compra responde "a intereses comerciais".
|
O novo TAC do Chus "non reúne os requirimentos necesarios" para atender as persoas que son tratadas nas urxencias e que contan con patoloxías graves. Así o denuncia CESM-O'MEGA, que advirten de que tras varios meses de utilización "son evidentes as súas carencias en canto á resolución e rapidez". Persoas que teñen traballado con este equipamento advirten de que "pertence á gama máis baixa do catálogo". Fátima Nercellas, médico no servizo das Urxencias, en declaracións a Sermos Galiza, non dubida en apuntar que a compra do TAC "responde a intereses comerciais". Carmen Seoane é radióloga nas Urxencias do Chus e afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que o TAC "pode servir para un centro comarcal ou para un centro privado que faga poucos estudos pero un servizo de urxencias, onde se require de moita calidade de imaxe, é o lugar menos acaído para un equipamento así". Carmen Seoane (radióloga): "Non sei se se debe a un erro, a unha neglixencia ou se é para aforrar" A médica considera "incomprensíbel" que "despois de gastar tantos cartos, a Consellaría de Sanidade poña un aparato case peor do que xa estaba, que ficou obsoleto". Á pregunta de a que se debe a compra dunha máquina que non responde ás necesidades, responde que "non sei se se debe a un erro, a unha neglixencia ou se é para aforrar". A radióloga expón que para un paciente grave "é fundamental que o diagnóstico sexa o máis rápido posíbel e coa maior resolución". E o TAC do que dispoñen agora nas Urxencias "é moi lento, non nos resolve". "Tanto para os radiólogos como para os médicos responsábeis dos doentes, a situación é angustiosa porque ves que non che resolve", engade. É, ilustra, "como se compras un 600 novo e vas pola autoestrada e ves que non dá de si". Privatización As persoas expertas aseguran que o equipamento ao que fan alusión "forma parte da tecnoloxía que o Sergas incorporou a través do diálogo competitivo, que consiste nun novo modelo de organización da alta tecnoloxía na que é unha empresa privada quen se encarga de xestionar os equipos". O CESM-O'MEGA xa se dirixiu á Xunta de Galiza para reclamar a substitución do aparello por un que cumpra os requirimentos que son necesarios nas urxencias.
|
NOS_30093
|
Mulleres con ás é o nome dunha campaña solidaria de Nadal que lanza a marca de Artesanía da Galiza, Lumecú, coa idea de facer visíbel e referente diversas galegas destacadas na súa profesión e pola súa actitude vital. A iniciativa nace durante o confinamento da man de Mercedes Veites e inspirada por Luz Fandiño, que toma parte no proxecto e a quen se lle cede o privilexio de escoller a entidade beneficiaria da campaña, as escolas Semente de Compostela. Para colaborar, pódense mercar as camisolas e as bolsas, de algodón orgánico, a través da páxina web de Lumecú.
|
Cóntenos como bota a andar esta campaña de Nadal, Mulleres con ás.Pois xorde, fundamentalmente, por unha necesidade que viamos diante da falta de igualdade, de dar un recoñecemento para as mulleres actuais na Galiza, de empoderar a femia galega na nosa sociedade. No confinamento tivemos tempo de ver que había moitas mulleres facendo mil cousas por Galiza e que non se lles estaba a recoñecer ese labor. As nosas admiradas Rosalía, Emilia Pardo Bazán... son as mulleres que temos como referentes, pero na actualidade xa hai mulleres que son exemplo a seguir. Por iso tentamos facer unha concatenación do pasado con mulleres do presente para ensinar o futuro. O que lle pedimos ás participantes foi unha colaboración con Lumecú, onde elas nos dixeran cal era a súa referente. E quen integra esta campaña? Como foi que fixeron a selección?A selección que fixemos no inicio, no confinamento, realizámola tentando tocar todos os oficios que consideramos de maior relevo, desde o máis tradicional e menos recoñecido, como a viticultura, por exemplo, até mulleres no eido da tecnoloxía ou da ciencia. Na campaña participan Elena Ferro, que é a zoqueira da Galiza, oficio que ela mesma recuperou; a escritora Tamara Andrés; está tamén Lucía Pérez, a cantante; María Cheda, como parte dos medios de comunicación; está Verónica Ramallal, de Pekecha, a que queremos destacar no márketing dixital; Carmela Silva pola defensa da Igualdade; as gandeiras de Muuhulloa; e Eva López, do programa WomanEmprende... Ademais, claro, de contar con Luz Fandiño, que é a nai do proxecto, aínda que ela di que é a avoa. Temos unha rede de mulleres moi distintas entre elas pero que, ao mesmo tempo, loitan por algo que nos une e que é a igualdade, o recoñecemento e a defensa dos nosos dereitos. Nese primeiro momento elixímolas nós, foron os nosos referentes, o apoio noutros aspectos do proxecto Lumecú, e agora queremos que cada unha delas amadriñe outra muller para que cada vez a rede sexa máis grande. Daquela o proxecto terá unha continuidade? Esta campaña, que leva en funcionamento desde o 25 de novembro, e con moi bo resultado, vai durar até o 6 de xaneiro, pero logo temos interese en continuar o proxecto de cara ao 8 de marzo, buscando unha nova entidade beneficiaria. Por que decidiron que a primeira beneficiaria fose a Semente de Compostela?Elixímola porque o pilar fundamental de todo o proxecto é Luz Fandiño. Ela non leva ningún referente, quería levar a Rosalía, pero a nós parécenos que actualmente ela non necesita referente, e pedímoslle que nos dixese a quen lle gustaría doar os beneficios da campaña e ela respondeu rotundamente que a Semente Compostela, polo ensino en galego e en igualdade, que cremos que é o que permitirá reverter a situación da muller. Explíquenos en que consisten os referentes de cada colaboradora?Pedímoslle a cada unha que nos dese un referente, por exemplo, Elena Ferro escolleu a súa tía Agripina. Ademais, elixiu unha frase, "Non lle fagas a ninguén o que non queiras que che fagan a ti", e Lumecú bordou con ela unha camisola, que se vende coa bolsa "Eu tamén teño ás". Temos unha rede en Instagram, Mulleres con ás, e tamén a web de Lumecú, onde se presenta cada muller, o seu traballo e os produtos que vendemos.
|
NOS_24500
|
O xuíz decidiu abrir un xuízo ordinario como solicitou a defensa. Terá lugar o 4 de febreiro.
|
Após escoitar as partes o xuíz decidiu abrir un procedemento ordinario que culminará o vindeiro 4 de febreiro. Xurxo, activista da Asemblea aberta de Coia enfronta unha acusación de 3 anos de cadea por un suposto delito de "atentado á autoridade" e "agresións". Este veciño vigués foi detido na xornada de onte (7 de xaneiro) cando se atopaba na rotonda de Coia xunto unha ducia de activistas máis. Segundo o informe policial Xurxo tería agredido supostamente a un axente polo que foi prendido e levado a comisaría. Após ser posto en liberdade con cargos notificóuselle a abertura dun xuízo rápido. Segundo puido saber Sermos Galiza a Fiscalía pide 3 anos de cadea para Xurxo. Pola súa banda, a defensa demandou a abertura dun xuízo ordinario, como finalmente resultou, para garantir o dereito á lexítima defensa e achegar probas e testemuños que corroboren a versión do acusado.
|
NOS_11264
|
Unha enormidade. En xuño a Xunta apresentou o Pladiga para esta campaña co obxectivo de non se superar as 15 mil hectáreas ardidas. Pois ben, esta fin de semana, a máis negra da historia recente do país, as lapas devoraron un total de 35.000 hectáreas, segundo informou, e non foi sen tempo, a Consellaría de Medio Rural.
|
35.500 hectáreas representa unha superficie arrasada polo lume máis do que o total acumulado dos anos 2014, 2015 e 2016. A progresión de número de hectáreas ardidas nos últimos anos é francamente deprimente: das apenas 1.991 hectáreas calcinadas en 2014 ás 12.234 de 2005 até as 21.118 de 2016. O obxectivo marcado polo Goberno galego no Pladiga era 15.000 hectáreas, así que nesta fin de semana máis que se duplicou esa cifra. No que vai de ano arderon máis de 47.000 hectáreas, 12.600 até esta fin de semana e os 35.000 desta tráxica vaga de lumes.
|
NOS_32194
|
O conxunto ourensán venceu con autoridade ao Breogán no primeiro partido cara o ascenso á ACB (83-52). Este domingo, segundo encontro da serie ao mellor de cinco no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.
|
O Club Ourense Baloncesto (COB) impúxose no primeiro encontro da final galega de ascenso á ACB. O conxunto ourensán foi superior ao Club Baloncesto Breogán desde o inicio e conseguiu unha ampla vitoria (83-52) no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense. A intensidade defensiva do COB abriu pronto unha fenda no marcador, que foi crecendo ao longo do encontro. Chase Bernard Fieler e Marcos Suka-Umu foron os xogadores máis destacados. Fieler foi o máximo anotador do partido con dobres figuras: 16 puntos, 10 rebotes e un 70% de acerto en tiros de campo. Notable actuación tamén de Suka-Umu, que aportou 13 tantos, cinco rexeites e cinco asistencias. Por parte do Breogán, Osvaldas Matulionis, con 13 puntos, e López Alcañiz, con dez, foron os máis acertados do equipo lucense, que non tivo o seu mellor día. Desde o parcial inicial de oito puntos, o Ourense tivo un encontro cómodo, con tiros fáciles e defensas sólidas. Chegou ao descanso con 20 puntos de vantaxe. No terceiro cuarto tratou o Breogán de remontar e reduciuna a 13 tantos. Pero o COB volveu a mostrar a súa capacidade ofensiva e deixou o parcial en 62-37 antes do último cuarto, que mantería sen problemas até o final. Este domingo, ás 19 horas, disputarán o segundo encontro da serie eliminatoria a cinco partidos no Pazo dos Deportes de Ourense.
|
NOS_53390
|
"Ao fumar e exhalar o fume, xa sexa tabaco convencional ou dispositivos electrónicos, expúlsanse diminutas gotiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosa", salientan desde a Sociedade de Neumoloxía.
|
"Fumar ou vapear en tempos da pandemia COVID-19 supón un maior risco de padecer unha forma grave e de peor prognóstico da enfermidade". Así o salientan desde a Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), que recomenda non fumar nas terrazas e espazos públicos durante o período de desconfinamento, porque considera que son lugares nos que o risco de contaxio aumenta tanto para as fumadoras como para as persoas da súa contorna. "Ao fumar e exhalar o fume, xa sexa tabaco convencional ou dispositivos electrónicos, expúlsanse diminutas gotiñas respiratorias que poden conter carga viral e ser altamente contaxiosa, pero ademais, ao fumar é inevitábel levar a man á boca, ao nariz ou á cara, o cal facilita a entrada do virus no aparello respiratorio", explica o neumólogo Carlos A. Jiménez-Ruiz, presidente da SEPAR. "As gotiñas respiratorias son partículas diminutas", explica o doutor, "invisíbeis ao ollo humano, expelidas ao falar, tusir, esbirrar ou respirar, que poden transportar xermes infecciosos dunha persoa a outra". Estas partículas poden permanecer "até 30 minutos no aire en suspensión" e "alcanzan até os dous metros de distancia", o cal lles permite ingresar nas vías respiratorias das persoas da contorna e contaminar superficies onde poden "permanecer durante horas en función do tipo de material". "A evidencia científica xa nos demostrou que o coronavirus se transfire entre persoas a través das gotiñas de Flügge e por vías de contacto con superficies, polo que a nosa recomendación agora máis que nunca é non fumar", asevera o neumólogo Signes-Costa, coordinador da área de tabaquismo da SEPAR, que reúne a máis de 4.500 profesionais da saúde respiratoria. Vulnerabilidade das fumadoras Esta asociación profesional advirte que as substancias tóxicas do fume do tabaco diminúen as defensas dos pulmóns. "Iso facilita que os virus e as bacterias poidan infectar os pulmóns dunha fumadora con maior frecuencia que os dunha persoa que non consome tabaco", indican. Ademais, apuntan que "as células pulmonares das fumadoras, tanto de cigarros manufacturados como electrónicos, son especialmente susceptíbeis a ser infectadas polo SARS-Cov-2". Razóns pola que se explica que a COVID-19 sexa unha enfermidade moito máis grave nas persoas fumadoras que nas non fumadoras.
|
NOS_57091
|
Reino Unido é de facto o primeiro Estado en abandonar a Unión Europea. Ábrese entón un período transitorio até 31 de decembro para asinar un acordo comercial que estabeleza as novas regras do xogo entre os países membros e as illas no que Galiza terá moito que dicir en sectores como o téxtil, a automoción ou a alimentación.
|
En menos de 24 horas o Reino Unido deixará a Unión Europea. Consumado o Brexit, comeza un período transitorio no que os Estados Membro deberán negociar con Londres as novas regras do xogo, especialmente no que atinxe ao comercio entre ambos territorios. As persoas expertas non albiscan moitas esperanzas de que o Parlamento británico pida unha nova prórroga en xullo para negociar as condicións da saída, polo que o 31 de decembro será oficial a marcha do primeiro Estado do grupo da Unión Europea. Esta situación ten unhas implicacións moi salientábeis para Galiza. Son centos as empresas que manteñen relacións comerciais co Reino Unido ou mesmo teñen delegacións nese país. Aínda que a súa importancia na economía galega foi en descenso nos últimos anos, sobre todo após a votación na que os británicos marcaron o camiño de saída, as illas seguen a ser unha das principais clientas das empresas galegas. O pasado ano, en materia de exportacións, ocupaba a cuarta posición, con 1.500 millóns de euros de volume e un peso relativo de 7% sobre o total exportado. Máis de 500 empresas galegas colocan os seus produtos no mercado británico. O téxtil e a automoción son os principais bens exportados por valor, e por tanto as que máis expostas están. Pero dese medio milleiro de empresas, 85% corresponden a firmas de alimentación (conservas e viños), bens de equipo (fundamentalmente compoñentes da automoción), e outras manufacturas. En canto ás importacións, son arredor de 700 empresas as que dependen dos produtos británicos, aínda que o volume que manexan é máis pequeno que as exportadoras. En calquera caso, á vista dos datos, o director territorial de Comercio e do Icex na Galiza, Sergio Prieto, recoñece en declaracións a Nós Diario que "non nos podemos permitir o luxo de perder a este cliente". Plans de continxencia Desde o ICEX levan meses a traballar na preparación das empresas para o escenario 'post Brexit'. "Nós tiñamos moi claro que as empresas debían preparar plans de continxencia", o problema, apunta Prieto, é que "non vimos moita preocupación" por parte dalgunhas. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
|
NOS_19812
|
Puntos destacados do país acolleron na mañá do sábado actos simbólicos de protesto do BNG contra as políticas da UE que soportan as persoas refuxiadas, unhas políticas "que nos avergoñan", advertiron as nacionalistas.
|
Chamar a atención sobre a crise humana que padecen as persoas refuxiadas foi o obxectivo dunha serie de actos simbólicos do BNG que tiveron lugar na mañá do sábado en lugares emblemáticos do país, como a Torre de Hércules, a catedral de Santiago, O Castro de Vigo, a Muralla de Lugo, As Burgas de Ourense ou a ponte internacional de Tui. Con cartaces e pancartas co lema "Galiza c@s refuxiad@s, a militancia nacionalista solicitou "a anulación inmediata do acordo UE-Turquía" e "unha política de asilo que dea acollida ás miles de persoas que petan nas portas de Europa fuxindo da guerra ou da miseria". Precisamente o Bloque cargou contra a política exterior dos países occidentais, unha "política imperialista practicada ou auspiciada tanto desde Europa como desde os EUA". O BNG critica o "cinismo" do Estado español por ter acollido tan só 18 persoas A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sumouse ao acto convocado ao pé da Torre de Hércules, na Coruña, onde esixiu romper co acordo "ilegal e inmoral" que permite a deportación de milleiros de persoas refuxiadas. A dirixente nacionalista criticou "o cinismo" do Estado español após se comprometer a recibir milleiros de refuxiados e ter acollido tan só 18. O "mercadeo" de persoas provócalle ao Bloque "rabia e indignación", así como a desaparición de crianzas ou a morte de persoas polo frío. Eleccións galegas Preguntada polos medios a respeito da iniciativa dun grupo de militantes que queren postular Ana Pontón como cabeza de lista do BNG á presidencia da Xunta, a dirixente do Bloque sinalou que "é un apoio que me reconforta e que me fai reflexionar, mais é unha decisión de moita responsabilidade que non se pode tomar á lixeira". Recoñeceu que "si ten influencia o feito de que tantos compañeiros e compañeiras me amosen o seu apoio e me pidan que dea un paso adiante". Anunciou que nos próximos días dará a coñecer a súa decisión.
|
PRAZA_7135
|
Unha protesta veciñal detén a instalación dun histórico barco de Alfageme na zona e acusa o Concello dunha decisión unilateral que suporía un gasto duns 300.000 euros.
|
Coia rebélase contra a instalación dun histórico barco de Bernardo Alfageme na rotonda de Castelao. Veciñanza do popular barrio de Vigo concentráronse desde primeiras horas da mañá na zona, tal e como acordaran nunha asemblea aberta do día anterior, para deter as obras que se realizan para a instalación desta embarcación. Lograron o seu obxectivo sen incidentes e impediron que se continuase coas operacións para instalar esta embarcación. Unha protesta veciñal desde primeiras horas da mañá conseguir paralizar as obras Ademais de veciños, tamén houbo na protesta representantes do BNG, Anova ou Equo e membros de colectivos como a Federación veciñal. As accións contaron co apoio da Asemblea de Movementos Sociais de Vigo. Todos critican o custo da obra, que superaría os 300.000 euros, e denuncian que a instalación deste barco non terá efecto positivo ningún na economía nin na estética da zona. A decisión do goberno local é unilateral, xa que BNG e PP rexeitaron no pleno este emprazamento e recomendaron que a embarcación fose colocada no Museo do Mar do peirao vigués. O importa da obra non pode comprobarse, tal e como denuncian os manifestantes, xa que no apartado de Perfil do Contratante da web do Concello non aparece por ningures o contrato. Desde Coia denúnciase que mentres o Concello gasta os cartos nesta obra e noutras actuacións que consideran nada urxentes, non hai diñeiro dabondo para o local de Sereos, as Axudas de Emerxencia Social ou o cheque social. Ademais, lembran a precaria situación de desemprego e pobreza pola que pasan moitos veciños do barrio e da cidade. As concentacións continuarán nos vindeiros días, xa que son varios os colectivos que convocaron unha nova concentración para este venres a partir das 19 horas. "Non ao barco de Chanquete" é o lema dunha protesta á que seguirán máis manifestacións veciñais.
|
NOS_11018
|
A comunidade experta chama a extremar os coidados
|
"O risco cero non existe. A medida fundamental é a distancia social e o lavado sistemático e meticuloso das mans con xabón ou xel sanitizante". O epidemiólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Francisco Caamaño Isorna, fai un chamamento á cidadanía para levar a cabo un desconfinamento máis seguro, agora que os plans das Administracións propoñen un regreso paulatino ao traballo presencial. "Se podo manterme a dous metros dos demais, non necesito máscara facial. Sempre que non poida garantir eses dous metros, debo usala", apunta Caamaño, quen recomenda a "omnipresenza" dunha solución hidroalcólica en todas as oficinas, corredores, salas de espera, despachos e centros de traballo. Doutra banda, o profesor da USC sinala as portas, os ascensores, os baños e as zonas de paso como espazos chave nos que cómpre reforzar todas as medidas de protección. "A porta do edificio deberá ser automática ou estar permanentemente aberta, así evitaremos tocar o tirador". A mesma recomendación serve para as portas dos despachos ou de calquera outra dependencia compartida. E "na medida do posíbel, hai que evitar o uso do ascensor, e recuperar o uso das escaleiras", explica o epidemiólogo. No traballo e na casa Recomenda estabelecer corredores de sentido único para evitar cruzamentos, e nos baños, sistemas automáticos de apertura da billa. "Sería o ideal" apunta, co fin de completar un lavado de mans "sistemático e meticuloso". Francisco Caamaño Isorna, lembra que cando acaba a xornada laboral, as medidas de precaución continúan no fogar, sobre todo, no tocante ás prendas que empregamos durante o día. "A recomendación é lavar a roupa entre 60 e 90 graos. Unha boa opción pode ser utilizar algún uniforme, bata ou garda po exterior xa que será máis doado de xestionar". Con todo, conclúe Caamaño, o teletraballo "é unha excelente opción en tanto non teñamos unha vacina".
|
NOS_1265
|
Como cada sexta feira, Andrés Castro, achéganos unha suxerencia audiovisual para a fin de semana. Only lovers left alive non é só unha historia outra historia máis de vampiros.
|
Título orixinal: Only Lovers Left Alive Ano: 2013 Duración: 123 min. Nacionalidade: Reino Unido Director: Jim Jarmusch Guión: Jim Jarmusch Fotografía: Yorick Le Saux Música: SQÜRL Reparto: Tom Hiddleston, Tilda Swinton, Mia Wasikowska, John Hurt, Jeffrey Wright, Anton Yelchin SINOPSEEve (Tilda Swinton) viven en Tánxer e Adam (Tom Hiddleston) en Detroit. Son dous vampiros que tratan de agochar a súa condición por todos os medios. Pero os amantes necesitan estar xuntos así que Eve viaxa a Detroit para estar co seu namorado. Os días pasan felices ata que un día aparece a Ava (Mia Wasikoska), a imprevisible irmá de Eve, que lles pon patas arriba o seguro mundo que lograron construír co paso dos séculos. CRÍTICAAdam e Eve son dous vampiros que se reúnen tras moito tempo separados. Adam leva unha vida de estrela de rock fuxidía e discreta coleccionando guitarras únicas que lle proporciona un zombie (así é como chaman aos humáns). Eve é unha experta en literatura e datos históricos. Marlowe é o mentor e nexo entre ambos e ten moito que ver cun tal Shakespeare. Son seres cultos, refinados e aburguesados que pasan os séculos acumulando información, arte e obxectos únicos. Cando aparece a Ava, a irmá salvaxe e incontrolable de Eve, a vida aburguesada dos vampiros vai dar un xiro de 180 graos. Os nomes dos protagonistas, Adam e Eve, fan referencia aos libros que Mark Twain publicou na revista Harper's Bazar O primeiro que pode chamar a atención é o nome dos personaxes: Adam e Eve. Non se trata dunha referencia directa á Biblia como podería parecer a priori senón que utiliza os nomes dos protagonistas da serie de libros ilustrados que Mark Twain publicou na revista Harper's Bazzar a principios do século XX. Constancia deixada no visual no propio filme e corroborada nos agradecementos dos títulos de crédito final. Estamos ante cinema de autor con maiúsculas dun dos directores máis a contracorrente do panorama actual. Jim Jarmusch (Baixo o peso da lei, Noite na terra, Ghost Dog) foi adquirindo un estilo do máis persoal quedándose, co tempo, á marxe da industria e de calquera convencionalismo. Con Só os amantes sobreviven acada o cumio da liberdade artística e narrativa. Custoulle bastante pero conseguiu facer de novo o que lle deu a gana. Non por nada tivo que emigrar ao Reino Unido para que lle financiaran proxecto, xa que nos Estados Unidos, máis interesados nos resultados económicos que na arte, non conseguía quen lle produciran este traballo. Un traballo de estilo sobre vampiros románticos que é todo o oposto á saga Crepúsculo. Os catro protagonistas están fenomenal. Tom Hiddleston constata as maneiras de rock star que deixaba entrever na súa interpretación de Loki na saga de Thor; Tilda Swinton e John Hurt insuperables, coma sempre; e unha Mia Wasikowska (tamén no cast da última de David Cronenberg Maps to the Stars) que supón un sopro de ar fresco na historia. Cumpre salientar a banda sonora elixida para o filme, chea de detalles que acompañan os silencios e cavilacións das personaxes Ata a súa aparición todo transcorre entre situacións monótonas de dous vampiros snob solitarios e cansados de vivir unha vida que xa viviron mil veces ao longo dos séculos e á que apenas poden atoparlle sentido. Atopan desagradable a sangue humana por estar contaminada e só toleran a sangue pura cero-negativo de hospital. Situacións anódinas nas que parece que nunca vai pasar nada. Iso si, dentro cunha estética cool grazas á fotografía de Yorick Le Saux e unha crepuscular e coidada música new age. Banda sonora brutal chea de detalles que acompaña aos silencios e cavilacións de dous seres decadentes que teñen pouco que beber xa do mundo. Unha película coa que hai que ter algo de paciencia se non se quere saír da sala antes de tempo, mais os que coñecemos un pouco a Jim Jarmusch sabemos que soe reservar o mellor para o final. E aquí non é menos. Un romántico final con sabor a beixo que pecha de maneira moi particular un filme só apto para cinéfilos e para quen queira descubrir unha maneira diferente de facer cine. Os demais mellor absterse… ou non.
|
NOS_32328
|
O PS precisa 8 abstencións para aprobalos, mais só ten 5 aseguradas.
|
O Partido Comunista (PCP) e o Bloco de Esquerda (BE) ratificaron nas últimas horas que votarán en contra do Orçamento do Estado 2022 (OE22) presentado polo Goberno do Partido Socialista (PS). Unha situación que pon Portugal ao bordo da crise política, no camiño dunha convocatoria anticipada de eleccións xerais. A votación á totalidade está prevista para mañá. O líder do PCP, Jerónimo de Sousa, deixou claro esta segunda feira que o voto dos 12 escanos comunistas será contrario ao OE22. Tamén o BE advertiu ao longo da fin de semana que, salvo mudanzas de última hora, os seus 18 deputados votarán 'Non'. O PS goberna con 108 deputados, do total de 230 da Assembleia, polo que para sacar adiante os orzamentos necesita 8 abstencións, xa que os 79 deputados do PSD (centrodereita) votarán en contra. O Partido dos Verdes (2) tamén comunicou nesta segunda que votará en contra, e coas abstencións anunciadas do animalista PAN (3) e das deputadas non adscritas Cristina Rodrigues e Joacine Katar Moreira non lle abonda ao Goberno. Salarios e pensións De Sousa dixo que o OE22 debe centrarse na "elevação das condições de vida do povo", nun escenario en que as "fragilidades" do país foron "agravadas" pola pandemia. Así, exixiu un "aumento geral dos salários", nomeadamente do salario mínimo até 850 euros. A proposta foi presentada polo PCP a comezos deste mes, mais o Parlamento tumbouna co voto en contra dos grupos da dereita e do PS. Nunha chiscadela á esquerda, o primeiro ministro António Costa anunciou no sábado que aceptaba esa suba, mais non até 2025. A proposta do Goberno de Costa para 2022 é un aumento de 40 euros, até 705. O PCP considera ademais que cómpre subir as pensións, conxeladas durante os últimos anos "por resistência do PS", segundo sinalou onte De Sousa. Para os comunistas, dado o gasto dos pensionistas en sanidade, o aumento de 10 euros até 658 non é mais que "dar com uma mão e tirar com a outra". Sobre a posibilidade de alcanzar un acordo de última hora antes da votación de mañá, Jerónimo de Sousa asegurou aos xornalistas que non "acredita em bruxas" nin en "golpes de magia" que poida dar Costa. BE Tamén Catarina Martins, líder do BE, que xa na fin de semana deixou claro o 'Non' do seu grupo, recordou onte que os nove puntos presentados ao Goberno foron rexeitados, entre estes os relacionados co combate contra a pobreza, coas pensións ou co IVE da enerxía.
|
NOS_20588
|
Momboi vén de estrear o seu primeiro LP, Vacacións en Ornanda, un traballo moi persoal que trae a memoria estética do desaparecido Hostal Azteca da praia de Ornanda, en Porto do Son, e a explotación da costa da Galiza dos anos 90. Nós Diario conversa con Brais Sánchez, voz, guitarra e letrista de Momboi, unha formaciónque completan Daniel García 'Carba' (baixo e voces), André Garabato (teclado e sintetizadores) e Beny Mayo (batería).
|
De onde lle vén á banda ese son tan particular de mestura de folk-rock, ritmos latinos e tradición galega? O noso son é froito principalmente de escoitar moita variedade musical. O que facemos con esas influencias é tratar de externalizalas experimentando cos ritmos e coas texturas, tratando de evocar todo o que nos transmite. Momboi non somos un grupo que queira tocar un estilo determinado. Admiramos a xente que o fai e gústanos, pero o noso é diferente. Queremos que esta mestura sexa o noso sinal de identidade. A beleza efémera do verán O voso primeiro LP remite a unhas vacacións. Que viaxe singular transcorre agora entre as pezas deste traballo? O disco ten unha parte autobiográfica e outra que non. De pequeno pasei varios veráns no Hostal Azteca cos meus pais e a miña irmá. O curioso é que nós somos de Noia e o Hostal estaba a apenas 8 quilómetros da casa. Eran unhas vacacións para facer o mesmo mais pegadiños á praia. Por iso esta parte nostálxica é tamén bastante irónica. Nos directos sempre facemos bromas co Hostal e con ese tipo de turismo, moi estendido por toda a costa na década dos anos 90, incluso antes. E é tamén unha maneira de rir de nós mesmos. De aquí tomamos a estética do disco: as imaxes, os traxes, o grupo xogando ás cartas. Hai unha poética ao redor de todo aquilo que inspirou o traballo visual que levaron a cabo Pablo López e Chari Romero, de Morde. A outra parte do disco ten máis que ver coa natureza e os lugares comúns. Sitios que non cansas de visitar por moi transitados ou moi vistos que os teñas. Sempre haberá algo do mar que te chama, sempre algo do río, do monte. É parte de nós. Esta parte é quizais máis importante no disco porque empapa as letras, que tratan de levarnos a lugares máxicos, imaxinarios e incluso lisérxicos. Cal é a razón de que se gravaran as cancións tan separadas no tempo e en diferentes estudios de música? A imposibilidade de facelo antes. Este disco estaba pensado para saír a finais do verán de 2021 mais foi imposíbel por diversas razóns. As cousas levan o seu tempo e ás veces é mellor non apurarse e que todo flúa o mellor posíbel. Os sinxelos de Teresiña e Acacias gravámolos integramente en 'A Ponte dos Concertos', con Tomás Ageitos, e mesturounos Matias Unruh, de Gancho Sanches, no Grove. Matías fixo un grandísimo traballo, pero a mestura é un momento moi importante e non sempre tiñamos o tempo para desprazarnos, escoitar e decidir e facelo "a distancia" facíase duro. Entón preferimos facelo máis perto da casa, con Ángel Morandeira. Ángel é un gran músico de Noia que agora está centrado na produción musical. Parte da sonoridade das cancións é o resultado de telas gravadas con calma, sen a presión que tes nun estudio grande. Preferimos traballar desta maneira. Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi, finalistas do Concurso Fran Pérez "Narf" de música Que significou para o grupo pasar pola final do Concurso Narf que convoca anualmente a Deputación da Coruña? Foi un momento moi grande. Estabamos rodeados de bandas e proxectos boísimos e iso significou un impulso para nós. Os premios Narf son un certame importante co nome dun músico aínda máis importante e para a xente que non nos coñece serve como presentación. Ademais de todo o que significa Fran, un referente para quen fusionamos as músicas de raíz coa nosa tradición. Alguén nos dixo unha vez que "Fran estaría sorrindo se vos vise" tocando na Pousada da Galiza Imaxinaria.
|
NOS_50270
|
No que está considerado entre o século XII e o XIV o mapa máis preciso do mundo, elaborado polo máis importante xeógrafo do século XII, Abu AbdAllah Muhammad Al-Idrisi, recolle o Reino de Galiza. O ceutí mantén Galiza –espazo ocupado polo espazo cristián no territorio peninsular– e España –territorios do ámbito musulmán– como realidades diferentes. Eis un extracto da información publicada no Sermos en papel.
|
É unha das grandes xoias da cartografía mundial. Considerado entre o século XII e XIV como o mapa máis preciso do mundo coñecido, estaba formadopor 70 follas que recollen unha profusa información dos continentes europeos, africanos e asiáticos. O mapa, orientado cara ao sur na tradición das cartas elaboradas polos arabés, tomou como fontes as propias experiencias viaxeiras do seu autor, as expedicións de investigación a zonas descoñecidas promovidas polos impulsores do traballo, as informacións achegadas por mariños achegados a Sicilia que eran sometidos a un cuestionario e a tradición cartográfica anterior, fose de orixe clásico ou árabe. Actualmente hai arredor de 10 copias do mesmo, sendo as máis importantes a depositada na BodleianLibrary de Oxford, a copia de Oxford datada no Cairo en 1456, e a custodiada na BibliothèqueNational de Paris, realizada á volta do 1300 e que conserva 68 follas en cor, das 70 que conformaba o orixinal. A primeira das versións pódese consultar na propia páxina web da biblioteca francesa e a segunda nunha meticulosa edición realizada polo cartografo alemán KonradMiller en 1929. O autor da obra, Abu AbdAllah Muhammadal-Idrisi, coñecido como Al-Idrisi, foi o máis importante xeógrafo do século XII. Nado en Ceuta arredor de 1100, onde se atopaba refuxiada a súa familia, formouse en Córdoba, viaxou por Europa, África e Asia, sendo contratado á volta de 1140 polo rei normando de Sicilia Roxerio II para elaborar o seu coñecido atlas. Dedicou os últimos 18 anos da súa vida a realizar este traballo, tamén coñecido como Táboa Roxeriana por tratarse dun encargo do rei Roxerio II, sen esquecer outras achegas a diversas disciplinas do saber. Defendeu a esfericidade da terra sinalando que "a terra é redonda como unha esfera, e as augas adhírense a ela", significando moito antes que Galileo ou Copérnico que "as criaturas son estábeis na superficie da terra; esta atrae o que é pesado, mentres que o lixeiro é atraído polo aires". Deixou conta das súas viaxes nos seus escritos, onde excede a información xeográfica, ofrecendo dados de carácter etnográfico ou histórico. Porén non visitou o noso país en ningún deles. [Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 277, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
|
NOS_18126
|
Abelardo Sobral, canteiro de Postemirón, foi detido, torturado e asasinado polos falanxistas de Moaña e Vilaboa. Luís Bará recolle a súa historia en Non des a esquecemento.
|
Conta a memoria oral que foi fondeado na ría de Vigo, o seu corpo non apareceu nunca. A familia non tivo nin tan sequera unha tumba ou unha lápida onde poñer flores. Mais agora, case 80 anos despois, retornan as voces e os nomes daqueles obreiros que arelaban unha sociedade máis xusta. É o espírito da Regaduxa, que fai que florezan os cemiterios e as cunetas. Son os netos e netas de Abelardo Sobral, que reclaman xustiza, verdade, memoria...Luís bará dedícalle a historia no seu blog á bisneta de Abelardo Sobral, Teri Carro, membro do colectivo A Regaduxa, "na loita permanente pola xustiza e contra o esquecemento".
|
PRAZA_1153
|
Salvemos Cabana pide á Deputación da Coruña que tome "medidas urxentes" e limite o número de visitas para protexer o complexo arqueolóxico, cuxa réplica xa sufriu danos, e que conserva pinturas prehistóricas que son referencia no neolítico do norte peninsular.
|
O alcalde de Cabana de Bergantiños, o popular José Muíño, insiste en gabar a xestión do dolmen de Dombate. Presume de "20.000 visitas" desde que o Concello se fixo cargo da súa xestión tras asinar o convenio coa Deputación da Coruña, propietario deste importante xacemento megalítico. Sucédense os roteiros que xuntan centos de persoas ante un só vixilante de todo o complexo e a plataforma Salvemos Cabana, así como varios expertos, alertan dos perigos dun monumento que, denuncia, "tense convertido nunha especie de recinto multiusos sen control" que xa provocou danos na réplica do dolmen e que ameazan unhas pinturas prehistóricas conisideras "unha xoia da arte neolícia na Península Ibérica". O alcalde de Cabana presume dos milleiros de visitas, que Salvemos Cabana ve un risco ao realizárense sen control nin apenas vixilancia Así como a Cova Eirós -outra zona fortemente ameazada polos traballos de Cementos Cosmos- é considerada unha referencia do período paleolítico, o dolmen de Dombate éo do neolítico. Salvemos Cabana leva meses advertindo dos perigos que corre o monumento de seguir permitindo masivas visitas, sen apenas control e que chegan reunir ata un milleiro de persoas nun só día. "Hai veces nas que se xuntan 200 persoas xuntas, o que provoca os cambios das condicións e a afectación sobre as pinturas", explican desde a plataforma, que puido comprobar como un só vixiante ten que ocuparse tanto da réplica como do monumento orixinal. A plataforma pide á Deputación, propietaria do complexo, "medidas urxentes" para protexer o espazo O colectivo pide á Deputación da Coruña a adopción de "medidas urxentes" para protexer o complexo arqueolóxico e reclama a suspensión inmediata do convenio de colaboración subscrito co Concello de Cabana de Bergantiños "tras os danos aparecidos na custosa réplica do megalito debido ao descontrol sobre os grupos que acoden ao complexo". Tamén solicitan que se estableza unha "restrición" no máximo diario de visitantes a prol da "protección das pinturas orixinais de época neolítica que se conservan no interior do monumento". "Como ao alcalde non lle están a saír os seus proxectos, tampouco o da mina de Corcoesto, o que fai é converter o dolmen de Dombate nun salón multiusos", denuncian. Nun atractivo turístico sen demasiado control nin medidas de protección. Ridículas de comparar co que ocorre noutros xacementos, máis grandes en canto ao espazo que ocupan pero de igual importancia arqueolóxica. "O primeiro cometido do Concello debería ser favorecer a conservación das pinturas que chegaron ata os nosos días", insisten quen lembran que se está a intentar facer un foco de atracción un lugar "sen infraestrutura turística ningunha". "Non hai nin onde tomar un café". A réplica xa está danada e Salvemos Cabana advirte agora do risco que corren as pinturas rupestres "Sería impensable unha situación semellante noutros países europeos, onde este tipo de xacementos que albergan pinturas prehistóricas gozan da máxima protección e limítase a asistencia de público", insiste a entidade, que lembra os estritos controis en Altamira, onde só se permite "un reducidísimo número de persoas nunha visita de poucos minutos". O dolmen de Dombate foi dado a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema Queixumes dous pinos. Os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros, pero non foi ata finais dos anos 80 cando se levaron a cabo escavacións que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a Catedral do Megalitismo en Galicia. O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) o 11 de marzo de 1978.
|
NOS_24074
|
CIG sitúa o despedimento do operario, membro e ex delegado do sindicato na factoría, nunha "campaña de represión sindical".
|
Ferroatlántica cesou un traballador que levaba 28 anos prestando servizos nas centrais por un comentario nunha rede social. Denúnciao a CIG, sindicato do que o operario fai parte, que considera que o despedimento é unha medida "absolutamente inxustificada e desproporcionada", e que a mesma debe de enmarcarse " na campaña de represión sindical da compañía de Villar Mir contra a CIG pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas, a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e das centrais". "Nos 28 anos que leva prestando servizo nas centrais nunca antes fora obxecto de sanción", sinala o sindicato nacionalista. O traballador foi delegado do comité pola CIG. O comentario que utiliza a empresa para xustificar o despedimento, explica a CIG, foi escrito polo traballador no seu perfil de facebook catro días antes da celebración do referendo para a aprobación do convenio – consulta que a CIG ten impugnado "porque se permitiu votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos ao non ter contrato en vigor coa empresa, alterándose así o resultado substancialmente". O sindicato entende que eses comentarios deben terse en conta "nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e nun estado de nerviosismo moi acentuado, pola falta de transparencia na negociación, xa que o documento final non foi sometido á asemblea do persoal". De feito, sinala a central, o propio traballador pediu desculpas posteriormente e borrou o comentario da rede social, "polo que a situación non debería ter maior transcendencia, sobre todo tendo en conta que o comentario se fai fóra do centro de traballo e nun ámbito pechado". CIG destaca que o escrito polo traballador enmárcase no dereito fundamental á liberdade de expresión, "que a empresa, coa súa decisión de despedilo, está a vulnerar". Por este motivo, e após rematar sen acordo o acto de conciliación desta terza feira, o proceso para esixir a readmisión do traballador seguirá pola vía xudicial, "onde reclamaremos a nulidade do despedimento".
|
NOS_53137
|
A devolución de 1.400 millóns de euros que Euskadi pagou de máis en conceito do cupo durante o período 2007-2014 e a rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca son os dous grandes logros obtidos polo PNV na negociación co PP do seu apoio aos orzamentos do Estado para 2017. Aitor Esteban, portavoz jetzale no Congreso, xustificou con un "non hai alternativa" a luz verde ás contas dun partido manchado pola corrupción.
|
Os 5 escanos do PNV respaldarán o proxecto de orzamentos do PP, mais non será precisamente debalde. Antes de Aitor Esteban anunciar en conferencia de imprensa o apoio da formación soberanista ás contas do goberno Rajoy, o conselleiro de Economia de Ajuria Enea, Pedro Azpiazu, anunciou un acordo con Madrid sobre o contencioso do cupo. Euskadi consegue a devolución de 1.400 millóns de euros (demandaba 1.600 millóns) que, de acordo co executivo de Urkullu, pagou de máis durante o período 2007-2014 en conceito de cupo (o diñeiro que a Administración vasca transfire ao Estado para o pagamento dos servizos que empresta a Administación central, ben como para cobrir as competencias non transferidas e a alicota parte da débeda pública española que lle corresponde abonar ás e aos contribuíntes vascos). Non só se produce unha devolución dunha cantidade tan cuantiosa, senón que ademais fica estabelecido o cupo para os próximos cinco anos en 956 millóns de euros, 540 millóns menos que a cantidade correspondente a 2016 (no anteproxecto que enviou Montoro ao congreso o montante por este conceito ascendía a 1.200 millóns de euros). "É un acordo excelente", avaliou Pedro Azpiazu. Como obterá Euskadi a devolución dos 1.400 millóns de euros? Pois en anualidades sucesivas a descontar do cupo nos próximos exercicios: en 2017, a quita será de 10 por cento, en 2018 de 15 por cento, en 2019 de 20 por cento, en 2020 de 25 e en 2021 de 30. Mais o acordo vai alén de fechar o contencioso sobre o cupo nun sentido tan positivo para a facenda vasca. O PNV logra tamén unha rebaixa da tarifa eléctrica para a industria de Euskadi, "un aspecto que beneficia toda as empresas", dixo Esteban, sen precisar máis o contido desta medida. Tamén hai acordo sobre o cronograma completo do coñecido como o Y vasco, conexións ferroviarias cos aeroportos, ben como tamén o nihil obstat para que Ajuria Enea poda realizar novas convocatorias de persoal que permitan repor os postos de traballo amortizados na Ertzaintza.
|
NOS_29309
|
Nun acto conxunto de varias institucións para presentar as actividades do Ano das Irmandades, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reclamou que "este consenso para celebrar o centenario das Irmandades da Fala se traducise no consenso para defender a normalización da nosa lingua".
|
Neste acto, no que estaban os máximos representantes da Consellaría de Cultura, a Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega e Deputación de Pontevedra, ademais da propia Sanmartín, presentouse a programación completa dun Centenario onde brilla a implicación dalgunhas institucións e a escasa doutras, sobre todo en comparación coas actividades presentadas para o Centenario de Camilo José Cela e o 150 aniversario de Valle-Inclán. Estas serán as actividades e as datas clave deste centenario: - 18 demaio: Acto conmemorativo da creación das Irmandades na Coruña (RAG e Concello da Coruña) - 18 de maio: Inauguración da exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' na Coruña (Deputación da Coruña, Museo do Pobo, RAG e outros). Logo itinerará por todo o país. - Xuño-decembro: Ciclo de mesas de debate (RAG) - Outubro: mostra panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán (Arquivo Histórico Provincial de Ourense) - Outubro: Seminario "As nacionalidades na Europa de entreguerras (o contexto internacional das Irmandades") (CCG) - 17-19 novembro: Simposio "Repensando Galicia: As Irmandades da Fala 1916-1931" (Museo do Pobo) - 2017: Expo "As sociedades corais nos tempos das Irmandades" (CCG) - 2017: Seminario "Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX" (CCG) - 2018: Expo "Alba de Gloria: sobre a "simbólica nacional galega" (CCG) - 2018: Seminario "Galicia-América, unha viaxe de ida e volta" (CCG) - Web: O CCG poñerá en marcha a web das Irmandades e o Álbum das Irmandades, con biografías dos seus principais protagonistas. - Web: A Biblioteca de Galicia (Xunta) creará un novo micrositio en Galiciana sobre as Irmandades - Web: a RAG dixitalizará e poñerá a disposición pública fondos relacionados con este tema na súa web Asemade, o deputado da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, presentou a iniciativa pola que os pasos de peóns de vilas e cidades lucirán frases conmemorativas das Irmandades da Fala, con deseño das firmas Rei Zentolo e Caramuxo. Leal puxo a dispor dos concellos e das tres deputacións os moldes que permitirán que estradas e rúas celebren tamén o centenario das Irmandades. Consenso para o galego Era difícil que non saíra a relucir o conflito lingüístico se o tema eran as Irmandades da Fala. Mentres o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o papel fundamental das Irmandades "no cultivo do galego, no seu afán de dignificar a lingua, logrando que fose un idioma plenamente actual e útil naquela sociedade do primeiro terzo do século XX"; a vicepresidenta da Deputación da Coruña reclamou a volta ao consenso na normalización da lingua. "A partir das Irmandades xa non vai ser posíbel defender o galego en castelán. Con este movemento naceu a vontade de nos dotar de instrumentos políticos propios, de contribuír desde o cultural, artístico, teatral ou cultural até os ámbitos máis populares á normalización da nosa lingua", defendeu Goretti Sanmartín.
|
PRAZA_9808
|
Pilar Rodríguez Seoane, profesora xa xubilada da Universidade de Vigo, foi a responsable desta primeira táboa periódica en galego, en 1999. O mes pasado Xunta, RAG e outras institucións lanzaron unha nova tradución, que non poderá empregarse nas aulas de secundaria
|
O pasado 15 de marzo, coincidindo co 150 aniversario da creación da Táboa Periódica, presentouse unha edición en galego da táboa realizada coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o grupo de investigación da USC CienciaNOSA, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega de Ciencias e a Real Academia Galega. Anunciouse, ademais, que se distribuirán 13.000 exemplares desta táboa "entre a comunidade científica e educativa", a pesar de que o ensino en galego das materias de ciencias (entre elas Física e Química) non está permitido polo Decreto de Plurilingüísmo aprobado no ano 2010 polo Goberno do Partido Popular.Deixaron de publicala "porque o Decreto do plurilingüismo, da mesma Secretaría Xeral de Política Lingüística, prohíbe dar a Química, as Matemáticas e a Tecnoloxía en galego na ESO"Así mesmo, destacouse que a publicación e distribución desta edición en galego da táboa periódica constituía "un fito" para o idioma e que era a primeira ves que este documento era traducido e publicado na lingua propia do país. Porén, hai máis de 20 anos, en 1998 Edicións Obradoiro fixo unha edición en galego da táboa periódica, en colaboración coa Universidade de Vigo, que repartiu "masivamente" nos centros de ensino, unha táboa que foi reeditada en 2002 engandindo algúns elementos novos. O equipo impulsor desta edición pioneira destaca que deixaron de publicala "porque o Decreto do plurilingüismo, da mesma Secretaría Xeral de Política Lingüística, prohíbe dar a Química, as Matemáticas e a Tecnoloxía en galego na ESO".Pilar Rodríguez Seoane, profesora de Química Inorgánica da Universidade de Vigo, xa xubilada, foi a responsable desta primeira táboa periódica en galego e non oculta o seu malestar pola "invisibilización" á que as institucións que agora veñen de publicar esta edición someten a aquela iniciativa.Pilar Rodríguez Seoane non oculta o seu malestar pola "invisibilización" á que as institucións que agora veñen de publicar esta edición someten a aquela iniciativa pioneira"A primeira versión en galego da Táboa Periódica, da que son autora, publicouse, seguindo as normas da IUPAC, en 1998 en Edicións Obradoiro-Santillana coa colaboración da Universidade de Vigo", destaca, lembrando que ademais da reedición de 2002, posteriormente a Universidade "volveu publicar dúas novas edicións nos anos 2008 e 2013". Sinala ademais que esta edición "continúase actualizando" e que "para conmemorar o 150 aniversario da publicación en 1869 da primeira versión feita por Dimitri Mendeleiev, dende o comezo do actual curso académico está exposta unha táboa periódica de grandes dimensións na entrada principal da Facultade de Química da Universidade de Vigo".
|
PRAZA_11633
|
Marco Santos foi o único militar en activo que asinou o documento, que respondía ao manifesto militar de apoio ao ditador e que esixía que o seu corpo permancese no Valle de los Caídos. É acusado de "infrinxir os deberes de neutralidade política".
|
No verán do ano pasado un grupo de militares asinou un Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas. O texto era unha resposta a outro manifesto, feito público unhas semanas antes, que supuña unha "declaración de respecto e desagravio" a Francisco Franco e que demandaba a permanencia do seu cadáver no Valle de los Caídos. O cabo redondelán Marco Antonio Santos foi o único militar en activo que asinou o manifesto antifranquistaO manifesto demócrata limitábase a sinalar que Franco "non merece respecto nin desagravio ningún, senón a nosa repulsa máis absoluta por encabezar un golpe de estado sanguento e xenocida contra a legal e lexítima II República Española, pola feroz guerra civil posterior, e por unha ditadura opresiva e inclemente durante case corenta anos". Ademais, subliñaba que os militares non teñen "dereito ningún" a "presionar como colectivo ao Estado democrático".Case a totalidade de asinantes do manifesto democrático eran militares retirados e na reserva. Agás un, o cabo redondelán Marco Antonio Santos Soto. Santos foi inicialmente sancionado con tres faltas disciplinarias graves: a primeira por asinar o manifesto, a segunda por incluír na súa sinatura o engadido "Saúde e República", e a terceira por conceder unha entrevista a eldiario.es. Nesa entrevista denunciaba que "Levo 19 anos oíndo o berro de 'Arriba España' ao romper filas". Os motivos da expulsión son "a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional" e "infrinxir os deberes de neutralidade política"Agora Santos vén de recibir a súa expulsión do Exército, recibindo a máxima sanción posible da Lei Orgánica 8/2014 de Réxime Disciplinario das Forzas Armadas: "Resolución do seu compromiso coas Forzas Armadas". Os motivos da sanción, asinada polo Xefe de Estado Maior do Exército, son "a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional" e "infrinxir os deberes de neutralidade política".O equipo xurídico castrense que o sancionou hai meses xa sentenciou que "coa súa actitude xerou e participou nunha clara controversia de carácter ideolóxico e político cando iso lle está vedado ao manifestar exteriorizando a súa opinión e posición ideolóxica e política". E engadiu que o cabo "non goza dunha plena liberdade de expresión para expresar e manifestar publicamente todo canto lle pareza precisamente pola súa condición de militar".Marco Antonio Santos ingresou no Exército hai 19 anos, cando tiña 22. Afirma que "o franquismo nas Forzas Armadas está xeneralizado"Ademais do "saúde e república" denunciado, Santos escribiu: "os militares profesionais de tropa, os que estamos traballando día a día, con suor, bágoas, frío, facémolo polo noso país. Non cabe dúbida que os que apoian o escrito a favor do ditador xenocida son os que fixeron das Forzas Armadas o seu xardín particular desde o 36. Non estou disposto a que ese manifesto quede impune pois ataca directamente a esa Constitución coa que tanto se enchen a boca. As Forzas Armadas para servir esa Constitución deben ser totalmente democráticas e como membro activo repudio calquera homenaxe ao asasino". Marco Antonio Santos ingresou no Exército hai 19 anos, cando tiña 22. Pasou primeiro por Transmisións e despois por Sanidade e chegou a estar destinado en Kosovo en dúas ocasións. Santos sinala que xa agardaba a súa expulsión, pero que non consideraría que chegaría tan rápido. Na entrevista concedida a eldiario.es afirmaba que "o franquismo nas Forzas Armadas está xeneralizado", algo semellante ao defendido por Arturo Maira Rodríguez, outro dos asinantes do manifesto, que destacaba que "os simpatizantes co anterior réxime non son infrecuentes nas nosas Forzas Armadas, sobre todo nos seus niveis superiores"."Cuestións coma esta evidencian que o Exército nunca levou a cabo unha ruptura co Réxime franquista, que aniña franquismo nas súas filas e que tolera manifestacións franquistas nos seus mandos", di Antón SánchezA asociación de militares demócratas Asociación-Foro Milicia y Democracia (FMD) vén de demandar que sexa revisada a sanción e, igualmente, que se proceda "a modificar a actual lexislación e normativa aplicable aos militares en relación coa súa liberdade de expresión pública fóra do ámbito militar, reducindo o concepto de neutralidade política ás Forzas Armadas como institución e non a todos e cada un dos militares, cidadáns de uniforme ao cabo, que aínda hoxe en día ven minguados os seus dereitos humanos e constitucionais como consecuencia dos residuos autoritarios herdados da pasada ditadura".Marco Santos recibiu tamén este luns o apoio do Grupo Común da Esquerda. Antón Sánchez sinalou a este respecto que "a defensa dos valores democráticos non pode ser considerada como unha manifestación política partidaria" e que "cuestións coma esta evidencian que o Exército nunca levou a cabo unha ruptura co Réxime franquista, que aniña franquismo nas súas filas e que tolera manifestacións franquistas nos seus mandos. Os militares franquistas están moi cómodos neste Exército, mentres que os antifranquistas se ven constantemente minorizados".
|
PRAZA_12153
|
As centrais de CCOO e UGT en Vigo recollen a "demanda" da cidadanía e plantexan en firme a posibilidade de convocar unha folga a finais de marzo na mesma data que a Central Intersindical Galega (CIG)
|
Haberá folga xeral en Galicia. Que sexa unitaria (coa CIG) ou non dependerá dos apoios que UGT e CCOO recaben nas vindeiras semanas. Esta é a mensaxe principal que traslada o secretario xeral de Comisións en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, en declaracións a Praza Pública. Desde esta central queren estar seguros de que haberá suficiente respaldo da cidadanía, tanto da que ten un posto de traballo como da que non. "O fácil é chamar á folga ás primeiras de cambio", constatou a este diario. Aguión enfría así as declaracións que esta mañán fixeron os responsables de CCOO e UGT en Vigo nunha rolda de prensa que aventurou a posibilidade factible de chamar á folga á cidadanía "a finais do mes de marzo". O día 29 é cando a central nacionalista xa ten convocado un paro xeral na comunidade, ao igual que sucederá no País Vasco. Polo de agora, desde a secretaría xeral de CCOO prefiren continuar co traballo de explicación polos centros de traballo e centrarse en accións como a de este mércores. Non imos facer a folga cando diga Rajoy, senón cando esteamos listos Este mércores xa teñen programadas numerosas mobilizacións por todo o Estado. Que relevancia teñen estas protestas? É moi importante porque é unha xornada de mobilizacións a nivel europeo, convocada por todos os sindicatos en conxunto que, por primeira vez, condenan de xeito unánime as políticas económicas da Comisión Europea. Estamos radicalmente en contra da gobernanza económica que hai en Bruxelas e queremos criticar a forma e o fondo en que os Executivos están afrontando esta situación de crise. A forma é clara, porque hai un déficit evidente na Unión Europea en materia de gobernaza. As decisións, basicamente, son as que se impoñen desde Francia e Alemaña. E todos os plans perseguen o mesmo con ese patrón: o axuste por riba de calquera outra cousa, por riba do Estado do Benestar. A reforma laboral española foi ditada claramente por Bruxelas. E aquí dicimos que si, e que somos uns campións por facer caso ao que mandan A acción menciona directamente á banca... Porque se prioriza a débeda que teñen os bancos sobre as condicións de vida da cidadanía. Aí temos o exemplo clarísimo de Grecia e Portugal. Europa vai volver entrar en recesión económica pola asunción dunhas políticas do neoliberalismo económico máis puro. Isto está afectando ás condicións de traballo e provocan reformas legais e laborais que atentan directamente contra a clase traballadora. A reforma laboral española foi ditada claramente por Bruxelas. E aquí dicimos que si, e que somos uns campións por facer caso ao que mandan. As protestas do día 19 de febreiro foron moi concorridas. Como ven á cidadanía: chega coas mobilizacións ou requiren algo máis? Nós vemos que a xente reclama accións. O modelo do Estado de Benestar está en entredito, están desmantelándose os servizos públicos. Por iso digo que nós estamos aí, defendendo estas dúas cousas. Cada sindicato ten a súa maneira de actuar, e CCOO é un sindicato de clase que non antepón os seus intereses aos da xente que representamos. É preciso buscar cantos máis apoios mellor para recabar máis forza. Por iso seguimos neste proceso de explicación dunha reforma laboral indecente e que desprotexe aos traballadores. Vai haber folga xeral. Pero o fácil é chamar á folga A explicación baséase entón na reforma... Exactamente, que é un novo marco legal que dá todo o poder a quen xa tiña o cazo polo mango. Non vai xenerar emprego, vai abaratar o despedimento. E isto hai que explicalo. Canto máis fortes sexamos máis efectividade vai ter. Digámolo claramente, falamos dunha folga xeral. Pero non imos facer a folga cando diga Rajoy, senón cando esteamos listos e teñamos o suficiente número de apoios. Non queremos chamar só aos que están traballando, senón ao conxunto da cidadanía. Esta reforma ten un gran contido ideolóxico que cómpre explicar. Vai haber... Vai haber folga xeral. Pero o fácil é chamar á folga. Eu comprendo que nos medios... Vai habela, pero cando teñamos os suficientes apoios.
|
NOS_25050
|
Case 400 persoas participaron na segunda edición da iniciativa de Cousa de Raíces. As actuacións transcorreron en concreto os días 1, 5, 8, 9 e 15 de xuño, coincidindo en parte coa Semana do Medio Ambiente, nunha superficie total que superou as 10 hectáreas, distribuídas en 15 montes galegos
|
A segunda edición da Deseucaliptización simultánea impulsada por Cousa de Raíces eliminou dos montes galegos un total de 81.200 pés de eucaliptos e de acacias, entre gromos de cepa, plántulas e árbores de maior porte. Así o manifesta a propia organziación, que salienta que tomaron parte na iniciativa case 400 persoas, que acudiron voluntariamente a 15 montes galegos, da man de 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñal, educativo e de comunidades de montes. As actuacións transcorreron en concreto os días 1, 5, 8, 9 e 15 de xuño, coincidindo en parte coa Semana do Medio Ambiente, nunha superficie total que superou as 10 hectáreas, distribuídas en 15 montes galegos. 90% das especies exóticas invasoras eliminadas foi de Eucalyptus globulus (o máis espallado en Galiza), mais en seis das quince actividades realizadas tamén se intentou erradicar Acacia melanoxylon ou acacia negra e a mimosa ou Acacia dealbata. . Ademais, algúns dos grupos participantes, alén de eliminar exóticas, tamén plantaron nestes terreos especies forestais e froiteiras autóctonas, como foi nos casos da Finca Cambeiro en Corcubión, do monte de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade ou dos montes de Teis en Vigo. Outra das experiencias protagonizada pola asociación Betula, nas Fragas do Eume, consistiu en avaliar os resultados da cobertura de cepas de eucalipto con plástico negro para evitar que a luz favorecese o seu rebrote e a aparición de fungos saprófitos O grupo máis numeroso da II Deseucaliptización simultánea foi o convocado polo colectivo A Rente do Chan-Pladever, que conseguiu reunir nos montes de Gradín a 85 voluntarias e voluntarios, entre os que se atopaba o alumnado do IES e Pontecaldelas, que participa tamén no proxecto educativo "Monte Vivo".
|
NOS_28693
|
O 'Danger zone' aplicado en tres barrios da cidade alemá tomados por centos de anti-disturbios para frear os protestos ''supón que os cidadáns non teñen presunción de inocencia". Letrados, traballadores sociais e no eido dos dereitos sociais consideran que Alemaña "está a suspender dereitos constitucionais fundamentais".
|
Tres céntricos barrios de Hamburgo van camiño de cumprir unha semana baixo 'estado de excepción'. Isto é, con limitación e restrición de dereitos fundamentais, cunha Policía imbuída de poderes excepcionais (mesmo deter a persoas sen sospeita concreta) e co goberno social-demócrata a impulsar unha campaña contra o que cualifica de 'extrema-esquerda'. Altona, St Pauli e Sternschanze están as 24 horas do día tomados por centos de anti-disturbios procedentes de diferentes puntos de Alemaña. Avogados e activistas dos Dereitos Humanos alertan do que está a acontecer na cidade hanseática, a segunda máis poboada de Alemaña. "En 24 horas, os axentes expulsaron deses barrios a perto de 70 persoas, sen argumentación nin xustificación algunha", indica Pit Ziel, con anos de traballo no eido dos dereitos sociais. "En 24 horas a Policía expulsou deses barrios a 70 persoas, sen dar xustificación algunha" O intento de despexo de Rote Flora, un centro social e cultura con 24 anos de compromiso e traballo de base ás costas, derivou en protestos e manifestacións masivas de milleiros de persoas e tamén nun regueiro de enfrontamentos entre Policía e encarapuchados que deixaron centos de feridos. O gobernate SPD decideu optar pola man dura e decretar o 'danger zone' nos citados barrios, unha medida criticada non só pola esquerda (Die Linke) e Os Verdes, senón tamén polos liberais (FDP). Desde entón, medidas cercanas o toque de queda (concello e medios piden os cidadáns que non saian de casa alén das oito da tarde), suspensión de dereitos de reunión e manifestación, cacheos e identificacións arbitrarias, detencións.... Andreas Weck, avogado, reflexiona nas páxinas do diario Die Zeit: "a chamada presunción de inocencia xa non existe para os cidadáns. Isto significa que os policías poden levar presos e necerrar sen sospeita razoable e sen acreditar razón aparente a cidadáns por, simplemente, ter unha aparencia rara". "Os policías poden pasar por riba dos nosos dereitos constitucionais fundamentais, sen medo de que se lles pare os pés" Máis concretamente , prosegue Weck, "isto significa que os policías poden pasar por riba dos nosos dereitos constitucionais fundamentais, sen medo de que se lles pare os pés. É a suspensión do Estado de Dereito, ata novo aviso". Nesta mesma liña, activistas de base reflexionan: "Nos últimos anos, a visión cambiou na política e amplos sectores da sociedade aceptan que os dereitos civís deben pasar a un segundo plano na loita contra o crime". "A paranoia desatada polo 11 de setembro en EUA está agora na nosa porta"
|
PRAZA_1776
|
A Xunta mantén activada a prealerta por seca hidrolóxica e insta a poboación e concellos a "facer un consumo responsable" da auga, reducindo o seu consumo "na medida que sexa posible". Os encoros manteñen un nivel elevado, máis baixo nos situados en Ourense.
|
Galicia ten sede. O 2015 está a ser un ano moi seco e as consecuencias comezan a deixarse notar, tanto no nivel dalgúns encoros, as primeiras recomendacións para racionalizar o uso de auga ou no maior risco de incendios nos montes galegos. Foi seco o inverno, cun nivel de precipitacións lixeiramente inferior á media das últimas décadas, e por debaixo da metade do rexistrado no comezo de 2014 (un inverno especialmente húmido). E foi seca a primavera, cunha media de 206 l/m2 acumulados en marzo, abril e maio, fronte aos 311 habituais nesta estación (datos medios entre 1971 e 2000). O problema persistiu cun mes de xuño de novo case exento de chuvias (apenas 14 l/2, fronte aos 51 litros do 2014 e aos 53 litros medios). E o mes de xullo que está a piques de rematar repite esta tendencia. Este luns a sede de Augas de Galicia acolleu a Oficina Técnica da Seca, composta por persoal de Augas de Galicia, Meteogalicia e Medio Rural, que decidiu manter activada a prealerta por seca hidrolóxica e instar a poboación e concellos a "facer un consumo responsable do recurso hídrico e intentar reducir o consumo de auga na medida que sexa posible". Dende a Xunta sinálase que "o nivel dos encoros segue sendo suficiente para garantir o abastecemento aos maiores núcleos de poboación", pero recomenda que a poboación realice un consumo responsable, intentado aforrar auga nas actividades cotiás, tendo en conta que aínda que esta semana se prevén algunhas chuvias, "no comezo do mes de agosto terase elevadas probabilidades de ver outro período anticiclónico, seco e soleado". 2015 2014 1971-2000 Xan 164 312 165 Feb 122 268 148 Mar 48 101 98 Abr 90 85 111 Mai 68 62 102 Xuñ 14 51 53 Xul - 50 32 Precicipitación media mensual en Galicia. En l/m2. Fonte: Meteogalicia En conxunto, nos seis meses de inverno e primavera (dende decembro de 2014 ata maio de 2015) a precipitación media acumulada foi de 555 litros por metro cadrado, a metade da caída en 2013 e 2014. Si supera, por exemplo, os niveis de 2012 (500). Porén, nesa ocasións a relativa seca do inverno e a primavera foi aliviada por uns meses de xuño e xullo máis húmidos do habitual. En 2012 en xuño caeron 79 litros por metro cadrado e outros 21 en xullo. Pola contra, este mes de xuño a precipitación media en Galicia foi de tan só 14 litros/m2 (fronte a unha media de 53 litros nos últimos anos). E neste mes que xullo que estamos a piques de rematar, as cifras van ser igualmente inferiores aos niveis medios. Nas estacións meteorolóxicas das sete cidades galegas as chuvias recollidas nos primeiros 27 días do mes van dende os 21 litros de Compostela ou os 19 de Pontevedra, ata os 11 de Ferrol, os 7'5 de Vigo, ou 5 da Coruña, os 4 de Lugo ou os 0'2 de Ourense. Se entre decembro e maio deste ano as precipitacións eran case un 50% inferiores ás de 2014, os datos de xuño e xullo confirman esa tendencia. 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 417 658 682 785 695 927 650 500 1102 1012 555 Precipitacións totais nos seis meses de inverno e primavera. En l/m2. Fonte: Meteogalicia. Os encoros galegos, no entanto, rexistran aínda datos elevados. O nivel medio sitúase esta semana no 75,59%, con 2,428 hm3, unha cifra situada lixeiramente por riba da media dos últimos dez anos (74.17%), aínda que xa por debaixo dos anos 2013 e 2014 a finais de xullo (81,23% en 2014). Presas tan importantes coma Portodemouros, Belesar ou Portas manteñen ao redor de tres cuartas partes da súa capacidade. Si pode ser máis preocupante a situación dalgúns encoros da provincia de Ourense, que xa se atopan por debaixo do 50 por cento da súa capacidade ou próximos a ese nivel; é o caso de Albarellos (37 hm3 de 91), Cenza (12 de 40), Edrada (7 de 14), Chandrexa (36 de 61), Salas (39 de 87) ou Santo Estevo (137 de 213). A pasada semana a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil activou a prealerta por seca e o consumo de auga está limitado en Cualedro, Baltar e Barbantes.
|
NOS_19894
|
Milleiros de persoas saíron ás rúas en distintos puntos do país para asistir ás manifestacións convocadas pola CIG polo 1 de Maio. A máis numerosa foi a de Vigo, na que participou o secretario xeral, Suso Seixo, que chamou a acabar coas sucesivas reformas laborais do PSOE e do PP.
|
Con berros como "A crise social, que a pague o capital" ou "Coa CIG na rúa, a loita continúa", milleiros e milleiros de persoas percorreron as rúas das cidades e principais vilas do país para reclamar a derrogación das reformas laborais do PP e do PSOE, a derrogación da Lei Mordaza e soberanía para que Galiza poida decidir. Tamén saíron á rúa para protestar contra a política antisocial que practica a UE e contra o capitalismo. O epicentro das mobilizacións do sindicato nacionalista foi Vigo, manifestación na que participaron 10.000 persoas e á que asistiu o seu secretario xeral, Suso Seixo. Na súa intervención, ao concluír a marcha, cargou contra as reformas do PSOE e do PP, unhas reformas "con graves consecuencias para a clase traballadora" e que supuxeron "abaratar e facilitar os despedimentos individuais ou colectivos, reducir a contía das prestacións por desemprego e dificultar o acceso ás mesmas, provocar unha caída xeneralizada dos salarios, incrementar a xornada laboral e a precariedade e facilitar o incumprimento dos convenios e debilitar a negociación colectiva". Suso Seixo: "As reformas laborais que representan o maior ataque desde a transición contra os dereitos e intereses da clase traballadora" "En definitiva, estamos a falar dunhas reformas laborais que representan o maior ataque desde a transición contra os dereitos e intereses da clase traballadora, levadas adiante coa única finalidade de debilitar a clase traballadora e incrementar o poder e os beneficios do capital", acrecentou o secretario xeral da CIG, quen reclamou "a inmediata derrogación destas reformas laborais por representar un brutal recorte de dereitos e da calidade de vida da clase traballadora". Contra a Lei Mordaza Suso Seixo tamén se pronunciou contra a Lei Mordaza, unha lei promovida polo PP "para reprimir a contestación social contra as súas políticas antisociais e antiobreiras". Cualificouna de "profundamente antidemocrática" e de "instrumento represivo, en mans da policía e da dereita, que pode ser usado de forma totalmente arbitraria e discrecional contra aquelas persoas e organizacións que lle resulten molestas por opositoras ás políticas promovidas dende o poder". Suso Seixo: "A Lei Mordaza recorta gravemente dereitos como o de manifestación, expresión ou información" Unha lei, engadiu, que "non respecta o principio de presunción de inocencia e que recorta gravemente dereitos como o de manifestación, expresión ou información". Contra unha UE antisocial Aliás, o secretario xeral da CIG criticou o trato que lle dá a UE ás persoas refuxiadas. "Cómpre empezar por denunciar a hipocrisía e o cinismo desta UE que ao tempo que se lle enche a boca falando de dereitos humanos, promove todo un conxunto de medidas represivas e inhumanas contra estas persoas", apuntou. Seixo critica a hipocría e cinismo da UE Denunciou que "estamos a falar de seres humanos que foxen de escenarios de miseria ou de perigo de morte, provocados en moitos casos polas políticas imperialistas da UE e dos seus aliados para favorecer abertamente os intereses xeoestratéxicos e económicos do capital transnacional". Polo dereito a decidir Suso Seixo apelou durante súa intervención á defensa do dereito a decidir. "É de vital importancia", salientou, "se queremos realmente superar certos parámetros económicos, sociais e culturais que caracterizan a nosa sociedade como son os altos índices de emigración; a perda e avellentamento da poboación; os salarios e as pensións máis baixas do Estado; o espolio continuado do nosos aforro, dos nosos recursos enerxéticos e das nosas materias primas; o abandono da nosa cultura e a perda de galego falantes ou a mentalidade e o complexo de colonizados". Seixo: "A única garantía que temos de poder mudar esta situación está en que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario en Galiza" "Galiza non ten futuro mentres dependa de forzas políticas e de institucións políticas e financeiras españolas", advertiu Seixo, quen subliñou que "a única garantía que temos de poder mudar esta situación está en que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario en Galiza". Por outro modelo económico e social Aliás, Suso Seixo criticou o capitalismo, un sistema que fomenta "a insolidariedade; a desigualdade social; a incultura; o feminicidio; a opresión dos pobos; a negación do carácter universal de dereitos fundamentais como o ensino, a saúde, o traballo, a vivenda, a enerxía, as pensións e outros; o confronto entre pobos e seres humanos e a explotación do home polo home". "Manifestamos pois, nesta data tan significativa para a clase obreira e para a CIG, como central sindical de clase e internacionalista, o noso firme compromiso e determinación de seguir a loitar por superar este sistema capitalista e facer realidade un novo sistema económico e social en Galiza que faga realidade a emancipación social e nacional da clase obreira galega", concluíu. Ana Pontón chama a trasladar as reivindicacións do 1 de Maio ao 26X A portavoz nacional do BNG –formación que se sumou a todas as mobilizacións organizadas pola CIG- pediu o traslado das reivindicacións do 1 de Maio ao 26 de xuño, día no que se repetirán as eleccións xerais co fin de que Galiza "recupere a súa voz propia en Madrid". Pontón lamenta que "non se aproveitase a maioría parlamentar suficiente para derrogar tanto as reformas laborais como a Lei Mordaza" A nacionalista lamentou que durante os últimos catro meses "non se aproveitase a maioría parlamentar suficiente para derrogar tanto as reformas laborais como a Lei Mordaza". Nas declaracións aos medios, que ofreceu xunto a Suso Seixo antes de dar comezo a manifestación da CIG en Vigo, tamén cargou contra Feijóo por "estar contento" coas cifras do paro. "Hai máis de 228.000 persoas que non teñen emprego" e "case 200.000 teñen ingresos anuais inferiores aos 2.000 euros", acrecentou. Beiras di que a clase traballadora se converteu nunha escrava O portavoz de Anova e de AGE, Xosé Manuel Beiras, tamén participou na manifestación da CIG en Vigo, onde denunciou que a "clase traballadora, que engloba a Galiza mariñeira e a labrega, e os autónomos traballadores, entre outros, está convertida en escrava". Tamén aludiu aos traballadores precarios e apelou á "mobilización e á rebelión cívica".
|
NOS_11648
|
O fundador e portavoz de Wikileaks acusa do corte da súa conexión a Internet o mesmo goberno que lle concedeu o asilo en 2012. Desde xuño daquel ano, o ciber-activista mora na embaixada ecuatoriana en Londres.
|
Assange ficou sen conexión a Internet após o sábado Wikileaks ter filtrado correios electrónicos que demostrarían que Hillary Clinton pronunciou tres discursos pagos pola financeira Goldman Sachs, algo que o Partido Demócrata sempre se resistiu a admitir. A ala esquerda do Partido Demócrata, a representada por Bernie Sanders, atacou Clinton durante as primarias precisamente co argumento de que estaba moi próxima ás elites de Wall Street. Estas filtracións non son as únicas que está a realizar Wikileaks con material sensíbel para a campaña de Clinton. Desde hai semanas, o portal ciberactivista está a difundir correios comprometedores para o Partido Demócrata. Algunhas fontes afirman que a organización fundada por Assange estaría neste momento en posesión de máis de 40.000 mensaxes enviados por John Podesta, un dos chefes da campaña de Clinton e ex asesor da Casa Branca. Wikileaks nega calquera vínculo con Moscova e, ao tempo, alega o seu dereito xornalístico a non revelar a fonte da información. Como conseguiu Wikileaks todo este material? As sospeitas de Washington e dos demócratas apontan a Moscova. Nas últimas semanas, Putin foi sinalado directamente como o responsábel dun ciberataque masivo ao partido que lidera Clinton, visando favorecer as opcións de Donald Trump nas eleccións presidenciais que decorrerán o próximo 8 de novembro. Wikileaks nega calquera vínculo con Moscova e, ao tempo, alega o seu dereito xornalístico a non revelar a fonte da información. É nese contexto en que se produce, segundo denuncia Wikileaks, o corte da comunicación por Internet da que viña desfrutando Assange na embaixada de Ecuador, a súa residencia desde xullo de 2012. O ciberactivista australiano solicitou o asilo a Quito ao ter sido demandada a súa extradición pola xustiza sueca en relación a un caso de abuso sexual que atinxiría dúas mulleres. Ecuador non quixo oficialmente entrar no asunto do corte de Internet e, a meio dun comunicado oficial, limitouse a sinalar que "face as especulacións de última hora, o goberno de Ecuador ratifica a vixencia do asilo concedido a Julien Assange hai catro anos".
|
NOS_44894
|
No resto das cidades galegas a militancia aposta nunha solución de consenso. Canto ás vilas, haberá competición entre dous candidatos en Ames e Sanxenxo. As primarias estarán moi masculinizadas: só 2 mulleres, entre 15 aspirantes ás secretarías xerais locais.
|
O partido morado reactiva o seu funcionamento convocando unhas eleccións primarias locais para elixir os secretarios xerais municipais en once poboacións galegas. En Compostela competirán pola secretaría David Domenech —próximo á liña de Errejón— e Álex Botello —do sector oficial—mentres que na cidade de Vigo rexistraron a súa candidatura Pablo Orge Ballesteros, afín ao ex secretario de Organización, Juan Merlo, e Xaquín Pastoriza, posicionado coa nova dirección que encabeza Antón Gómez Reino. No resto das cidades un único aspirante conseguiu os avais necesarios: na Coruña presentarase José García Buitrón —dirixente que mantén unha relación moi estreita co secretario xeral galego-— en Ferrol, Borja San Ramón Tizón; en Lugo, José Manuel Pérez Afonso; en Ourense, Alfonso Victor Ferreiro Outomuro e en Pontevedra, José Ramón Otero Quinteiro. No caso das vilas, en Ames concorren Manuel Pardo Castro e Eusebio Ónega, mentres que en Sanxenxo o fan Antonio Manuel Villanueva Area e María del Carmen Camiña Vázquez. Nas demais, acadouse unha proposta de consenso: en Gondomar, Manuel Lado García e en Sarria, Paula Santiago Fernández. Para poder votar, as inscritas e inscritos en Podemos Galicia poderán facelo vía telemática dende o día 20 até o 25, ambos incluídos. Os resultados faranse públicos o día 27 de novembro.
|
PRAZA_13596
|
A decisión de Rabat de retirar a confianza ao enviado especial da ONU para o Sáhara Occidental, o estadounidense Christopher Ross, acusándoo, sen entrar en detalles, de "proceder desequilibrado e parcial", deixa novamente o conflito desatado en 1976 nunha canella sen saída.
|
A decisión de Rabat de retirar a confianza ao enviado especial da ONU para o Sáhara Occidental, o estadounidense Christopher Ross, acusándoo, sen entrar en detalles, de "proceder desequilibrado e parcial", deixa novamente o conflito desatado en 1976 nunha canella sen saída. Resulta difícil crer que Ross se apartara das grandes liñas trazadas polo Consello de Seguridade para a negociación. Ban Ki-moon, de feito, reaccionou de inmediato amosando a súa confianza no labor do seu mediador. Ao parecer, o bloqueo relaciónase coa diferente sensibilidade expresada por Ross a propósito dos intereses das dúas partes en conflito en aspectos non directamente relacionados coa solución última do contencioso. A diplomacia marroquí leva tempo alimentando os temores dun enredo da causa saharauí no islamismo, salientando supostas complicidades do Polisario con grupos ligados a Al-Qaeda A diplomacia marroquí leva tempo alimentando os temores dun enredo da causa saharauí no islamismo, salientando supostas complicidades do Polisario con grupos ligados a Al-Qaeda e involucrados no contrabando de armas, droga e tabaco na rexión, con especial envolvemento no norte de Mauritania e Malí. As acusacións de Rabat, porén, non teñen moito eco internacional e diso cúlpase tamén a Ross. A actitude do mediador estadounidense, pola contra, sería diferente a propósito dos intentos de alargar o mandato da MINURSO á vixilancia dos dereitos humanos, unha petición habitual do Polisario. Os problemas existentes nesta materia teñen motivado relatorios moi críticos coa actitude marroquí, artífice dunha minuciosa vixilancia policial que chega ata o persoal e os movementos dos propios oficiais da MINURSO. Outras ideas recentemente suxeridas por Ross (constituír un grupo de sabios magrebís e un grupo de contacto de saharauís) foron recibidas con desagrado por Rabat. Estas circunstancias converxen co predominio dun ton levemente negativo e desaprobatorio respecto a Marrocos nos corredores da ONU, o que tampouco agrada no reino. Rabat agardou a que o Consello de Seguridade, en abril, prorrogase un ano máis o mandato da MINURSO, abríndose así un tempo de espera que pode afectar aos encontros informais programados entre ambas partes (van nove). Neles, mais aló da actitude construtiva amosada, un eufemismo que reflicte a frustrante situación de stand by, pouco se ten avanzado ata agora na solución das cuestións de fondo, bloqueadas en posicións irreconciliables.
|
NOS_31375
|
A portavoz nacional do BNG indica que o teito de gasto anunciado polo executivo galego é menor ao das contas actuais.
|
O teito de gasto anunciado polo goberno galego para os orzamentos de 2017 indica que imos ter unhas contas "menos expansivas" que as actuais embora que o goberno insista en que se sae da crise. Afirmouno Ana Pontón, portavoz nacional do BNG este domingo durante a súa visita á X edición da Semana gandeira de Mazaricos. "Máis aló do anuncio publicitario, as cifras que se anunciaron din que Galiza terá un orzamento menos expansivo que o actual. En 2016 os presupostos medraron en 437 millóns de euros, mentres que para 2017 anunciase unha subida de 190 millóns de euros. Con este dato, como pode presumir o señor Feijóo de ter un orzamento expansivo?", manifestou Pontón. A portavoz nacionalista indica que o feito de que o teito de gasto para 2017 continúe por baixo dos niveis anteriores á crise "demostra a insuficiencia do actual modelo de financiamento para Galiza". .A isto engade que o medre económico previsto para 2017 polo propio executivo galego vai ser do 2,4% fronte ao 3,1% que se anunciou para o presente exercicio.Un descenso de cinco décimas. Os datos difundidos pola Xunta fan prever para a portavoz nacionalista unhas contas públicas "insuficientes para recuperar os servizos públicos privatizados e para financiar políticas de benestar social como as derivadas da lei de dependencia, ou para contar con recursos suficientes para promover políticas activas de emprego". Gandeiría Durante a súa á Semana Gandeira, Pontón lembrou que entre as medidas que o BNG considera prioritarias para o sector figuran garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da ddministración no mercado, para evitar o dumping que practican industrias e grandes superficies extorsionando aos produtores. Neste mesmo sentido, contratos homologados cun prezo mínimo para o produtor de leite e control desde a Administración para que se cumpran.
|
NOS_29879
|
Máis de 5,2 millóns de catalás e cataláns, segundo o último censo electoral, teñen a posibilidade de votar o vindeiro 25-N. As dúas enquisas publicadas, unha da Generalitat e outra do goberno español, coinciden na vitoria de Artur Mas e difiren na súa maioría absoluta. As CUP acadarían representación no Parlament.
|
Será o Parlamento da X lexislatura. En total concorren 62 candidaturas, 16 por Barcelona, Lleida e Tarragona, e 14 por Girona. A poucas horas de comezar a campaña electoral en Catalunya dúas enquisas tentan achegar cal é o sentimento do pobo catalán e a súa intención de voto de cara as eleccións do 25-N. O Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) dependente do Ministerio de Presidencia do Estado español asegura que CiU aínda non ten a maioría absoluta, que en Catalunya está nos 68 escanos. A formación que lidera Artur Mas conseguiría entre 63 e 65 escanos mentras que o PSC caería dos 28 aos 19 escanos, mantendo a súa posición como segunda forza política, e ERC tería un espectacular aumento de 10 a 17 deputad@s. O PP reduciría a súa presenza no Parlamento catalán de 18 a 16-17 deputad@s e Ciutadans subiría en representación de 3 a 7. ICV acadaría 11 escanos, un máis que na actualidade, e Solidaritat reduciría a súa presenza de 4 a 1. Segundo os datos facilitados polo CEO o 69,8 por cento propón un cambio de relación co Estado español O Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) da Generalitat de Catalunya dalle a maioría absoluta a CiU con 69-71 escanos, seguido do PP con 18-19 e o PSC con 15. ERC conseguiría 14 deputad@s e ICV repitiría o resultado das anteriores con 10. Ciutadans subiría a 6 e as CUP entrarían por primeira vez no Parlamento catalán coa posibilidade de chegar a ter 3 deputad@s. Independencia si ou non A enquisa do CEO tamén pregunta sobre a definición da poboación de cara a un hipotético referendo pola independencia. Segundo os datos facilitados por ese centro o 69,8 por cento propón un cambio de relación co Estado español, chegando a declararse independentistas un 44,3 por cento e un 25,5 asegura ser federalista. Só un 19,1 por cento mantén o seu apoio a ser unha comunidade autónoma. O independentismo gaña seguidor@s posto que hoxe votarían "si" un á independencia de Catalunya un 57 por cento fronte ao 45,4 de hai un ano. Como curiosidade a enquisa sostén que os votos partidarios da independencia virian de SI (98,8%), ERC (96,3%), CiU (69%), ICV-EUiA (66,3%), PSC (35,2%), PP (13,3%) e C's (3,2%).
|
PRAZA_5688
|
Alfonso Zarauza estrea esta noite no Porriño, no marco do Festival de Cans, Os Fenómenos, a súa última longametraxe, protagonizada por Luís Tosar, Lola Dueñas e Miguel de Lira. Despois do Día dos Veciños deste mércores, Cans quence motores para as intensas xornadas de venres e sábado.
|
Alfonso Zarauza é, como moitos outros, un fillo de Cans. En Cans estreou o pasado ano Encallados e tamén presentou un avance de Os Fenómenos, a súa terceira longametraxe, e que despois do seu paso polos festivais de Málaga e Nantes estreará este xoves en Galicia. O filme, protagonizado por Luís Tosar, Lola Dueñas, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris, retrata o inicio da crise provocada polo estoupido da burbulla inmobiliaria. Proxectarase este xoves a partir das 20 horas no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, precedido dunha procesión de chimpíns cos equipos técnico e artístico do filme amenizado por Os Lajaretas. A estrea de Os Fenómenos é o prato principal da programación deste xoves no Festival de Cans, que vivirá o venres e o sábado as súas dúas xornadas máis intensas. Zarauza está de estrea, e non só polo filme que se poderá ver este xoves no Porriño, senón tamén polo inicio da distribución de Encallados, que se proxectará o vindeiro 3 de xuño en Compostela e que xirará por distintas vilas e cidades galegas durante o verán. Falamos con el, tamén, sobre este filme, unha historia sobre as dificultades para gravar unha película sobre o Prestige en Galicia, e que durante un tempo parecía que se ía converter nunha obra maldita; e tamén sobre outro proxecto que verá a luz nos vindeiros meses: un documental sobre os vinte anos das Ultranoites de Chévere. "Cans é moi especial polo que representa, é un propulsor do cinema e ao mesmo tempo é unha festa de amigos" Supoño que é especial estrear un filme en Cans, polo tipo de festival que é, e pola vinculación persoal que ti tes con el, non si? É especial, si. É a terceira vez que estreo unha longametraxes aquí, e para min xa é algo máis que un evento, é case unha tradición. Pero ademais Cans é moi especial polo que representa, é un propulsor do cinema e ao mesmo tempo é unha festa de amigos. Ademais, o festival sempre está atento ao que andades a facer os fillos de cans... Si, o ano pasado presentamos un avance do filme, este ano estreámolo. Realmente é unha cadea, porque Alfonso Pato está sempre moi pendente de todos nós, pregúntanos que estamos facendo, en que fase do proceso estamos. Ademais Cans sempre propicia encontros, e alenta a realización de proxectos comúns, mesmo entre persoas que habitualmente tamén coincidimos noutros lugares. Non sei que ten Cans, pero pasan estas cousas. Que percorrido vai ter Os Fenómenos? Vai ter unha boa distribución, porque é un filme que ten un bo financiamento detrás, que non é algo tan doado nos tempos que corren. Foi adquirido ademais por TVE, e pensamos que vai ter un bo percorrido, temos moita fe nel. "É sorprendente que un tema tan importante como o Prestige se tratara tan pouco no cinema, e di moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas" Un filme distinto a Encallados, dende logo, unha película que tivo que ir superando obstáculos... Encallados naceu practicamente dunha crise, como se conta no propio filme, dun marrón. Intentamos facer algo a partir desa crise, e creo que saíu algo fermoso e auténtico, entre o documental e a ficción, un filme bastante singular. E ademais creo que cumpre cos obxectivos que nos propoñíamos: que fose honesto, que fose autocrítico. Encallados vaise estrear o 3 de xuño en Santiago e imos facer unha serie de pases en salas privadas. Queremos que se vexa, por iso estamos traballando moito para que teña unha boa distribución no verán por distintas vilas de Galicia. Resulta sorprendente que dez anos despois da catástrofe do Prestige haxa tan poucos filmes que tratasen o tema? Si, e é algo que trata o propio filme. É sorprendente que un tema tan importante se tratara tan pouco no cinema, no audiovisual, e di moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas. Encallados é un filme sobre as dificultades para facer en Galicia un filme sobre o Prestige. E ao final acaba falando do difícil que é falar do tema sobre o que está falando, é a ironía que contén a película. "É un momento creativo moi interesante, co novo cinema galego na non-ficción. E na ficción hai tamén unha serie de directores novos xa consolidados" Como valoras o momento actual do cinema en Galicia? Dá a impresión de que se mistura un moi bo tempo no aspecto creativo, pero con moitas dificultades no económico É algo así, si. É un momento moi estraño. Por unha banda estamos completamente abandonados pola administración. Nótase que non lles importa nada a cultura galega. Pero paradoxalmente é un momento creativo moi interesante, co novo cinema galego na non-ficción, cun grupo de rapaces que están facendo uns filmes marabillosos e que están dando a volta ao mundo e gañando premios. E na ficción hai tamén unha serie de directores novos xa consolidados, como Jorge Coira, Quique Otero, Alejandro Marzoa ou Fernando Cortizo. É un gran momento na creación, pero non nos apoios. E como vai o documental sobre as Ultranoites? Poderemos velo este ano? Intentarémolo, aínda que estou comezando coa montaxe. Temos moitos materiais distintos para o documental, tanto o que nós mesmos rodamos nos últimos meses, coma todo o material de arquivo que ten Chévere, que é un auténtico tesouro. Pasei horas e horas vendo o impresionante arquivo que teñen en redenasa e verdadeiramente é admirable o que fixo esta xente nos últimos 20 anos, e sorprende que non teñan un recoñecemento maior. Todo o mundo pasou pola Sala Nasa, dende Roberto Vidal Bolaño ata moitos que deron alí os seus primeiros pasos na escena, como Luis Tosar ou Quico Cadaval. "Hai vinte anos pensaban que ían cambiar este país, pero vinte anos despois están xa maduros e este país non cambiou nada. É a reflexión que está en Viaxe ao país dos ananos e que quero que tamén quede no meu documental" Ademais, supoño que nese arquivo e, en xeral, no conxunto das Ultranoites, pódese trazar un relato da historia de Galicia nestas dúas décadas, verdade? Si, de feito o último espectáculo, Viaxe ao país dos ananos, fai ese repaso polos últimos vinte anos de historia de Galicia, cun certo pouso de amargura, aínda que tamén teña o humor de sempre dos Chévere. É unha gran obra, unha Ultranoite moi exquisita. Hai vinte anos pensaban que ían cambiar este país, pero vinte anos despois están xa maduros e este país non cambiou nada. É a reflexión que está na obra e que quero que tamén quede no meu documental. Ademais deste traballo, e das dúas estreas que tes pendentes, tes algún proxecto pendente ou en proceso? Teño pendente un proxecto sobre Manuel Antonio, que é un poeta que me gusta moito, paréceme fascinante. É algo que quero facer dende hai tempo, pero que por un motivo ou por outro sempre vou deixando aparcado. E despois teño outro proxecto en mente, unha longametraxe chamada Islandia, que se rodaría unha parte alí e outra parte en Galicia, e que ao igual que o outro tamén está pendente de que nalgún momento atope tempo para poñerme con ela.
|
QUEPASA_210
|
Medio millar de nen@s rendiranlle homenaxe a Ramón Calvete no Torneo Concello de Malpica
|
Volve ser o campo de Xaviña a capital do fútbol base por Semana Santa. Como acontecía o ano pasado, medio millar de rapaces de toda a comarca competirán nesta 5ª edición do Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica, que servirá de homenaxe a un dos grandes impulsores do fútbol na capital oleira, como foi o Ramón Calvete Gómez. O torneo, organizado pola Asociación Deportiva Vidú e o Concello de Malpica, desenvolverase os vindeiros xoves 18 e venres 19 de abril. Participarán 29 equipos de 16 clubes: Corme CF, Buño SCD, EF Luis Calvo Sanz, Cabana SD, CF Dumbría, Galicia Gaiteira, UD Cerqueda, SD Tordoia, SD Sofán, Camariñas FC, UC Cee, Bergantiños FC, Victoria CF, Imperátor OAR, Concello de Zas e Muxía CF. Na xornada do xoves, os benxamíns e os infantís serán os encargados de facer gozar aos afeccionados que se acheguen ata Xaviña dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde, mentres que o venres será a quenda dos prebenxamíns e dos alevíns nunha xornada que comezará ás 10.30 da mañá e rematará ás 8.20 da tarde.
|
NOS_40021
|
Oficialmente recoñecidas ambas as candidaturas, o presidente da Deputación de Lugo conta con vantaxe sobre o alcalde da Illa, pero este obtivo un importante apoio na provincia de Ourense d@s partidari@s de Pachi Vázquez.
|
O presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, serán os candidatos ás primarias consultivas que o PSOE galego celebrará en setembro para elixir un novo secretario xeral que logo será ratificado en Congreso, unha vez que a dirección do partido confirmou que ambos os dous reuniron os avais necesarios para presentarse. Das 5.473 sinaturas presentadas por Besteiro, foron válidas 5.189, toda vez que 84 estaban repetidas, 191 procedían de persoas que non son militantes e outras nove avalaran tamén a candidatura do rexedor arousán, que dos 1.422 avais que entregou na sede da formación 1.307 eran correctos, xa que, ademais dos nove duplicados, 22 estaban repetidos e 84 persoas non constaban no censo do PSdeG. A campaña empezará o 28 de agosto e concluirá o 6 de setembro, un día antes da votación, que se celebrará nas sedes do partido entre as 12.00 e as 20.00 horas. Onde haxa menos de cinco militantes socialistas, estes haberán de trasladarse á agrupación máis próxima para votar En vista do número de avais recibidos e dos apoios colectivos -como o das agrupacións da Coruña e Vigo- Besteiro é o gran favorito para gañar as primarias consultivas, se ben Manel Vázquez espera aproveitarse da campaña para gañar adeptos dado o seu limitado perfil público na actualidade. O alcalde da Illa obtivo un importante pulo na provincia de Ourense por parte dos partidarios do actual secretario xeral, Pachi Vázquez, no que pode interpretarse como unha toma de posición para manter influencia, unha oposición ao aparato que pode representar Besteiro ou mesmo simplemente o desexo de que se celebrase a elección interna e evitar unha candidatura única como en Andalucía, xa que Pachi quería deixar a participación d@s afiliad@s como legado da súa etapa.
|
NOS_27538
|
Si se posicionan no debate "cataláns, vascos, canarios e até cántabros". Non o fai Galiza porque "PP e PSOE pasan olimpicamente dela" e porque a axenda das cuestións galegas brilla pola súa ausencia no diálogo Sánchez-Iglesias para a formación de goberno no estado. Así o considera Ana Pontón, para quen "o máis probábel" é que a investidura do candidato socialista resulte nun acto falido.
|
"Durante o último mes e medio vimos un triste espectáculo [o da negociación dos apoios para a investidura de Sánchez] que confirma que as forzas estatais conducen Galiza á irrelevancia política e a perdermos oportunidades", dixo esta segunda feira en conferencia de imprensa a líder do Bloque, Ana Pontón. A dirixente nacionalista bota en falta a clave galega na discusión estatal entre Sánchez e Iglesias. Falta Galiza e non porque non exista unha nutrida "lista de agravios e discriminacións". Desde a "estafa" das peaxes na AP-9 até o "espolio enerxético" pasando "por un sistema de financiamento que nos fai perder 3.500 millóns de euros cada ano", afirmou. Por se iso fose pouco, estendeuse, o Estado español "continúa a deber a Galiza 200 millóns de euros en materia de dependencias" e o país ten unha rede ferroviaria que, facendo abstracción do eixo atlántico, presenta trazos propios do século XIX, moi lonxe "do que se desfruta no resto do Estado". Galiza non está porque non está o BNG alí onde se negocia, veu soster a líder do BNG. Quen, en troca, si están para defenderen os seus intereses son "cataláns, vascos, canarios, até cántabros". Acarón deles aparecería un país, o noso, ausente, mudo e abocado á irrelevancia política por culpa das forzas políticas de ámbito estatal, enfatizou. Pontón criticou tamén a actitude dos líderes de PSOE e Podemos. "A política estatal navega entre duas augas, a da irresponsabilidade e a do infantilismo político, cos egos e os intereses partidistas a estaren por riba do interese xeral", dixo. Galiza ficaría ausente das conversas coa Moncloa como pano de fondo, mais tampouco aparecen asuntos que deberían figurar en calquera axenda progresista. "Fálase moito de sillóns e moi pouco de que política se vai facer", dixo e, nese sentido, censurou que non se sinale con clareza que se van derrogar leis como as reformas laborais, a LOMCE ou a Lei Mordaza.
|
NOS_22152
|
"Trátase de cambiar o motor, non de facer unha reparación de chapa e pintura" asegura Andoni Ortuzar nun acto de homenaxe a Sabino Arana no que tendiu a man a un cambio constitucional.
|
O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, afirmou que o seu partido non ten "medo" a unha reforma constitucional, aínda que advertiu de que non aceptará "ningún cambio que non recoñeza o feito diferencial vasco". "Euskadi é unha nación", afirmou. Ortuzar pronunciouse así durante a conmemoración do 111º aniversario do falecemento de Sabino Arana -fundador da formación- en Sukarrieta, onde asegurou que o PNV quere que se recoñeza que "Euskadi é unha nación primeiro" e, "a partir de aí, falamos o que queiran". Así mesmo, explicou que se trata de "cambiar o motor" e non de facer "reparacións de chapa e pintura". Ademais, o dirixente nacionalista destacou que, na actualidade, as condicións son "propicias" para esa reforma plurinacional do Estado porque "non hai ruído de sables nin de goma 2". Deste xeito, animou a aproveitar o "novo tempo" para "modernizar a Transición".
|
NOS_35391
|
A activación da XI Lexislatura dá un paso máis hoxe, día 24 de agosto, coa rolda de contactos que o presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, manterá cos representantes das formacións políticas que conforman o arco parlamentario do Pazo do Hórreo e que concluirá coa proposta de candidato á Presidencia da Xunta.
|
O presidente da Cámara galega recibirá de forma individual os representantes das forzas políticas a partir das 10.30 horas e comunicará a decisión unha vez finalizadas as entrevistas. En concreto, en primeiro lugar reunirase co representante que designe o PSdeG, seguido do BNG (11 horas) e do PP (11.30 horas). O Lexislativo galego lembrou que o regulamento da Cámara estabelece que o presidente do Parlamento, consultados os representantes designados polos partidos ou polos grupos políticos con representación parlamentaria, proporá de entre os parlamentarios un candidato á Presidencia da Xunta. A proposta debe formular como máximo no prazo de 30 días desde a constitución do Parlamento, que tivo lugar o pasado día 7 de agosto. Investidura os días 1 e 3 A Xunta de Portavoces ratificou a pasada segunda feira, día 17 de agosto, que o debate que culminará coa investidura do popular Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta decorrerá no Parlamento os días 1 e 3 de setembro, nun calendario que coincide co do lehendakari vasco Iñigo Urkullu. A previsión é que Feixoo tome posesión do seu cargo o 5 de setembro. Inmediatamente, designaría o seu Goberno. Por outra banda, a pasada quinta feira quedaron constituídas as distintas comisións parlamentarias que funcionarán na próxima lexislatura así como a Deputación Permanente, órgano reitor da Cámara en períodos nos que o pleno non está hábil.
|
PRAZA_10733
|
A saída do Reino Unido da Unión Europea pode causar unha crise constitucional aínda máis profunda ao reavivar o soberanismo en Escocia, que está pedindo a convocatoria dun segundo referendo de independencia.
|
No Reino Unido, as crises constitucionais veñen encadeadas. En 2014, Escocia estivo moi preto de independizarse; en 2016, o Reino Unido votou a prol de saír da Unión Europea; e agora en 2019, os tambores da ruptura territorial volven soar con forza en Irlanda do Norte e en Escocia.Non podemos esquecer que o Brexit só foi a opción maioritaria en Inglaterra e Gales, e que Escocia e Irlanda do Norte votaron claramente a prol de quedar na UE. Como é de agardar, isto provoca tensións nestas dúas nacións, que non parecen moi contentas porque se tome unha decisión deste calado en contra da opinión maioritaria dos seus cidadáns.A primeira ministra de Escocia insiste nun segundo referendo de independenciaEste cabreo é particularmente grande en Escocia, xa que no referendo de independencia de 2014, un dos argumentos que tivo máis peso á hora de decidir quedar no Reino Unido, é que a independencia podería implicar a saída da Unión Europea.Desde que o Reino Unido votou polo Brexit, a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, leva insistindo en que cómpre convocar un segundo referendo de independencia, xa que as circunstancias nas que se produciu a primeira votación cambiaron radicalmente.Esta semana, cando o goberno de Johson parece decidido a saír da UE sen acordo, unha enquisa dá maioría ao independentismo nun hipotético segundo referendoEsta semana, unha enquisa dálle a maioría ao independentismo nun hipotético segundo referendo. Non é casual que este aumento do soberanismo teña lugar xusto cando o novo goberno de Boris Johnson parece decidido a saír da UE sen acordo en Outubro deste ano.Pero antes de falar do resultado dunha suposta consulta, aínda hai moitas incógnitas que despexar. Que vai pasar co Brexit? Estará disposto o goberno de Westminster a pactar un segundo referendo de independencia? Aló polo 2017, Theresa May avisou a Nicola Sturgeon de que "non é o momento", pero podería ter lugar despois de que o Reino Unido saia da UE? Que postura terá Boris Johnson?De todo isto falamos con Pilar Fernández, unha blogueira galega moi vinculada con Escocia que nos conta como se está vivindo este debate polo norte. Ela teno claro "pase o que pase haberá un segundo referendo de independencia, independentemente de que non haxa Brexit, porque Escocia non ten futuro nese artificio ancestral e arcaico que é Westminster".
|
NOS_14068
|
Piden á cidadanía que manifeste o seu rexeitamento á sanción imposta pola delegación do Goberno español. Podes descargar o deseño premendo nesta ligazón
|
"Falamos galego e temos dereito!" aseguran desde a Plataforma cidadá Queremos Galego. O colectivo lanza unha campaña nas redes sociais á procura da solidaridade popular para rexeitar a sanción que lles foi imposta con motivo da manifestación do 17 de maior, Día das Letras. A Delegación do Goberno español multou a Queremos galego atribuíndolle "destrozos públicos" no decorrer da mobilización e exixe o pagamento dunha sanción á que a Plataforma xa presentou alegacións. Agora, encetan unha campaña de solidariedade e animan á cidadanía a participar pendurando nas redes sociais un deseño no que se pode ler "Eu fun á manifestación do 17M de Queremos Galego. É delito?". Asemade, emprazan a empregar o hastag #Eufunámanifestación17 e #queremosgalego para espallar unha onda de solidariedade que rexeite a criminalización dos movementos sociais. Para alén de Queremos galego outros colectivos sociais foron sancionados recentemente argüíndo as mesmas razóns. A Plataforma galega na defensa do dereito ao aborto e o a rede ContraMINAcción xa denunciaron seren vítimas dunha estratexia de criminalización por parte das autoridades públicas. Tamén así StopDespexos A Coruña iniciou a campaña 'Petos de resistencia' contra as multas impostas polo Goberno. Podes descargar o deseño premendo nesta ligazón
|
PRAZA_15404
|
Actuará este mércores na compostelá Casa das Crechas e o martes 18 presentará o álbum no Teatro Principal. Neste traballo contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, Joao Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo.
|
Queda unha semana para o gran día para o proxecto musical Sérgio Tannus. O vindeiro martes 18 estreará en directo o seu disco Son Brasilego, para o que contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, Joao Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo. A cita será no Teatro Principal de Compostela. Sérgio Tannus é un dos músicos máis completos da safra brasileira. Vive en Compostela desde hai 6 anos e en todo este tempo non parou de traballar, compartindo escenarios cos máis grandes artistas de Galicia e Portugal. O vindeiro martes 18 estreará en directo o seu disco Son Brasilego, para o que contou coa colaboración de Uxía, António Zambujo, Joao Afonso, Ugia Pedreira, Narf, Xabier Díaz ou Carlos do Carmo Antes dese concerto Sérgio Tannus Trío presentará o traballo nun ambiente máis privado. Este mércores ás oito da tarde Sérgio Tannus, Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz) ofrecerán un concerto na compostelá Casa das Crechas nun acto dirixido á prensa pero tamén ao público xeral, que poderá disfrutar dunha jam session de balde. Este traballo está a ser financiado vía crowdfunding a través da plataforma Verkami, nun proceso que aínda está aberto á colaboración do público. Como recompensas ofrécense exemplares do disco, pases para os ensaios, entradas para o concerto ou a posibilidade de asistir a unha cea do grupo despois so evente. E mesmo un concerto privado para quen achegue máis de mil euros. Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos Segundo o propio Tannus, Son brasilego "aposta polo intercambio, polo estreitamento do contacto cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns". Alén da música, proponnos reflexionar sobre a nosa identidade e irmandade, especialmente sobre o futuro desta a través da música e da sonoridade atlántica que nos torna brasilegos. Pero, sobre todo, é un "agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico" de Sérgio Tannus desta beira do Atlántico. Páxina de crowdfunding para financiar a produción do disco de Sergio Tannus
|
PRAZA_5099
|
A personalidade artística do século XIX posúe a cualidade de ser unha constante de influencias, reinterpretacións e combinacións de estilos. A cada novo cambio político, social e económico sucede unha transformación estética, case constante. En Galicia atopamos fermosos exemplos na arquitectura de Vigo, Pontevedra ou Ortigueira.
|
A personalidade artística do século XIX posúe a cualidade de ser unha constante de influencias, reinterpretacións e combinacións de estilos. Non ten un movemento concreto que o represente, nin tampouco algún predominante. "Nós pintamos todo. Pintamos deuses e Madonnas, heroes e campesiños, nós pintamos cadros clásicos, bizantinos e góticos…o único estilo que non temos é o noso" comenta Friedrich Theodor Vischer. O arco que ten de alicerce 1800, e nace nas consecuencias da Revolución Francesa, neses 100 anos esténdese nun espazo extremadamente vital. A cada novo cambio político, social e económico sucede unha transformación, case constante, que ten como espello unha multiplicidade de formas e referencias. A diversidade de estilos -o rigor e formalidade do Clasicismo, a graza e lixeireza da Escola de Thomas Sheraton- é tan representativa coma a énfase no tratamento nas artes do ornamento, que ten un lugar destacado. Cada punto de produción plástica terá un entendemento, un tratamento dos materiais, unha técnica e un repertorio de motivos que resulta diferente. Esta infinidade estilística constitúe unha linguaxe moi rica e particular. Tendo en conta que se trata dunha fase de transición entre a obra artesá e produción industrial en masa, os resultados son notables. Por exemplo as citas da arte gótica ou renacentista aplícanse non só a pintura ou á arquitectura, senón tamén ás tipoloxías e novos conceptos dos mobles (como son a intimidade e a simplicidade, presentes no estilo Biedermeier). Outro exemplo é o Neoclasicismo que tomando coma fonte de inspiración os modelos clásicos, fai evolucionar a percepción dos interiores centrándose na proporción da composición espacial e na cor. Estas referencias e alusións débense ao desexo, mais que nunca, de que as obras mais recentes se asocien, comparen e perfeccionen con apropiadas eleccións nas obras antigas e modernas. É significativa a apreciación da Historia como referente estético, relacionada ca idea da profunda relación entre a Historia e o presente. Este pensamento leva a unha formulación das obras de Arte inspiradas en estilos e temas anteriores, pero realizadas cun carácter e cuns termos propios. Un modelo diso sería a Loita de Amazonas de August Kiß en 1834. A obra está inspirada no mito clásico grego das amazonas e aínda contando con todas as representacións precedentes, Kiß dálle a súa obra unha forza e unha enerxía que lle outorga valor por si mesma. Este espírito trasladado á arquitectura atópase na fachada do edificio El Moderno (anteriormente Hotel El Moderno) en Vigo. O arquitecto Michel Pacewicz constrúeo en 1897. A súa interpretación do estilo Luís XV é intelixente, sen caer no recargado que moitas veces se produce nestes casos. Responde así ao gusto estendido en Europa dunha arquitectura poderosa e distinguida; Pacewicz combina unha proporción simétrica cun movemento suave. Na parte superior altérnanse os volumes curvos cun perfil recto. Os balcóns en ferro e pedra compoñen un ritmo ondulado, que inicia ao descender a fachada unha contraposición de fiestras arqueadas, de molduras sinuosas, con balcóns rectilíneos. Incorpora texturas lisas e granuladas e motivos clasicistas (antefixas, ménsulas, follas de acanto), sendo máis sobresaíntes os de estilo rococó. Nos laterais, onde as pezas onduladas de ferro forxado, Pacewicz leva unha estrutura de columnas corintias adosadas que conducen a arcos rematados en volutas no centro. Este centro está ocupado por unha cartela elíptica con formas vexetais, disposta sobre un fondo labrado con motivos rococós de redes rómbicas. Estes motivos están moi presentes no mobiliario francés de mestres do XVIII coma Jacques e René Dubois (pai e fillo). E son de igual modo empregados para cubrir as superficies de salóns e habitacións entre 1735 e 1788. De feito un dos seus máximos expoñentes é La Grande Singerie de Cristophe Huet (1737) no Château de Chantilly. Pacewicz incorpora este motivo traballado en madeira -e de interiores- nunha fachada principal de pedra, o que resulta moi orixinal. Tamén o repetirá para os paneis de madeira das fiestras que flanquean a entrada. A estes detalles engádense baixo os balcóns os mascaróns e os festóns de flores propios do estilo citado. Os elementos ornamentais son os que potencian o efecto global das estudadas perspectivas para cada parte do edificio. A imaxe que ofrece é, máis que aristocrática, burguesa. Non busca tampouco ser artificiosa ou rebuscada, senón magnífica e ao mesmo tempo exquisita e acolledora No mesmo senso ecléctico está a cheminea conservada da propia edificación de El Moderno. A composición das súas distintas partes constitúe unha mostra da herdanza artística francesa e o emprego de novos medios. A chambrana de madeira clara ten nos laterais medias figuras femininas, características da arte francesa do XIX (o seu rexistro débese a J. Verchère). As molduras onduladas dispoñen unha sinxela sarta clásica de perlas que rematan no centro con volutas. Nese centro sitúase unha cuncha xa de estilo Luís XVI, flanqueada por ramalletes de flores esculpidas. A chambrana serve de enmarque das placas de metal dourado, creadas arredor das formas da rocaille. Por último está a cheminea propiamente dita. Realizada en ferro forxado con motivos xeométricos planos, constitúe o punto central. A ornamentación no seu conxunto, está realzada polos materiais (madeira e metal) e as tonalidades (castaño, dourado e negro). A imaxe que ofrece é, máis que aristocrática, burguesa. Non busca tampouco ser artificiosa ou rebuscada, senón magnífica e ao mesmo tempo exquisita e acolledora. Unha manifestación artística ornamental de carácter propio é a produción en ferro forxado. A súa aplicación céntrase en balcóns, fiestras, portas e galerías. Constitúe unha colección de motivos e disposicións considerable e dun alto nivel técnico. Son xeralmente bidimensionais. Empréganse imaxes de frondas, flores e froitas, acróteras, cintas de palmetas, coroamentos de estelas e coroas de ramas. Mais son as formas xeométricas ilimitadas as de maior protagonismo. Poden duplicarse e enlazarse, grazas a súa produción industrial. Os traballos en ferro forxado resultan importantes na aparencia das casas. No ámbito das fiestras a ornamentación das mesmas -e a das contras no interior-, a miúdo compleméntase de maneira enxeñosa. Mais é nas galerías de cristal onde mellor se ve o efecto do ferro forxado. Este material non só ofrece novos repertorios ornamentais, senón unha maneira distinta de entender a galería. O ferro forxado pola súa precisión, resistencia, maleabilidade e lixeireza permite un singular emprego do cristal e a ornamentación. Os remates, as formas caídas sobre o cristal ou cada detalle enlazado, filtran a luz do sol recreándose nas sombras e nas luces transparentadas no interior. De todos os seus usos, a conxunción etérea do cristal e a delicadeza das figuras en ferro dálle a edificación un halo poético, nobre. Pode ser funcional un ornamento? A resposta afirmativa no ámbito da arquitectura atópase no Gótico. Para incluír as vidrieiras nos edificios empréganse as tracerías, que son o elemento integrador co muro Pode ser funcional un ornamento? A resposta afirmativa no ámbito da arquitectura atópase no Gótico. Para incluír as vidrieiras nos edificios empréganse as tracerías, que son o elemento integrador co muro. As tracerías conseguen ter a flexibilidade do orgánico e a limpeza da xeometría. Ao ser traballadas sobre a figura do círculo, o resultado é unha ornamentación de tréboles, cuadrifolias, quinquefolias, trilóbulos ou cuadrilóbulos. A importancia das tracerías é que conducen boa parte das enerxías internas do edificio, sen que afecte ao feito de que articulan as amplas extensións de cristal, resultando igualmente atractivas. Co establecemento do Neogótico a mediados do século XVIII e en todo o século XIX, esta ornamentación vese presente de novo na arquitectura civil. Unha das edificacións que conservan un destes motivos é unha casa ortegana de finais de século, que curiosamente ten puntos en común coa vivenda vitoriana británica nos pobos. Ambas comparten o emprego de gabletes de madeira para as fiestras, así como complementar o debuxo da pedra nas casas con remates, gabletes e vertentes calados. No que defiren é en detalles meticulosos. Na casa inglesa os gabletes e vertentes están cicelados de filigranas descendentes e atópanse non só en fiestras, senón aplicados nas entradas. Na casa galega estas pezas (gabletes e vertentes), que tamén contan con colgaduras, están coroadas con cresterías e remiten ademais das fiestras as bufardas. O detalle mais especial desta galería son os motivos cuadrilobulados. Permite abrir focos de claridade, mais alá das fiestras convencionais. Este ornamento toma a evolución da fusión da beleza visual e a abertura de luz para os interiores, propias da construción gótica. Os mesmos motivos atópanse tallados seguidamente na parte inferior. A efectiva ornamentación en madeira, da a fachada un aire esmerado e harmonioso. O ornamento no XIX tanto nas artes mobiliarias coma na arquitectura, observa a capacidade de transformación dese século. Pode traballar como un realzamento arquitectónico, contribuír a unha impresión visual ou ser un fermoso elemento funcional O ornamento no XIX tanto nas artes mobiliarias coma na arquitectura, observa a capacidade de transformación dese século. Mais igualmente revela a importancia que ten segundo a súa aplicación. Pode traballar como un realzamento arquitectónico, contribuír a unha impresión visual ou ser un fermoso elemento funcional. O seu valor simbólico por un lado débese a coexistencia de estilos, as súas connotacións e a súa constante reprodución. O outro lado é que precisamente por iso está ligado a unha aparente ilóxica. Isto constitúe parte do seu carácter. Poren, no caso de obras ostentosas e menos refinadas, adquire tintes estraños que non pasan desapercibidas; nos escritos de figuras coetáneas fálase do ambiente enrarecido vido dos ampulosos ambientes públicos e privados. Na súa totalidade a consideración da ornamentación, resulta en consecuencia un factor de coñecemento -artístico, pedagóxico- así como de cultura histórica.
|
NOS_7361
|
A formación afirma que o Goberno impuxo múltiples atrancos burocráticos desde 2015 para evitar que suprimise as referencias ao marxismo dos seus estatutos e, así, sortear as chamadas 'leis de descomunización'.
|
Un Tribunal de Apelación da cidade de Lviv, en Ucraína, vén de resolver a prohibición das actividades do Partido dos Traballadores, unha formación de corte marxista-leninista. Os xuíces tombaron, deste modo, as alegacións presentadas polo partido após a censura imposta polo Ministerio de Xustiza, polo que todos os seus bens e propiedades, en virtude da Lei marcial asinada polo presidente, Volodimir Zelenski, o pasado 24 de febreiro, serán requisados e postos a disposición do Estado. O Partido dos Traballadores pasa a engrosar así unha listaxe que xa integraban unha quincena de forzas políticas, entre elas o Partido de Sharí, o partido Nashi ('Noso'), Bloque de Oposición, Oposición de Esquerda, Unión de Forzas de Esquerda, Estado, Partido Socialista Progresista de Ucraína, Partido Socialista de Ucraína, Socialistas e Bloque de Vladimir Saldo. Ucraína xulga a porta fechada o líder opositor Viktor Medvedchuk De feito, a pasada semana o mesmo tribunal ratificara a suspensión das actividades do Partido Comunista de Ucraína e de Feliz Ucraína. Boa parte destes partidos foron acusados de seren 'prorrusos', no que conforma unha estratexia que principiou en 2015. Naquel ano foron aprobadas as coñecidas como 'leis de descomunización' e, desde entón, e a fin de garantir a actividade da formación, o Partido dos Traballadores tentou modificar en "numerosas ocasións" os seus estatutos para adaptarse ao novo marco legal, segundo explicou esta terza feira o seu líder e fundador, Oleksander Bondarchuk. Así, esta forza política topou unha e outra vez co Ministerio de Xustiza cando procurou suprimir dese texto fundacional as referencias ao marxismo, unha cuestión que ratifica, e denuncia, a organización civil en defensa da transparencia política Chesno. Todos os borradores enviados ao Ministerio, afirmaron, foron rexeitados, entendendo a Xustiza do país que quedara demostrado que se trataba dunha organización marxista e, polo tanto, susceptíbel de ser prohibida con base nestas leis. Ucraína confiscará os bens das persoas que "apoien" a Rusia "Como resultado destes tiracroios burocráticos non fixemos mudanza ningunha e por iso agora van prohibir o partido", lamentou Bondarchuk, a quen xa se lle abrira en 2015 unha causa penal por unha suposta agresión á integridade territorial de Ucraína a raíz dunhas informacións publicadas no xornal Robochy Klas.
|
PRAZA_14545
|
As marchas están convocadas por 150 organizacións, encabezadas por CC.OO. e UGT., para as oito da tarde deste luns nas sete cidades galegas, ademais de Vilagarcia e Burela. Este domingo o Cumio Social manifestouse en 57 cidades de todo o Estado contra uns Orzamentos marcados polos recorte nos dereitos básicos e pediu a dimisión do Goberno.
|
As xuntas electorais provinciais veñen de decretar a prohibición das manifestacións convocadas polo Cumio Social para este luns ás oito da tarde en Ourense e Pontevedra alegando que coinciden coa campaña electoral en Galicia. As marchas están convocadas na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcia e Vigo e as xuntas provinciais da Coruña e Lugo non puxeron inpedimentos polo de agora. A convocatoria foi realizada polo Cumio Social, que agrupa 150 organizacións sociais de todo tipo, entre as que sobrancean os sindicatos CC.OO. e UGT. O secretario xeral de Comisións, Ignacio Fernández-Toxo, denuncia que no existe ningún elemento na lexislación que xustifique este feito, que cualificou de "auténtico atropello ao dereito básico de manifestación". No resto do Estado as manifestacións percorren as rúas este domingo en ao redor de 50 cidades en protesta contra uns Orzamentos marcados polos recorte nos dereitos básicos e como anticipo dunha probable convocatoria de folga xeral no mes de novembro, posiblemente o dia 14. Hai uns días a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra prohibiu unha convocatoria as ONGs galegas para celebrar o 17 de outubro o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A convocatoria, que si foi autorizada no Pais Vasco, consistía na representación dunha obra de teatro na Porta do Sol de Vigo e despois unha concentración pacífica coa lectura dun manifiesto ao final.
|
NOS_30087
|
Exposto a un ultimato após outro, caeu Pepe Mel a mans do Girona no que probabelmente tampouco foi o pior dos xogos dirixidos polo treinador madrileño. Mel fracasou por non ser capaz de achar un mínimo equilibrio no plantel, ora angustiado ora apático. Nunca foi capaz de dar unha mínima coherencia a unha equipa que en teoría esta temporada está chamada a non pasar apuros.
|
A noticia do cesamento de Mel foi comunicada polo Deportivo por meio dun comunicado pendurado na súa web por volta das 16.30 horas. O treinador madrileño deixa a equipa con 8 pontos após 9 partidos disputados (2 vitorias, 2 empates, 5 derrotas), dous pontos por cima do descenso. O presidente do clube, Tino Fernández, ten marcado como obxectivo para esta temporada manter a categoría sen maiores complicacións e concluír o campionato máis perto da décima posición do que da décimo oitava, nas proximidades das cais o Deportivo morou nos últimos torneos. Mel superou agonicamente o ultimato contra o Getafe (2-1), mas a equipa penou en Ipurúa (conseguiu un pobre empate sen goles face o pior Eibar en anos) e caeu esta segunda feira en Riazor (1-2) nun xogo en que o combo galego deixou ver a súa extraordinaria fraxilidade emocional, a que o leva a se desequilibrar en canto recebe un tanto en contra ou algunha contrariedade se aparece en forma de penalti inxusto ou gol anulado por off side. En realidade, Mel nunca se fixo coa equipa, salvo os primeiros xogos á súa chegada a Riazor na pasada campaña, cando sumou un valioso empate en Riazor face o Atlético de Madrid ou consumou a fazaña de vencer na casa o Barcelona de Messi, unha derrota que lle custaría o título de liga á escadra catalá. O Deportivo con Mel nunca tivo un xogo recoñecíbel e a impresión que deixa nas bancadas é un pouco a mesma que inspiraba a equipa na tamén infausta época de Víctor Fernández, é dese tipo de treinadores que non son capaces de adaptar a súa proposta futbolística á materia humana que teñen no vestiario. Abocado a disputar a liga nas zonas abisais da clasificación, o mandamento número un debe ser o da solidez defensiva. Mel nunca coidou suficientemente esa faceta e por aí perdeu o control do xogo, tamén o apoio dos futebolistas. Será Cristóbal Parralo, o treinador do Fabril, o que asuma o mando até final de temporada, informa o clube. Con el no banco, o filial deportivista lidera o grupo I da Segunda B, categoría á que ascendeu á conclusión do pasado curso.
|
NOS_22515
|
A Comunidade de estados latinoamericanos e caribeños foi creada en 2011 e dela fan parte 33 países. A presidenta arxentina Cristina Fernández remarcou que a presidencia da illa "marcará unha nova época"
|
Cuba asumirá a vindeira segunda feira a presidencia da Comunidade de estados latinoamericanos e caribeños, a Celac, nun recoñecemento á súa traxectoria por ter sido "durante décadas o albo da hostilidade dos que non aceptaron o seu modelo político". Así o manifestou o secretario executivo da Alianza bolivariana para os pobos de América, Alba, Rodolfo Sanz. En liñas semellantes pronunciouse tamén a presidenta da Arxentina, Cristina Fernández, quen subliñou que "estamos diante dun feito histórico que marca unha nova época, unha América Latina e Caribe con diferencias mais moi unidos e cunha soa concepción do progreso e da inclusión social". A Celac foi creada en decembro de 2011 en Caracas a iniciativa do presidente bolivariano Hugo Chávez, que estará representado polo seu vicepresidente, Nicolás Maduro, por mor da súa enfermidade. Dela fan parte 33 países. A primeira cimeira Celac-UE celébrase esta fin de semana, e culminará na segunda feira co transpaso da presidencia temporal de Chile a Cuba.
|
NOS_45253
|
Milagros Otero dimitiu como Valedora do Pobo a finais do pasado mes de xullo. Os seus anos no cargo foron moi cuestionados pola oposición e por diferentes entidades, despois de que en abril o Supremo confirmase a nulidade do nomeamento dunha irmá do portavoz parlamentar do PP na institución.
|
A decisión da Radio Galega de incorporar como integrante dos seus Faladoiros a ex valedora do Pobo, Milagros Otero, albo dunha sentenza que a implicaba trato de favor desde ese cargo á sobriña de Fraga Iribarne; foi un dos puntos centrais da sesión de control parlamentar á CRTVG. A deputada do BNG Noa Presas exixiu explicación por esa designación a Sánchez Izquierdo, director xeral da compañía pública, lembrándolle que o TSXG sinalara que Otero practicou "desvío de poder e arbitrariedade". Sánchez Izquierdo defendeu o nomeamento: "Recuperamos unha voz de prestixio", dixo, enumerando cargos e recoñecementos profesionais no ámbito do Dereito de Milagros Otero. "Non foi condenada en ningún tribunal", acrecentou. O director xeral da CRTVG defendeu a "capacidade" e "autoridade" da Radio Galega para "nomear e contratar os seus colaboradores" e insistiu en que "é moi positivo contar cunha persoa recoñecida internacionalmente no ámbito lexislativo dos Dereitos Humanos", afirmando que para a Radio Galega "é moi positivo ter colaboradoras do calado intelectual" de Milagros Otero. Fútbol gaélico A parlamentar nacionalista tamén preguntou na comisión pola escasa cobertura que, dixo, tivo a presenza da selección galega de fútbol gaélico no Mundial de Dublín. Lembrou Presas que a promoción do deporte galego e de base, como é o caso do FG, é unha das "obrigas" que figuran no marco normativo da CRTVG. Por que non se lle dá máis protagonismo a unha selección galega que compite internacionalmente?", preguntou. Sánchez Izquierdo defendeu o compromiso co deporte da compañía pública e indicou que a cobertura estivo condicionada por non recibir imaxes do mundial por parte das axencias internacionais que teñen contratadas, indicando que se en 2020 Galiza acolle unha cita deste nivel do FG, "a cobertura será a axeitada". Anuncio "sexista" A deputada socialista Noelia Blanco demandou explicacións polo que considerou "verán da desigualdade" da CRTVG, lamentando o "sexismo" da compañía, apontando un anuncio de que se procuraba para un programa "mamá sexy guapa", ou o especial maternidade sobre unha presentadora. O director xeral da CRTV dixo que o polémico anuncio foi publicado pola produtora do programa sen coñecemento da CRTVG e sen un uso correcto do logo da compañía pública. "Foi un erro da produtora", que se subsanou tan pronto se tivo coñecemento. Valga De por parte, Xan Xove, polo Grupo Comun da Esquerda, denunciou na comisión "o tratamento informativo morboso que se estaba a facer nos medios públicos do triplo asasinato machista acontecido en Valga". Un tratamento informativoque considera "irrespectuoso" coa memoria das vítimas.
|
NOS_26524
|
A administración local da capital galega, en mans do Partido Popular, denegou a autorización municipal para que o acto final da manifestación soberanista conte cun punto de luz de acceso público.
|
"Non nos van calar por moito que o intenten", asegurou Bieito Lobeira, secretario de Organización da fronte após coñecer que o Concello compostelán lles denegou o punto de luz municipal para a manifestación que terá lugar este domingo, 15 de setembro. Con esta decisión, a administración local reitera a súa actitude de confrontación coas organizacións políticas e sociais. Ao igual que aconteceu o pasado 17 de marzo, a equipa de Goberno volta negar o acceso á luz a máis un colectivo. Cumpre lembrar que o pasado 17 de marzo, o concello de Compostela denegou o permiso á plataforma cidadá Queremos galego con motivo da manifestación que asolagou as rúas da capital na defensa da lingua galega. Neste senso, a administración municipal mesmo chegou a exixir o pagamento dunha fianza --por valor de 600€-- para autorizar a instalación dun palco. A equipa de goberno apela á ordenanza municipal aprobada o pasado ano na que endurece as condicións que deberán cumprir as organizacións convocantes de calquera actividade nas rúas da capital galega. Porén, o propio texto exclúe ás entidades sen ánimo de lucro, por exemplo, do pagamento deste tipo de taxas. Así as cousas, desde o BNG aseguran que "nada" impedirá encher Compostela este domingo para reclamar "os dereitos nacionais da Galiza" e para exixir "un cambio de rumbo nas políticas" desenvolvidas polos gobernos da Xunta e Madrid, que tildan de "anti-sociais" e "anti-galegas". Aliás, a organización frontista garante que procurarán unha alternativa para garantir a megafonía no acto de clausura que terá lugar na Praza da Quintana.
|
NOS_5923
|
A formación soberanista secunda a idea para chegar a acordos "desde as bases" e presenta un documento con dez achegas que pasan polo necesario recoñecemento de que Galiza é unha nación e que debe camiñar cara á "liberación" política e económica
|
"De abaixo a arriba". Así debe construírse o novo proxecto nacionalista segundo demandan as ducias de asembleas que nas últimas semanas se foron realizando no país e segundo reclamou aínda nestes días o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras. Os documentos presentados polas distintas organizacións con que EI mantén contactos --Máis Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas-- non saen adiante, e o único que se aproba por unanimidade nestas xuntanzas é a necesidade de que os acordos se presenten desde a base. Hai unha segunda cuestión que tamén se ten acordado nas asembleas, trátase da posibilidade de que os colectivos que forman parte das negociacións presenten as súas achegas para que sexan debatidas nas xuntanzas. Causa Galiza escoitou a chamada. Nun documento que presentarán nas vindeiras asembleas, a plataforma soberanista "olla criticamente" o desenvolvemento do NPC --Novo Proxecto Común-- e advirte que "a vocación electoralista e institucionalista de curto alcance de certos sectores autonomistas e soberanistas que concorren na súa xestación ameaza con frustrar a posibilidade de construír a alternativa estratéxica que necesita o país". Causa Galiza "olla críticamente" o desenvolvemento do Novo Proxecto Común No escrito, súmanse ás críticas de que determinados sectores "pretenden usurpar desde arriba o poder decisorio das asembleas nacionalistas de base e reeditar a vella estratexia autonomista". Por isto, apelan á militancia para que tome parte "activamente" nas xuntanzas "para evitar a construción do proceso desde arriba". Segundo Causa Galiza, a estratexia de amplos sectores do nacionalismo galego que se fundamentaba na posibilidade de ir alargando paulatinamente o teito das competencias nunha sorte de soberanismo progresivo "delatouse como unha quimeira inviábel". Sintetizan en dez puntos as bases que o NPC debe cumprir. Así, escriben que "debe definirse pola asunción inequívoca do carácter nacional da Galiza e pola reivindicación do dereito de autodeterminación como instrumento para avanzar na independencia", recolle o documento que a organización soberanista presentará para debater nas asembleas. E é que, segundo alertan, o Estado español "xa non é que vulnere o dereito de autodeterminación senón que destrúe o Estado das Autonomías" baixo a coartada da crise económica. Toca, polo tanto e a xuízo de Causa Galiza, "avanzar cara a defensa dos intereses da maioría social galega", citando entre eles de maneira específica a "hexemonía social" da lingua galega, o feminismo e a defensa da Terra.Identifícanse co modelo promovido desde a "extinta AN-PG", ao "desbotar" a constitución dunha nova plataforma de pequenos partidos que "non responde a necesidades sociais obxectivas" e que "no noso contexto se traduciría nun pulso pola hexemonía interna". A formación soberanista, que alén de participar nas asembleas do NPC busca tamén canles de comunicación dentro do BNG e abriu tamén conversas co MGS --Movemento Galego ao Socialismo-- e coa UPG --Unión do Pobo Galego--, chama a colocar "a estratexia política" por riba de intereses "minifundistas".
|
NOS_31899
|
O alcalde de Lugo non quixo acordar co comité de folga un novo decreto após o xulgado de lugo suspender o asinado polo rexedor ao considerar contrario ao dereito de folga.
|
José López Orozco declinou na xornada de onte negociar co cadro de persoal de Urbaser un decreto de servizos mínimos consesuado. E fíxoo na xuntanza desenvolvida no concello de Lugo o 4 de agosto após solicitaren @s representantes das traballadoras e traballadores en folga reunírense co alcalde para procurar un novo decreto. A folga do lixo en Lugo cumpre o vindeiro día 10 de agosto dous meses O comité de folga actuou desta maneira após o xulgado de Lugo declarar a suspensión dos servizos mínimos decratdos por Orozco o pasado 23 de xullo. Segundo a xustiza estes supuñan unha vulneración do dereito a folga ao exixir @s operari@s cubrir o 100% das súas funcións no decorrer dunha greve indefinida que cumprirá o vindeiro día 10 de agosto 2 meses. Orozco di que de chegaren a un acordo coa empresa, modificará o decreto Desde a alcaldía emprazaron @s traballadores e traballadoras a procurar unha solución con Urbaser ao afirmar que o decreto publicado inicialmente, no que tamén se fixaban uns servizos mínimos do 100% e por cuxo incumprimento foron despedid@s 12 operari@s, aínda estaba en vigor. "Dixolles que estaba en vigor o primeiro decreto e que só no caso de que chegaran a un acordo entre persoal e empresa modificaría o decreto", aseguraron fontes próximas á xuntanza a Sermos Galiza. O persoal lembra que a súa postura continúa a ser "unánime" mais amósase disposto a reiniciar as negociacións con Urbaser Desde o comité aseguraron nun comunicado de imprensa que a decisión xudicial reflicte "as prácticas antisindicais que o goberno local vén desenvolvendo desde o inicio do conflito" ao tempo que afirmaban a súa vontade por procurar unha nova fórmula que permitise ao persoal "desenvolver a folga" co "menor prexuízo posíbel para a sociedade" mais "respectando os dereitos de todas e todos". Porén, a postura do alcalde lugués, que se mantén á marxe da resolución do conflito desde o comezo da greve, impediu chegar a ningún acordo. Desde o comité de folga reiteraron a súa disposición para acadar un acordo tamén coa empresa e amosáronse favorábeis a sentar de novo na mesa de negociación, se ben, lembrar que a postura da asemblea de traballador@s continúa a ser "unánime" malia as informacións difundidas nos últimos días pola imprensa local.
|
PRAZA_4856
|
Mugardos 10 potencias é unha iniciativa sociocultural e dinamizadora que quere dar a coñecer a actividade e as iniciativas de dez persoas e colectivos da vila que destacan nos seus ámbitos, "para que a xente de Mugardos descubra o que se está a facer ao seu redor".
|
Juan Fernández, Tomás Monteagudo, Yuyi Bastida, Rebeca Fontenla, Alicia Remelgado, Nicole Maroño, a Comunidade O Zulo... Son persoas e colectivos de Mugardos que destacan nos seus ámbitos, dende a arquitectura ao remo, da repostería á fotografía ou á defensa da tecnoloxía e a cultura libres, dez potencias de carne e óso cuxa actividade e talento en moitos casos nin sequera son coñecidos polos seus propios veciños. Para reverter esta situación César Pena e Silvia Pérez botaron a andar Mugardos 10 potencias, unha iniciativa sociocultural e dinamizadora na que este vindeiro sábado 22 dez mugardeses e mugardesas exporán publicamente os seus proxectos para os seus veciños e veciñas. O evento, presentado por María José Martínez, celebrarase na Sociedade do Seixo, con entradas a dous euros. "Ao longo dos anos vas sabendo deste veciño que ten catalogados os xogos populares coas regras e denominacións da vila, destoutro que toca e compón para contrabaixo desde México ata Tokio, a que gañou varios campionatos de España de remo, o que traballa no mesmo Helimer Galicia, a que vende peixe por whatsapp... digamos que vas facendo unha colección mental de xente ilustre", destaca César Pena. "O obxectivo é facer que vexan as capacidades ocultas da vila e, se cadra, facéndose a eles e elas mesmas a pregunta de que é o que saben facer ben achen que tamén teñen cousas interesantes que achegarlle ao conxunto" O obxectivo, sinala, "é que a xente de Mugardos descubra o que se está a facer ao seu arredor. Darlles un toque de atención. Un 'Eh, que ese que tes ao lado fai isto! E aquela de alá fai estoutro!'. Facer que vexan as capacidades ocultas da vila e, se cadra, facéndose a eles e elas mesmas a pregunta de que é o que saben facer ben (iso que dicía Einstein de que todos somos bos nalgo) achen que tamén teñen cousas interesantes que achegarlle ao conxunto". A continuidade do proxecto de Mugardos 10 potencias vai depender da resposta da xente este sábado. En calquera caso, César Pena e Silvia Pérez elaboraron unha lista de até 32 veciños e veciñas con cousas que contar e con actividades que poden servir de exemplo para todos e todas, abondo para varias edicións deste evento. César Pena subliña "o mérito" destas persoas, "a iniciativa que tiveron para dalgún xeito, romper inercias, facer fronte ás adversidades, investir anos das súas vidas en proxectos persoais sen ningunha aspiración de recoñecemento". Destaca, por exemplo, o caso de Juan Fernández, "un home moi coñecido na comarca polo seu paso por diferentes equipos de fútbol como adestrador, pero poucos imaxinarían que ten catalogadas tódalas fontes e lavadoiros da vila, e as historias e lendas que os rodean". Ou o de Rebeca Fontenla, "unha rapaza que, de primeiras, só sabiamos que facía repostería artística para familiares e amigos e que o facía moi ben. Dirixímonos a ela só sabendo iso, pero é que descubrimos que tiñamos diante unha licenciada en Belas Artes con moitísimo máis que contar do que nos pensabamos, tanto sobre o mundo da repostería como do patrimonio material e inmaterial mugardés. E así todos". César Pena subliña "o mérito" destas persoas, "a iniciativa que tiveron para dalgún xeito, romper inercias, facer fronte ás adversidades, investir anos das súas vidas en proxectos persoais sen ningunha aspiración de recoñecemento" Ou, por suposto, O Zulo, único colectivo participante nesta primeira edición de M10, "é o caso dunha asociación que pon a Mugardos no mapa continuamente con proxectos de cultura libre que son referencia no país, pero que no concello, entendemos nós, non goza do merecido recoñecemento", sinala César Pena. "A iniciativa perfectamente podería facerse expansiva porque todos os concellos agochan xente cun mérito insuficientemente recoñecido. Estamos convencidos" O illamento, o excesivo individualismo, a falta de coñecemento sobre o que un veciño ou veciña está a facer a poucos metros de nós, supón moitas veces un obstáculo para o nacemento de grandes proxectos colaborativos, de sinerxías. "Do simple feito de xuntar a toda esta xente e o público cremos que poden saír proxectos moi interesantes" -explica César Pena- "Da simple suma de Tomás G. Monteagudo (arquitecto moi sensibilizado coa rehabilitación do casco vello) con Miguel Rodríguez (un fotógrafo afecionado moi bo centrado nas fotos de paisaxes de longa exposición) podería saír un catálogo dun nivel altísimo e interesante para editoriais ou a nivel de promoción turística da vila e a comarca. E como esa tantas outras sumas". Mugardos, como calquera outra vila galega, ten potencias desproveitadas. "Iso é o que queremos desvelar a nivel local con este Mugardos: 10 potencias", conclúe: "Como aquí, en calquera localidade do país. A iniciativa perfectamente podería facerse expansiva porque todos os concellos agochan xente cun mérito insuficientemente recoñecido. Estamos convencidos".
|
NOS_27457
|
Tras a caída das barricadas de Lavadores, último bastión da legalidade constitucional na zona, foi o cinto montañoso que rodea o val do Fragoso —onde se sitúan os concellos de Vigo e Lavadores— o santuario elixido polos contrarios ao golpe para procurar a salvación. Centos deles tentaron atopar acubillo polos montes da Madroa, do Meixueiro, do Galiñeiro, dos Outeiros... para salvar así a vida, primeiro, e para pensar que facer, despois. A presenza dese importante continxente de contrarios, que supuña un potencial risco de futuro, foi o que moveu as autoridades rebeldes a levar a cabo importantes accións punitivas nas inmediacións deses fragosos lugares, sexa tanto co lanzamento de bombas na Madroa por parte de hidroavións da base de Marín —nos primeiros momentos—, como coa actuación sobre o terreo mediante o envío de numerosas partidas armadas peiteando a zona.
|
Mentres que uns daqueles fuxidos buscaban, simplemente, agocho para poder salvar a vida ―os seus domicilios non son xa lugares seguros, pois axiña comezan a ser visitados, e con reiteración, polas forzas policiais e as escuadras de falanxistas, que andan ávidos de "quitar da circulación" todos os contrarios ao novo estado de cousas―, e outros buscaban gañar tempo, coa esperanza de que este fose arrefriando as cousas e permitise a volta tranquila á casa; algúns pensan, en cambio, continuar dalgún xeito coa loita armada, na confianza de que o triunfo rebelde sería temporal e de que pronto volvería quedar reinstaurada a legalidade constitucional. Deste modo van ir xurdindo os primeiros grupiños operativos armados, aínda non autenticamente guerrilleiros, nos montes inmediatos a Vigo, e con eles os primeiros líderes, organizadores que proceden, sobre todo, do movemento político e sindical local (vinculados, principalmente, ao Partido Comunista e ao movemento libertario), que comezarán a levar a cabo as primeiras operacións punitivas contra os rebeldes e que van ser o xermolo de futuras partidas armadas. Non son estes grupos totalmente fechados, xa que ás veces algúns dos seus membros colaboran, indistintamente, con diferentes partidas armadas, iso si, cunha especial vocación xeográfica moi limitada á súa zona de residencia anterior, que era onde tiñan apoios entre a familia e a veciñanza. Así na zona de Cabral organízanse e comezan a actuar diversos veciños ao redor das figuras de Rogelio e de José García Molares 'Os Maletas'; na zona de Lavadores e Bembrive son varios os grupos que se forman ao redor de líderes como os irmáns Julio e Vicente Guillén Biel 'Os Guillén', José Romero González 'O Merrello' ou Roberto Oya Alonso 'O Cachopas'; e xa na zona dos montes que lindan co veciño Val Miñor varios farán o mesmo ao redor da figura de Manuel Prado Pereira 'Lolito'. Todos estes primeiros líderes seica son os que amosan ter máis valentía á hora de tomar as armas, e así o amosaran nas barricadas ou, previamente, nunha activa militancia político-sindical. Para dar unha aparencia formal ao feito de que se senten combatentes, de que manteñen firme na retagarda a loita contra os traidores alzados en armas ―malia a súa total falta de organización e preparación militar―, moitos deles procurarán empregar nas diversas operacións que emprenden unha xerga castrense, semellando posuír determinados graos militares e portando sempre prendas, emblemas e armamento procedentes do mundo da milicia. Os "fuxidos" nos montes do val do Fragoso Debido a que o golpe de Estado comezara en pleno verán, e que as condicións climatolóxicas así o permitían, o monte vai ser o primeiro lugar escollido para buscar agocho; de aí que nos primeiros momentos van ser os montes e descampados máis inmediatos ao lugar de residencia os espazos preferidos, xa que queren saber que é dos seus e, ademais, porque estes son os que poden proveelos dos recursos que precisan para a súa supervivencia. Os montes de Cabral, de Candeán, de Beade ou de Coruxo verán, nos primeiros momentos, importantes concentracións de veciños que deambulan, sen rumbo fixo, na procura de novas e de coñecidos cos que poder relacionarse na procura da súa supervivencia. Será a partir do mes de agosto cando comece a intuírse que a situación pode estenderse bastante no tempo e a detectarse que as batidas policiais comezan a percorrer con asiduidade estes espazos, cando se considere prudente que hai que pór algo de terra por medio e ir cara a despoboados mais afastados. Un continxente bastante numeroso destes "fuxidos" decidirá achegarse até os montes do Galleiro e as serras inmediatas. Os motivos que os fan ir até alí son diversos; por unha parte trátase dunha extensión moi ampla de terreo, que se estende en superficie por varios concellos (Mos, Pazos de Borbén e Ponteareas), polo que amosa varias posíbeis vías de evasión no caso de ser acosados polas forzas policiais; e por outra parte, malia que alí xa non están preto da casa, tampouco están o suficientemente lonxe como para impedir contactos e axudas esporádicas de familiares e amigos á hora de achegarlles recursos. Varios centos de homes e mulleres van vivir como fuxidos na bisbarra de Vigo entre 1936 e 1939 Ademais esta serra ten unha disposición meridiana que lles permitiría, en caso de perigo, poder achegarse até as inmediacións da fronteira portuguesa, polo que sempre se podería contemplar a fuxida cara a aquelas terras en caso de necesidade. Nestes momentos haberá aínda bastante comunicación cos veciños e familiares; de feito algunhas noites algúns deles puideron achegarse até as súas casas para coñecer de preto novas, ou para coller roupas e viandas. A vida ao aire libre aínda non era moi dura e, de ser preciso, poderían agocharse á intemperie entre o millo e as viñas; pero conforme vaia pasando o verán e comecen a achegarse o outono e as inclemencias do tempo a situación vai ir complicándose. Malia que moitos dos que se botaran ao monte o fixeran simplemente para sobrevivir ―pois saben xa da intensidade do labor policial e da aparición dos primeiros asasinados nas gabias ao carón das estradas ou nos muros dos cemiterios― e non se lles pasa pola cabeza nin organizarse nin, moito menos, preparar algunha operación ofensiva contra as novas autoridades ou contra as forzas policiais que están ao seu servizo, non todos son da mesma opinión. Pronto se sabe que o alto nivel de detencións que se está a facer na bisbarra é posíbel só grazas á delación que están levando a cabo algúns dos propios residentes que, voluntariamente ou non, optan por colaborar cos novos amos, denunciando os veciños que pensan que poden ter algún tipo de responsabilidade política ou que tiveran algunha colaboración cos fuxidos do monte. Hai zonas concretas, como son as parroquias de Cabral ou Lavadores, onde o número de detidos polas forzas policiais é bastante elevado, polo que se intúe que ten que haber denuncias dalgún do lugar. Entre os fuxidos son algúns os que deciden que hai que dar algún tipo de escarmento ao que, se rumorea, delatan os seus veciños; e deciden actuar. Nestes primeiros meses son varios os residentes destas parroquias que recibirán a visita violenta dalgún destes grupos dos "do monte" coa intención de arranxar contas. Así lles acontecerá a Antonio Alonso Villar, veciño do Sello en Cabral, ou a Domingo Bernárdez, da Bagunda en Lavadores, asasinados no outono de 1936; e que serán seguidos de media ducia máis nos anos seguintes. Todos estes asasinatos daranse en circunstancias bastante confusas, xa que non sempre se sabe se a súa morte foi como resultado dunha extorsión que acabou mal ou, simplemente, como resultado dun atentado persoal premeditado. As primeiras accións armadas Ademais deste tipo de actuacións punitivas, estes grupos de proscritos levarán a cabo outras, que van desde actos de sabotaxe (contra a infraestrutura da condución de augas ou a do tendido eléctrico, principalmente), aos simples atracos na procura de alimentos, cartos e armas (aquí un dos seus obxectivos preferentes serán as casas reitorais, onde pode haber de todo o que precisan). A aparente impunidade coa que semellan actuar estes "fuxidos" armados nestes primeiros meses despois de iniciada a guerra pronto vai acabarse; sobre todo tras levar a cabo estes un ambicioso atraco desenvolvido, o 22 de decembro de 1936, por un numeroso grupo deles contra unha taberna dos arredores de Vigo. Semellando tratarse dunha partida de falanxistas (mesmo levaban uniformes, armas e correaxes semellantes aos destes) chegaban os do monte até a taberna de Dolores Sorís en San Xoán do Monte onde, non só arramplaron cunha gran cantidade de produtos ―alimenticios sobre todo―, senón que tamén deron morte a un falanxista ―Benigno Amoedo Retorta― que pasaba por alí; conseguindo logo retirarse até a serra do Galleiro, que lles servía de agocho, e todo sen problema ningún. A ousadía daqueles homes alporizou até tal extremo as autoridades militares e policiais da zona que decidiron darlles un contundente escarmento, para o cal mobilizaron unha gran cantidade de efectivos procedentes de todo o sur da provincia; forza mixta que vai estar composta por ducias de militares, de gardas civís, de falanxistas e mesmo de gardas cívicos. A operación vaise desenvolver coa distribución de varias columnas que accederán á serra do Galleiro desde varios puntos e, tras peitear intensamente toda a zona, haberían de converxer, ao tempo, na zona do cume ―para tentar así evitar fuxidas―, sendo a actuación policial un auténtico éxito. As forzas conseguen detectar varias covas onde se agochaba un bo número de fuxidos, incautándose, ou destruíndose, unha importante subministración de alimentos, armas e roupa de abrigo; así como conseguen detectar tamén a presenza de varios deles, algúns dos cales caerán abatidos polos disparos da forza armada (Antonio Vidal, Gerardo Pereira Iglesias ou Luis Antela Conde). Por certo, un deles, abatido moi preto do cume da serra, semella ser un dos fuxidos que con máis insistencia era buscado, ao suporse, erradamente, que podía ser un dos principais líderes destes homes: Manuel González 'O Fresco'. Tras a gran batida na serra vai haber unha desbandada xeral e os grupos de fuxidos que se van formar a partir de agora van ser moito máis limitados numericamente e moito máis cautos nos seus movementos e actuacións. Será a partir de agora cando moitos deles decidan regresar novamente ás inmediacións dos seus fogares, buscando alí lugares alternativos de agocho, ao abeiro, sempre, dos seus familiares e amigos. Ao longo dos meses seguintes continuará habendo aínda accións esporádicas de grupos destes fuxidos armados, consistindo normalmente estas en asaltos a tendas e tabernas illadas, pero tamén exercendo violencia contra algúns dos que se seguía a insistir en que delataban os seus veciños. Pola contra, haberá tamén importantes operacións policiais dirixidas contra eles, de tal xeito que o número de fuxidos detidos ou abatidos ―uns cando tentaban fuxir e outros, simplemente, asasinados a sangue frío no momento da súa detención― polas forzas policiais será moi importante. De todas estas accións represivas talvez o caso máis coñecido sexa o da detección, en marzo de 1937, dunha cova escavada onde se agochaban varios fuxidos no barrio da Bouciña, en Lavadores. Malia que inicialmente non se conseguiu deter ningún dos proscritos, as forzas policiais si que conseguiron facerse cun importante arsenal de armas e de material de todo tipo; moito do cal procedía de diversos asaltos a chalés e tabernas da zona cometidos nos meses anteriores. Como castigo exemplarizante pola colaboración cos fuxidos, varios veciños do lugar onde estaba situada a mina foron alí mesmo asasinados. Da política de Gómez Cantos á de García Alted Sábese que en total foron varios centos o número de homes e mulleres que tiveron que vivir como fuxidos durante ese tempo por toda a bisbarra. A maioría deles eran xentes anónimas, que nin tan sequera aparecían sinalados nas requisitorias xudiciais que emitían continuamente as autoridades militares; outros, en cambio, si que eran persoas especialmente recoñecidas polas autoridades policiais, malia que ás veces soamente polos seus alcumes: 'O Farrapillas', 'O Cachopas', 'O Chepas', 'O Nabizas', 'O Barbas', 'Os Guillén', 'Os Maletas', 'O Merrello', 'O Lolito', 'O Quintas'...; a meirande parte deles non chegarán a sobrevivir á guerra; ou acabaron abatidos no monte ou remataron sendo fusilados tras ser detidos e xulgados. A supervivencia para estas xentes vai ser cada vez máis difícil, e nin tan sequera o fin da guerra semella que vaia mudar moito a situación. Porén, sen sospeitalo sequera pouco antes, de súpeto ábrese para moitos destes homes e mulleres que están fóra da lei unha luz de esperanza... Na primavera de 1939 chegaba á provincia de Pontevedra, para facerse co posto de gobernador civil, un estraño personaxe:Manuel Gómez Cantos. Era este un comandante da Garda Civil que traía tras de si un sinistro expediente como represor especialmente activo. Contra todo prognóstico, tan pronto como chega a facerse cargo da provincia, comeza a ditar unha serie de medidas dun talante claramente paternalista que semellan buscar o aprecio das clases máis humildes, sen importarlle a opinión dos grupos de presión máis poderosos da provincia: a loita contra o mercado negro e contra a suba de prezos, a creación de postos de traballo, a promesa de vivendas sociais... e, o que máis chama a atención, un bando no que promete o perdón a todos aqueles fuxidos que sigan ocultos e que non teñan responsabilidades de sangue. A todos os que se presenten voluntariamente el comprométese, persoalmente, a que non serán molestados nin se lles pedirá ningún tipo de responsabilidade penal. Tras unha intensa campaña propagandística na prensa, a meirande parte dos fuxidos da provincia comeza, timidamente, a presentarse. Nas primeiras semanas de xuño van ser xa varios centos os que xa pasasen polo trámite de ter que presentarse no cuartel da Garda Civil para que se lles desen os papeis regulamentarios e así poder regresar, tranquilamente, á casa. Lamentabelmente a ilusión que supuxo o bando do gobernador vai ser tan só un efémero espellismo. Apenas un par de meses despois, en agosto, Gómez Cantos vai ser fulminantemente destituído do seu cargo. Seica foran moitos os que se sentiran molestos polo seu modo de actuar e decidiran facer presión para conseguir a súa caída en desgraza. Unha das primeiras ordes que dará o seu sucesor no cargo, outro membro da Garda Civil chamado Francisco García Alted, vai ser dar orde de proceder á detención da maioría dos que se presentaran, coa intención de investigar as súas posíbeis responsabilidades penais. Esta decisión fará que moitos dos que teñan ocasión volvan á clandestinidade; algúns deles co compromiso inequívoco non só de sobrevivir, senón de, a partir de agora, contribuír a menoscabar o réxime ilegalmente imposto. Pode dicirse que será a partir de agora cando comece a argallarse un verdadeiro núcleo guerrilleiro no sur da provincia de Pontevedra.
|
NOS_48648
|
2019, ano de eleccións. Municipais e europeas aseguradas no calendario e sen desbotar un adianto dos comicios xerais. Mais o ano que vén vai ter retos e desafíos máis aló dos simplemente electorais. Dalgúns deles fálannos desde as diferentes organizacións. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 327 de Sermos Galiza.
|
O ano 2019 colle en breve o relevo de 2018. Un traspaso que tamén se marca no arranque, após as vacacións de Nadal, dunha nova etapa no curso político galego. Vai ser un ano no que as eleccións municipais e europeas -e pode que mesmo as xerais, de haber adianto electoral- van centrar unha parte importante dos esforzos e planificación das diferentes formacións políticas que actúan en Galiza. Porén, hai vida política alén da cita coas urnas. Cuestións, problemas, políticas e proxectos que as diferentes forzas consideran que van ser centrais neste 2019. "A defensa da sanidade pública vai ser un tema determinante, é unha batalla que está na rúa e nas institucións", aponta en conversa con Sermos Galiza Antón Sánchez, viceportavoz parlamentar de En Marea. Un tema no que tamén coinciden o portavoz do PSdeG e a viceportavoz do BNG. "É a principal preocupación cidadá agora mesmo e a Xunta non pode escaquearse, a sanidade é competencia súa", sinala Fernández Leiceaga a este semanario. A nacionalista Olalla Rodil considera que o sanitario "vai ser un dos debates importantes de 2019: lograr que a sanidade pública sexa o que ten que ser, un dereito fundamental". Para Rodil, ademais, 2019 ten que ser un ano de intensificación da loita por aquelas cuestións que demanda a cidadanía galega: "O que pasa na Educación, o que acontece na dependencia, actuar contra a precariedade e temporalidade laboral; a emigración...", enumera para Sermos Galiza. O PP, de por parte, considera que 2019 vai ser unha oportunidade para "consolidar" o traballo desenvolvido nestes anos. En 2019 vai facerse unha década de goberno de Núñez Feixoo na Xunta e o Partido Popular quer que sexa un ano de 'sacar brillo' ao presidente. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
|
PRAZA_1137
|
O alcalde da vila, Federico Gutiérrez (BNG), asegura que varias "testemuñas" acreditan que "candidatos do PP andan movendo persoas" con "demencia" para que soliciten o voto postal nas eleccións do 24-M. Feijóo ofrece este sábado un mitin na vila.
|
Feijóo responde ás denuncias de carretaxe pedindo o voto para que os concellos non sexan "pequenas Venezuelas" O pequeno Concello de Riotorto, de apenas 1.400 habitantes, é un dos marcados en vermello no taboleiro electoral do PP lucense. Actualmente está gobernado por unha coalición do BNG -4 concelleiros- e o PSdeG -1 concelleiro-, mentres que a oposición está formada por 4 edís do PP. Malia ás súas escasas dimensións, Riotorto é unha praza relevante para outra batalla, a cobizada Deputación de Lugo. Se cadra por iso este sábado Alberto Núñez Feijóo acode persoalmente a ofrecer un mitin alí. Para o alcalde e candidato á reelección, Federico Gutiérrez, a presenza do presidente da Xunta equivale a un "aval" ás prácticas que vén de denunciar ante a Xunta Electoral: a "carretaxe" de anciáns con "demencia" para tramitaren o voto por correo malia non estaren capacitados, di. "Presentamos unha denuncia ante a Xunta Electoral porque temos testemuñas", explica Gutiérrez en declaracións a Praza Pública. Nas últimas semanas, asegura, "os candidatos do PP andan movendo persoas anciás", das que "nos consta que están solicitando certificados médicos" por tratarse de "xente que ten demencia". Lévanas, di, a oficinas de Correos como a do concello veciño da Pastoriza -a de Riotorto comparte edificio coa casa consistorial- para solicitar o voto postal nas eleccións do 24 de maio. Fano malia "ser xente que non saben onde están, que non se poden nin mover" e que, na súa maioría, habitan en residencias de maiores por non poderen valerse por si mesmas. O alcalde de Riotorto afirma que "os candidatos do PP andan movendo" persoas "con demencia" para que tramiten o voto por correo Ao contrario do denunciado polo alcalde socialista do concello ourensán de Amoeiro, neste caso non existe ofrecemento dos servizos dun notario para facer o trámite. "Se teñen que facerse cun poder notarial élles un proceso máis complicado", e neste caso ao PP local resúltalle "moito máis operativo o coche, levalos á oficina de Correos, arranxarlles os papeis, e listo". Isto sucede, entre outros motivos, asegura, porque un dos candidatos populares "ten un taxi e xa se encarga el de mover as persoas". Este xeito de actuar mesmo "provocou algún enfrontamento con traballadores de Correos", dadas as dificultades das persoas transportadas para comprenderen os documentos. Feijóo ofrece este sábado un mitin na vila, o que para Gutiérrez supón un "aval" a estas prácticas "Aquí coñecémonos todos", resume Gutiérrez, para constatar que isto "non é nada que non fixesen sempre". A única diferenza, mantén, é que "desta volta é máis intenso". O caso xa está na mesa da Xunta Electoral e "xa se lle comunicou á Garda Civil", aínda que o alcalde teme que "quede en nada". "Polo menos", que se saiba, reflexiona, mentres lamenta que Feijóo vaia servir, coa súa presenza, de "aval a este tipo de prácticas". "Non creo que os vaia reprender" durante o mitin, no que tamén está prevista a presenza do presidente provincial e portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro. A denuncia e a presenza de Feijóo na campaña de Riotorto chega despois dun mandato municipal no que o alcalde deste pequeno Concello mantivo enfrontamentos directos coa Xunta en varios asuntos, especialmente no que atinxe ao copagamento de medicamentos. Así, despois de que o Ministerio de Sanidade anunciase a exclusión de varios medicamentos do financiamento público o goberno local desta vila anunciou que se faría cargo do custo dos fármacos e o movemento de oposición a este recorte sanitario chegou a ser alcumado como "espírito de Riotorto".
|
NOS_6124
|
Un videoxogo guiará a cidadanía pola Pontevedra medieval, co gallo do 850 aniversario do foro. Niso consiste Ponte Veteri, un proxecto desenvolvido polo grupo ComTecArt, que integran docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Conversamos con Olaia Ferrando, persoa ao cargo da dirección artística, que nos explica as claves dunha iniciativa que concilia as dimensións lúdica e educativa.
|
Que é Ponte Veteri? É parte dunha acción cultural promovida polo Concello de Pontevedra co gallo de conmemorar o 850 aniversario do foro, cando Fernando II lle entregou á cidade esa condición. A respecto disto, hai unha exposición, que se inaugurou 19 de decembro, un libro que xa se publicou e o videoxogo, que é no que estamos traballando desde a universidade de Vigo, como parte do proxecto do ComTecArt, un grupo multidisciplinar de investigación docente para a ensinanza de videoxogo. Dentro disto, eu levo a parte de dirección de arte, pero hai moita xente detrás: o director director técnico, Antonio Pena; David Conde, programador responsábel do desenrolo de mecánicas, Beatriz Legerén, produtora; Ariadna Cordal, na investigación histórica; Daniel Malvido, artista de persoaxes, e Luis "Faraón" Fernández, artista 3D e animador. En que consiste o xogo? En esencia é un roteiro, como google maps, só que se guía ao xogador por un percorrido semellante ao da antiga muralla de Pontevedra. Levámolo por zonas históricas, mentres vai resolvendo enigmas e minixogos. De fondo, hai unha especie de conspiración para impedir que se asine o foro de Pontevedra. O xogador ten un mestre de cerimonias que é unha personaxe moi representativa da cidade, o Rabachol, que adaptamos co nome de Lorichol. Esta figura guía a resolución do misterio. Para que serve de pretexto esta historia que se crea? O xogo está ligado a unha unidade didáctica que se vai repartir aos centros de ensino de primaria, onde se explica a historia da cidade Sobre todo para o tema de coñecemento do patrimonio arquitectónico e cultural de Pontevedra. O xogo está ligado a unha unidade didáctica que se vai repartir aos centros de ensino de primaria, onde se explica a historia da cidade: como era, que pasaba coa ponte do Burgo, como era o comercio... Trátase especialmente o tema dos gremios. Despois desa unidade, as rapazas e rapaces xogan e reforzan os contidos aprendidos, que quedan deste xeito fixados dunha maneira máis divertida. Hai daquela un proceso de documentación detrás? Si. Foron seis meses de desenvolvemento do xogo, pero investigando levabamos xa un ano, porque había que tratar con moitos aspectos históricos e queriamos que a xente de Pontevedra estivese cómoda co resultado. Na equipa somos seis persoas, entre as que se atopan alumnas da universidade, como Ariadna Corral, que se ocupou desa figura denominada Historical Researcher, é dicir, quen investiga a nivel histórico para que o resto teñamos a documentación precisa para traballar. Ela tivo unha procura moi intensa sobre a Pontevedra do 1169, buscando referentes, vestimentas, casas... Todo o preciso para darlle rigor histórico, se ben logo na parte artística tomamos algunha licenza para facelo máis visual. Pero o que pretendemos é que sexa o máis realista posíbel para que as mozas collan un modelo mental correcto. Foron seis meses de desenvolvemento do xogo, pero investigando levabamos xa un ano Hai tamén un proxecto de realidade aumentada, non? Si, na exposición sobre a ponte do Burgo fixemos unha aplicación a maiores, con algunhas pequenas instalacións metidas dentro. É un xogo que ten tres probas. A primeira é un trivial, con preguntas sobre cousas que hai nos paneis; a segunda propón un xogo de construción en realidade aumentada, colocando bloques a través do móbil; e a última proba consiste en atopar obxectos agochados nun modelo de catro metros de longo que se fixo da ponte do Burgo, en realidade aumentada. Cando o consegues, pasan certas cousas que non podemos desvelar. Hai unha vontada de sacar o videoxogo da industria do entretemento e demostrar o seu potencial educativo? Claro. Educativo, lúdico e, sobre todo, cultural. Ao principio, era un roteiro gamificado, máis pouco a pouco foi collendo historia e dimensión até se converter nun videoxogo. É cultural no senso de que está feito para fomentar a aprendizaxe. Porén, non deixa de funcionar ao tempo como unha aplicación turística, porque a App leva a visitar a cidade vella, contando a súa historia. Ten esa dupla dimensión.
|
NOS_9510
|
Portugal reivindica como propia a coñecida praia de Vigo nunha canción con sons festivos que comparten o músico luso e a banda galega. O vídeo leva máis de 12.000 visitas en Youtube nun só día.
|
"O Samil é Portugal, o Samil é portugués...", canta a banda galega Os Vacalouras coa estrela invitada Quim Barreiros, coñecido artista luso que pon voz a himnos de dobre sentido coma "A cabritinha". No novo tema, que podería converterse na canción do verán na Galiza -e tamén en Portugal, ou polo menos na zona norte-, a alianza de músicos reivindica a praia de Vigo como parte do Estado veciño. Cal é o argumento que esgrimen para tal afirmación categórica? Que a cidadanía do outro lado da 'raia' goza do espazo natural galego e vén pasar moitos días de sol (mesmo por tradición) ao outro lado da fronteira, sempre que a Covid-19 o permita. Concordas coa teoría? Pensas que en Samil xa hai máis portuguesas e portugueses que galegas e galegos? Se aínda non estás convencida non tes máis que escoitar a cantiga pegadiza que podería sonar nos locais e nas radios do territorio transfronteirizo este verán. Mentres gran parte da poboación galega está a apostar en pasar parte das súas vacacións en Portugal -pois é a opción sinxela á par que internacional nun contexto de pandemia sanitaria como se amosa a diario nas redes sociais- as e os veciños fan turismo nas terras do norte. Así o recolle o tema "O Samil é Portugal" que xa podes escoitar en diferentes plataformas musicais desde hai un día. O vídeoclip, que non ten desperdicio, tamén está dispoñíbel en Youtube e xa conta con máis de 14.000 visitas. Entre as perlas que deixa a letra para a lembranza están "...Pero Samil non é de Ourense, pero Samil non é de Vigo. Foi conquistado legalmente pola xente do sul do Minho". E achegarase xente de Lugo, de Allariz e doutros puntos do interior, pero nalgún que outro bar a pé da area xa ofertan, din os músicos, a famosa "francensinha". Cunha base musical creada a base de gaitas, bombos e acordeóns que queda na mente, Quim Barreiros e Os Vacalouras insisten en que na praia olívica é preciso refrescarse con "vinho verde" e secar en "toalhas de Valença". Malia os tópicos e os requisitos "para saír en regra do país", 'O Samil' vai camiño de converterse nun hit irresistíbel que non pararás de cantaruxar e mesmo ten algo de baile para aprender. E se Samil non é o que procura o público, sempre quedará bañarse "no Berbés".
|
NOS_43619
|
Concello e veciñanza presentaran un contencioso contra o acordo do Consello da Xunta no que se outorgaron as autorizacións administrativas prevista e de construción do parque.
|
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de paralizar, de modo cautelar, a tramitación da licenza para a construción en Mazaricos do parque eólico Ruña II, segundo informa o Concello de Mazaricos. Este proceso iniciouse hai un ano co recurso das autorizacións concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao Tribunal Contencioso-Administrativo por parte do Concello e a veciñanza afectada, informan desde o Goberno local. Para o alcalde, Juan José Blanco, "as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas" Dito recurso baseábase, entre outras cuestións, no feito de que o proxecto incumpre con varios artigos da Lei de Montes de 2012. Un deles é o que prohibe o cambio de usos de terreos que se queimaron en incendios durante un mínimo de 30 anos. E, precisamente, en terreos que arderon, é onde se asentaría este parque. Para o alcalde, o nacionalista Juan José Blanco, "as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas". O rexedor advirte que non está "disposto" a que "as empresas promotoras veñan con escurantismo e malos modos a amedrentar a unha veciñanza que non dispón de ferramentas para defenderse" e que desde o Concello continuarán a "traballar" para "poñer os nosos dereitos por diante onde faga falta". Do mesmo modo subliña que non está "en contra da enerxía eólica" pero que esta debe desenvolverse "con planificación e respecto ás persoas e ao patrimonio". Desde o Concello explican que agora toca "agardar" á sentenza do TXSG sobre a ubicación do parque. O que si especifican é que "unha resolución en contra, abrirá a porta á paralización doutros proxectos que se asentan en terreo queimado".
|
NOS_49978
|
A manifestación portaba os cadaleitos dos mortos o día anterior no desaloxo por parte do Exército de Bolivia das inmediacións dunha planta de distribución de combustíbel.
|
As cidade de El Alto e de La Paz, separadas por uns 10 quilómetros, volveron vivir esta quinta feira, 22 de novembro, unha xornada de mobilizacións, 11 días despois de consumarse o golpe de Estado en Bolivia e a instauración dun Goberno de facto encabezado pola senadora Jeanine Áñez, autoproclamada presidenta interina. #Bolivia: vean cuánta gente baja a La Paz, vienen de El Alto, de Potosí, de las zonas humildes, contra el golpe de Estado, la represión, el decreto que le da impunidad a los militares para matar. Las movilizaciones no se detienen y no lo harán.#21Nov pic.twitter.com/PqKele1227— Marco Teruggi (@Marco_Teruggi) November 21, 2019 Os manifestantes denunciaron ademais a represión por parte das forzas de seguridade do Estado. Nesta semana e media, un total de 34 persoas perderon a vida. Na marcha desta quinta feira, o grupo de manifestantes portou os féretros das persoas falecidas na cuarta feira durante a disolución por parte do Exército dunha concentración nos arredores da planta de Xacementos Petrolíferos Fiscais Bolivianos, situada en Senkata, tamén da cidade de El Alto. De novo as forzas policiais actuaron para dispersar a marcha con gases lacrimóxenos despois de chegar desde El Alto ao centro de La Paz pouco antes das 14.30 horas (horario local). ⚠️#BOLIVIA / Inicia la represión de la policía asesina vs la marcha indígena pacífica q acompaña los féretros d los asesinados en la planta de #Senkata. Esto ocurre a 3 cuadras de Plaza Murillo, La Paz (casa de Gobierno).#PLOMO19 #BoliviaEnDictadura pic.twitter.com/lR1EdEw1lp— 🅴🅻 🅲🆄🅴🆁🆅🅾🇳🇮 (@ElCuervoNica) November 21, 2019 Á altura da Praza San Francisco a policía lanzou botes de gas ao tempo que axentes antidisturbios en motocicleta arremetían contra o grupo. As e os manifestantes comezaron a correr, e algún dos cadaleitos quedou no chan entre gases lacrimóxenos. «Impunidade» Segundo a Defensora do Pobo de Bolivia, Nadia Cruz, polo menos nove persoas resultaron mortas no enfrontamento de Senkata, todos varóns e a maioría menores de 30 anos. Os testemuños recollidos por medios rexionais apuntan que as tropas dispararon contra o grupo de civís, que tentaba impedir a toma militar e policial da planta de distribución de combustíbel. Varios organismos de dereitos humanos está a pular pola derrogación dun decreto emitido por Áñez que, segundo denuncian, permite aos militares e á policía reprimir as e os manifestantes sen repercusións penais.
|
NOS_47244
|
Inspección de Traballo comunicou a Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos 5.000 traballadores que ten no conxunto do Estado español, por volta de 1.000 deles en Galiza
|
Asembleas en Ourense, Lugo e O Porriño con persoal de Servicarne para informar sobre a resolución da Inspección de Traballo que obriga a falsa cooperativa a dalos de alta no réxime xeral de seguridade social e abordar o proceso que se inicia a partir de agora. Asembleas organizadas pola CIG e nas que a central trasladoulles que unha vez que reciban a comunicación da autoridade laboral terán que presentar reclamacións individuais para que lles devolvan as cotas de autónomo que pagaron nos últimos catro anos. A partir de que reciban a comunicación da Inspección de Traballo iniciarase o proceso mediante o que a empresa deberá dalos de alta no réxime xeral da Seguridade Social. Paralelamente os traballadores deberán tramitar reclamacións individuais para solicitar que se lles devolvan as cotas de autónomo que abonaron nos últimos catro anos. Ademais, no caso de Frigolouro, a Inspección de Traballo xa lle comunicou á empresa que ten que proceder a converter os falsos/as autónomos/as que traballan nas súas instalacións -arredor de 260- en persoal propio antes do vindeiro mes de novembro, medida que seguramente se estenderá ao resto de compañías usuarias en breve. Inspección de Traballo comunicou a Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos 5.000 traballadores que ten no conxunto do Estado español, por volta de 1.000 deles en Galiza. Unha resolución que chega após o cento de reclamacións individuais tramitadas pola CIG diante da autoridade laboral a raíz do conflito de Frigolouro. Falamos con Suso García, do sindicato nacionalista. "Foi un conflito sempre en solitario. Non só tivemos que loitar contra a empresa senón incluso contra os delegados das outras centrais sindicais. Foi unha loita bastante 'fodida', esa é a palabra", afirmaba en conversa con Sermos Galiza Suso García, do sindicato nacionalista.
|
NOS_43390
|
A Coruña acordou a comezos de mes dar os primeiros pasos para a creación dunha compañía eléctrica municipal, cuxa estrutura e funcionamento está aínda por decidir. Con todo, o Concello ten parte do traballo avanzado, pois conta con instalacións de titularidade pública que xa obteñen a súa enerxía a partir de fontes renovábeis.
|
A Coruña será a primeira das grandes cidades galegas en contar cunha empresa enerxética municipal. Cando menos esa é a súa intención. O Goberno local (PSOE), a iniciativa de Marea Atlántica e co apoio do BNG, aprobou nun pleno extraordinario decorrido o pasado 3 de decembro o inicio da creación dun operador enerxético que terá como principios básicos de actuación a protección ambiental e a loita contra o cambio climático e a pobreza enerxética. O novo operador enerxético, que colgará da estrutura de Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña, ten aínda moito camiño por andar. O seguinte paso no calendario será a constitución dunha comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico que terá por obxecto redactar unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético. A designación do persoal que integrará a devandita comisión correrá a cargo da Xunta de Goberno local, que dispón dun prazo máximo de dous meses para cumprir con esta premisa. Porén, aínda que a fase administrativa está nos seus inicios ─o acordo comezou a fraguarse en 2019 pero non se executou até agora─, o Concello da Coruña ten moito avanzado na parte de xeración enerxética e autoconsumo nos últimos anos. Baixo a terra que cubriu o antigo vertedoiro de Bens após o derrubamento de 1996 quedou unha bolsa de biogás que comezou a explotarse no 2003 e que xa está próxima a esgotarse. Segundo apuntan desde o Consistorio coruñés, leva producidos case 80 millóns de quilowatts hora (KWh) de enerxía. O pasado ano foron só 1,2 millóns KWh producidos, máis algunhas das previsións falaban de que o biogás xa se tería esgotado no ano 2015, cousa que non sucedeu. Independentemente do biogás que quede por aproveitar no antigo vertedoiro, o emprazamento desta planta é xa un novo referente en materia enerxética na cidade, xa que o pasado 8 de xuño inaugurouse alí o novo Centro Municipal para o Clima e a Enerxía Sostíbel 'Fernando Roade'. Xunto a el, o Concello levantou unha instalación híbrida solar-eólica de 20 quilowatts (kW) que, como apuntaron no seu día fontes municipais será a primeira dunha serie de instalacións demostrativas de produción de enerxía mediante fontes renovábeis do complexo, qie ademais servirán para cubrir a demanda enerxética do edificio. O maná dos residuos Non moi lonxe de alí, na planta de tratamento de residuos de Nostián, de titularidade municipal, o Concello ten outra fonte de xeración de biogás rico en metano, tamén a partir da descomposición dos residuos orgánicos. A central está composta por cinco módulos de motor-xerador cunha potencia instalada de 6.200 kW, capaces de producir 55 xigawatts hora ao ano (GW/h) que despois se aproveita na planta, exportándose o excedente á rede eléctrica. Doutros residuos, desta vez dos da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, tamén se conseguiu obter biogás. Xustamente, a unidade mixta formada pola EDAR e Naturgy anunciou hai uns días que comezaba a inxectar biometano na rede de subministración. Até o de agora, ese gas empregábase como combustíbel sostíbel para facer funcionar un autobús de liña regular e tres furgonetas de colectivos sociais da cidade. Con este novo fito ─é a primeira vez que se inxecta biogás de depuradora á rede na Galiza─ a estación de Bens terá capacidade para producir medio millón de metros cúbicos de biogás, equivalentes a unha capacidade enerxética de case cinco millóns e medio de quilowatts hora ao ano ou, o que é o mesmo, o consumo de 900 fogares. O seguinte fito podería ser a produción de hidróxeno verde nas instalacións, un combustíbel chamado a revolucionar o mapa enerxético, e que xa están a investigar. Autoconsumo Estas instalacións de xeración súmanse a outros equipamentos de produción enerxética públicos que o Concello ten espallados pola cidade, como son as instalacións solares da piscina de Riazor (30 paneis solares) e a do Parque de Bombeiros (3 paneis); as plantas de coxeneración nas instalacións deportivas de San Diego e do Club do Mar de Santo Amaro, e os tres minixeradores eólicos do parque Adolfo Suárez. Con todo, a idea do Concello coruñés é seguir ampliando o número de dependencias municipais con instalacións de autoconsumo nos próximos anos, así como mellorar a eficiencia enerxética de todos os inmóbeis de titularidade pública.
|
PRAZA_7781
|
O presidente da Xunta, que renunciou a impulsar unha candidatura alternativa, insta o líder da formación en Ourense a "apartar as diferenzas de épocas anteriores"
|
A dirección autonómica do PP, encabezada por Alberto Núñez Feijóo, renunciou a ir á guerra aberta contra o clan Baltar. Malia estar nunha situación delicada, esencialmente a causa do procedemento xudicial que se segue contra o patriarca da familia, José Luis Baltar, a cúpula dos conservadores galegos decidiu non repetir a estratexia de 2010, cando decidiron apadriñar un candidato alternativo a Manuel Baltar no momento en que o seu pai o lanzaba á sucesión, primeiro no partido e despois na Deputación. Aquela foi a primeira batalla política que Feijóo perdeu dende que é presidente da Xunta e desta volta semella optar por unha caste de guerra de guerriñas para colocar os seus afíns nunha dirección dominada por Baltar. A presenza dos seus fieis na Executiva baltarista está xa asegurada dende o Congreso autonómico que o partido vén de celebrar. Nese cónclave a formación reformulou os seus estatutos para que os membros da Executiva autonómica -o equipo de Feijóo e Rueda- sexan membros natos das Executivas na provincia na que estean afiliados. Así as cousas, Baltar terá que ter canda el a dirixentes pouco cómodos para a cúpula do feudo ourensán, tales como o deputado celso Delgado, a parlamentaria Carmen Pardo, a Antonio Rodríguez Miranda, antigo baltarista e actual secretario xeral de Emigración e mesmo a Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín que loitou infrutuosamente pola presidencia provincial en 2010 avalado por Feijóo e Rueda. Pero esa designación mecánica, vía estatutos, non é dabondo para Feijóo. O líder do PP insta o presidente ourensán a "aparcar as diferenzas de épocas anteriores" malia ter garantida a presenza dalgúns dos seus na dirección provincial Aproveitando a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o xefe das filas conservadoras lanzou un recado con destino a Ourense: quere tamén que na lista de Baltar haxa persoas afíns 'a Santiago', como se adoita denominar internamente a dirección autonómica. "Espero que esa candidatura aparte as diferenzas de épocas anteriores e que sexa a candidatura do PP de Ourense na súa totalidade", advirte Feijóo, en cuxa opinión "os afiliados e dirixentes non son dunha persoa", senón "do partido". Neste contexto asegura "supoñer" que a candidatura de Baltar, a única que se votará, "vai reflectir o partido". Pero a posibilidade de que haxa ou non integración non é o único pano de fondo do congreso que o 16 de marzo aclamará a Baltar. Tamén o son os problemas xudiciais de Baltar pai -suspendido temporalmente de militancia- e Feijóo non oculta que isto vaia influír no cónclave. "Todas as cuestións teñen as súas repercusións, non sei", expresou dende a tribuna de San Caetano. O titular da Xunta chama a agardar o que "depare o futuro" se ben, en calquera caso, "no presente" o procedemento xudicial, di, "non ten nada que ver co presidente provincial do partido e da Deputación de Ourense". "Estamos ante un proceso xudicial aberto" en torno ao que hai "bastante ruído". "Imos ver o que queda despois do ruído", reflexiona.
|
NOS_38337
|
Greve e manifestación contra o expediente que pretende despedir 205 traballadores da plataforma coruñesa da teleoperadora, o 58% de todos os despedimentos que ese ERE propón no Estado.
|
Unha greve en Extel secundada masivamente (por volta do 99% dos traballadores secundaron o paro) e unha moi nutrida manifestación amosaron o rexeitamento frontal na Coruña ao ERE proposto pola empresa e que prevé despedir 205 operarios na plataforma coruñesa, o 58% de todos os despidos que o expediente prevé no Estado. A xornada comezou cunha greve, convocada en todo o sector de centros de chamada, contra o bloqueo do convenio colectivo e que na Galiza tivo un seguimento moi alto. Nomeadamente na Coruña. Extel pretende despedir 205 traballadores no seu centro da Coruña no marco do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 355 empregados en todo o Estado. O peso principal do expediente, pois, recae na cidade galega, que soportará o 58% dos despedimentos. Un de cada cinco traballadores de Extel na Coruña (onde ten 900 traballadores) terá que ir ao paro, segundo os plans da empresa. A compañía de telemarketing prevé botar 104 empregados en Zaragoza, 29 en Alcobendas, 13 Hospitalet e 4 en Málaga. A mobilización que decorreu pola tarde denunciou o que consideran unha fraude. A empresa xustifica a medida en cuestións como a produtividade ou as organizativas, non económicas, pois continúan a ter beneficios millonarios. "Somos subcontratas de grandes empresas (Telefónica, banca...), que son as que marcan o que queren e hai que cumprilo, aínda que iso supoña exprimir ao máximo os empregados, recortar", denunciaron desde a CIG.
|
NOS_28815
|
Alberto García Basteiro (Vilalba, 1982) é profesor asistente de investigación de ISGlobal e epidemiólogo do Hospital Clínic de Barcelona. A canda outros expertos internacionais vén de asinar unha carta na que detallan como debe ser a avaliación independente da xestión da pandemia que urxen realizar no Estado español.
|
—Por que é urxente unha avaliación profunda da pandemia?É urxente porque seguimos sen saber a ciencia certa por que somos un dos países mais afectados pola pandemia, tanto na primeira onda como agora, na segunda. É fundamental facer unha boa análise do que non funciona ou do que non facemos ben para tentar facelo mellor. É algo que facemos noutros moitos contextos persoais ou profesionais. Non debe sorprender a ninguén. E isto é compatíbel con seguir loitando contra a pandemia. Non aceptar unha avaliación significa que non se aprecia a súa importancia, que non se entenden os seus obxectivos ou que se é optimista en exceso con que a pandemia acabará nun moi curto prazo. —E como apuntaba, axudará a explicar a incidencia do novo coronavirus no Estado español.Pretendemos simplificar as causas e reducilas a un único aspecto, pero son varios os elementos que contribúen a que esteamos así. Por iso insistimos en que a identificación seria desas causas debe ser obxecto dunha análise académica seria. —Inciden en que non se trata de buscar culpábeis senón de identificar fraxilidades reversíbeis que impulsen cambios. Cales serían os beneficios?Os beneficios pasan por fortalecer todas esas estruturas que agora mesmo non están a altura para someter o sistema a un estrés desta magnitude. Ademais, seguramente, tamén mellorará as decisións que tomamos, os mecanismos de xestión, a coordinación, que entendo que son chave para dar resposta a esta crise sanitaria. —Significa que non abonda cunha simple análise da xestión da pandemia, que cómpre reparar tamén nas circunstancias estruturais de cada territorio?Eu penso que é moito máis profundo que a xestión en si. Cómpre reparar en todos os aspectos, sociais, económicos, demográficos. Houbo un desentendemento das estruturas de saúde pública. As condicións de habitabilidade de moitas persoas, temporeiros ou non, distan moito das ideais para que non sexan caldo de cultivo de transmisión. A situación das residencias, en canto á calidade dos coidados e o acceso aos servizos de saúde, é algo que ten que ser revisado e regulado. Pero as causas, de forma certeira, deben ser provistas por esa avaliación que pedimos, independente e multidisciplinar. —Atendendo á evolución da pandemia na Galiza, que consideracións son chave neste territorio para entender o seu impacto no territorio e responder no futuro a esta ou a outras pandemias? A situación galega non é tan preocupante como noutras comunidades autónomas. Creo que se ten reaccionado relativamente rápido ante a detección de brotes e pode ser que determinadas características da nosa demografía, como a dispersión, o despoboamento ou un número importante de persoas maiores exposto a poucos contactos tamén axuden. Aínda así, non nos podemos conformar, e hai que tentar baixar a incidencia dos niveis actuais. Os elementos críticos de rastrexo e fortalecemento da vixilancia epidemiolóxica aplícanse tamén para o caso galego. —A maioría do Parlamento galego rexeitou investigar o que aconteceu e acontece nas residencias de maiores. É unha mala noticia?Desde logo, unha análise profunda das poboacións vulnerábeis é moi necesaria para que non se volvan cometer os mesmos erros. Sabendo o que sabemos da primeira onda, non se deberan dar brotes tan grandes nas residencias. —A experiencia da primeira vaga de contaxios soubo preparar o sistema, as autoridades e a sociedade para esta volta?Parece que pouco, á vista da situación actual. Pero o tempo dirá. E non o digo eu, dío o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades mais a Organización Mundial da Saúde. Á vista do número de casos actuais, mortes, número reprodutivos, taxas de hospitalización ou PCR por caso confirmados, constátase que se podía ter feito máis para enfrontar mellor a segunda onda — Todos os esforzos recaen na ciencia, mais parece reducirse á consecución dunha vacina. Que máis pode e debe achegar a ciencia mais a comunidade científica?Sería importante que a ciencia conseguise mellores tests diagnósticos, tratamentos e profilaxes efectivas, aínda que non se consigan no curto prazo. O mundo científico é fundamental para asesorar as autoridades a tomar decisións máis informadas. Un bo exemplo é o modelo suízo, que ten comités de expertos por áreas temáticas relevantes, que publican informes para asesorar o Goberno. Alén diso, axudaría a quitar a presión aos funcionarios dos distintos Ministerios e Consellarías, e a facer moito máis transparente a toma de decisións. Cinco chaves para volver á nova realidade Figuras eminentes da Saúde Pública de nove países de Europa e Asia-Pacífico acaban de publicar en The Lancet unha análise comparativa das medidas que hai que ter en conta para recuperar a normalidade após o confinamento e as leccións aprendidas do levantamento das restricións. A comunidade experta revela cinco chaves: un bo coñecemento dos niveis de infección, que exixiría datos precisos de alta calidade en tempo real; a implicación e a participación da comunidade na resposta, que obrigaría os Gobernos a xerar confianza e seleccionar medidas que o público estea disposto a cumprir; un investimento sostido na capacidade estrutural tanto da saúde pública como do sistema sanitario; control de fronteiras e da mobilidade para eliminar a transmisión doméstica, ademais dun sistema efectivo de busca, proba, rastrexo, illamento e apoio antes de aliviar as restricións.
|
NOS_55861
|
A Galiza xa cumpre os obxectivos de xeración e consumo de enerxía a partir de fontes renovábeis que o documento fixa de cara ao ano 2030.
|
O movemento ecoloxista dá un novo paso para frear o "espolio éolico". Onte o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), entidade da que fan parte —entre outras organizacións— Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, anunciou a presentación dun recurso perante o Tribunal Supremo contra o Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) 2021-2030, así como contra a proposta de zonificación ambiental para a implantación de proxectos de enerxía eólica e o fotovoltaica. O motivo esencial da demanda, sufragada con cargo ás máis de mil doazóns que permitiron ao FDXCC reunir 49.000 euros a través dunha campaña de micromecenado, é a ausencia dun procedemento de participación pública —iniciado após a aprobación do documento polo Goberno español— e dunha avaliación ambiental estratéxica previa —tamén posterior—. Desde Adega precisan que nin o estudo ambiental do Pniec nin a súa declaración de impacto ambiental "cumpren os estándares mínimos de calidade exixidos legalmente". Así, salientan principalmente a falta dun marco regulador da autorización de proxectos. "[O Pniec] deixa en mans da libre iniciativa dos promotores estabelecer onde, como e canto acometer o seu desenvolvemento", lamentan as ecoloxistas, que advirten da consecuente e "imparábel" perda da biodiversidade e de solos agrícolas que, porén, "podía previrse adoptando no propio plan unha zonificación vinculante de zonas idóneas para a implantación de renovábeis". Máis de medio cento de proxectos novos desde o inicio do veto eólico Debido a esa falta de planificación, sosteñen, a 'España baleirada' e nomeadamente unha Galiza que sae "especialmente prexudicada" asisten na actualidade a un "boom" destes proxectos que "supera con fartura os obxectivos do plan". De feito, o Pniec fixa como obxectivo para 2030 un uso final de enerxía renovábel de 42%, fronte ao 32% que marca o regulamento da Unión Europea 2018/1999, e até 74% de xeración eléctrica a partir de fontes 'verdes', obxectivos ambos os dous que a Galiza xa cumpre na actualidade: 75,7% de electricidade xerada con renovábeis e 46,2% de enerxía consumida procedente destas mesmas fontes segundo o último balance do Instituto Enerxético da Galiza (Inega), con datos de 2020. O obxectivo de descarbonización, pola contra, é significativamente menos ambicioso no Pniec que nas ordenanzas comunitarias, ao prever ao remate da década unha redución de 23% na emisión de gases de efecto invernadoiro en comparanza co ano 1990, mentres a UE aposta por unha caída de até 55%. A Galiza afiánzase como produtora eólica do Estado, con 182 parques, e concentra 22% dos novos proxectos en trámite Desde o FDXCC insisten nos danos que ocasionaría ao medio ambiente o "boom descontrolado de grandes instalacións de renovábeis" por mor da situación de "desgoberno" que deixa o Pniec e a "pasividade" do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e instan o Goberno estatal a "reconsiderar" a súa postura e avogar por un desenvolvemento de enerxías 'verdes' "conforme aos principios de prevención, precaución, corrección na fonte e uso racional dos recursos naturais". Denuncias en Bruxelas Este recurso perante o Supremo chega apenas uns días despois de que Adega presentase na Comisión Europea dúas denuncias contra o Estado español e a Xunta da Galiza por vulneración de diferentes directivas comunitarias nos procedementos de autorización de parques eólicos, unha cuestión que agora está a estudarse en Bruxelas e cuxa resolución coñecerase, previsibelmente, antes de que remate o ano. Fernando de Abel, vogal de Dereito de Adega: "A lexislación está concibida para favorecer os promotores eólicos"
|
PRAZA_12859
|
O Anuari Mèdia.cat publica os 15 temas informativos de meirande importancia que os xornais, radios e televisións de Catalunya, Valencia e Baleares silenciaron, ocultaron ou terxiversaron durante o 2011. A iniciativa presentouse este xoves, Día Internacional da Liberdade de Prensa, no Colexio de Xornalistas de Catalunya, e toma como modelo o Project Censored estadounidense,
|
En 1989 naceu o Project Censored, unha iniciativa xornalística norteamericana co obxectivo de revelar e difundir aquelas informacións que eran censuradas polos grandes medios de comunicación. O proxecto, ademais, dá unha definición de censura -concepto amplo, subxectivo e en discutible- moi acaída e que se liga á responsabilidade cidadá dos medios como garantes do dereito á información das persoas: "Un relato informativo censurado é unha información que a poboación dos EE.UU. ten o dereito e a necesidade de coñecer, pero á que tivo acceso limitado", din, e en base a esta definición os activistas desta iniciativa dedícanse a investigar o que nos contan e o que silencian os medios e a denunciar os casos máis graves de omisións, insuficiencias e distorsións na súa cobertura informativa. Inspirados polo Project Censored, nos anos seguintes naceron outros, coma o alemán Initiative Nachrichtenaufklärung, en 1997. E este xoves presentouse o Anuari Mèdia.cat, subtitulado Os silencios mediáticos de 2011, que recolleu e investigou os 15 temas que o equipo de xornalistas que compoñen o proxecto considerou que foron os máis importantes que os medios de comunicacións dos Países Cataláns ocultaron, obviaron ou minimizaron nos últimos meses. A iniciativa parte de Media.cat, un observatorio crítico dos medios cataláns, creado polo Grup de Periodistes Ramon Barnils, que naceu co obxectivo "de traballar na difusión e na defensa dun xornalismo riguroso e un espazo comunicativo propio para Catalunya. Tamén colabora o Col·legi de Periodistes de Catalunya. Este xoves, Día Internacional da Liberdade de Prensa, presentouse o anuario, que estará dispoñible en papel e tamén a través da rede Estes son os 15 temas censurados O Anuari Mèdia.cat recolleu e investigou os 15 temas que o equipo de xornalistas que compoñen o proxecto considerou que foron os máis importantes que os medios de comunicacións dos Países Cataláns ocultaron, obviaron ou minimizaron nos últimos meses Seis borbóns e centos de mariachis. A infanta Pilar de Borbón, irmá do rei Joan Carlos I, ten un patrimonio de 4,5 millóns nunha SICAV que practicamente non paga impostos (Xavier Alegret) Agbar, unha xestión ilexítima da auga. Unha sentencia afirma que non hai contrato de concesión que regule a relación entre o Concello de Barcelona e a empresa que subministra a auga á capital catalá (Laia Balasch) As guerras dos bancos cataláns. Un informe de Setem denuncia que o Banc Sabadell, La Caixa, Bankia, Catalunya Caixa e Banca March financian e invisten en empresas de produción armamentística (Joan Farrés) Catalunya Caixa promove a especulación con alimentos básicos. A ONG Veterinaris Sense Fronteres denuncia a entidade por colaborar no encarecemento mundial de produtos de primeira necesidade a través dun depósito financeiro de risco (Montse Santolino e Jordi de Miguel) Protestas ecoloxistas contra o gasoduto do Vallés. A canalización que unirá Martorell e Figueres para transportar gas natural a Europa central ten un futuro incerto polas dúbidas do goberno francés sobre o proxecto (Roger Tugas) Un parque temático en nome de deus. A nova lexislación turística e de urbanismo do goberno balear abre as portas de Mallorca a Tierra Santa, o primeiro complexo de ocio católico de Europa (Xavier Gispert) A fraude fiscal cústalle a cada catalán 876 euros ao ano. O 71% da evasión tributaria, que se calcula nuns 16.000 milions de euros, prodúcese entre as grandes fortunas e corporacións empresariais (Maria Manyosa Masip) Sen leis para os lobbys. O Estado españo é un dos poucs países europeos que aínda non ten ningunha normativa para que os grupos de interese e a acción política se relacionen de forma transparente (Víctor Saura) Contra a "política antisindical" de Ford. Unha resolución pioneira do Tribunal Superior de Xustiza valenciano destapa as prácticas de discriminación sindical continuada na multinacional automobilística (Joan Canela i Barrull) As 27 leis catalás empantanadas no Constitucional. O Alt Tribunal español ten pendentes de resolución recursos de inconstitucionalidade de 16 leis catalás, 8 de valenciás e 3 das Illas (Bernat Ferrer i Frigola) Cinco casos de éxito en mediación social. A mediación como resolución de conflitos reconduciu no 2011 mási de 2.400 disputeas na demarcación de Barcelona (Vera Giró Castell) As trampas do burka. A Generalitat prohibirá o burka e o nihab nas rúas de toda Catalunya a finais do 2012 coa futura Lei de Dereitos e Deberes da Cidadanía (Noura Aharchi) País Valenciano: Un modelo en vías de extinción. Os valenciáns continúan dando apoio ao PP malia os casos de corrupción. O clientelismo, a corrupción e o mal recordo dos gobernos do PSPV son factores que contribúen a manter as maiorías da dereita (Francesc Vidael) As razóns do non. Case un 50% de cataláns votaría 'non' ou absteríase nun referendo sobre a independencia, por motivo identitarios e económicos oo porque prefiren un model federal para o Estado español (Ariadna Cortés) Os Balañá, tres xeracións de discreción e negocio. O goberno catalán, grazas a unha emenda de CiU, terá que indemnizar por lei os propietarios da praza Monumental polo final da actividade taurina (Albert Balanzá) Descarga aquí o informe completo (.pdf)
|
NOS_7698
|
O Seprona investigou os feitos a raíz dunha denuncia dunha asociación.
|
Catro persoas están investigadas por un delito sobre o patrimonio histórico acusadas de destruír unha mámoa de 6.000 anos de antigüidade no Irixo, na comarca do Carballiño. O Servizo de Protección da Naturezas (Seprona) da Garda Civil investigou os feitos a raíz da denuncia presentada por un representante dunha asociación ambientalista Mámoa Verde. Os presuntos responsábeis dos danos son tres membros da Comunidade de Montes e o operario que realizou os traballos para unha plantación de piñeiros empregando maquinaria pesada. Segunda a denuncia, a mámoa, coñecida como Túmulo de Barro, foi totalmente destruída por eses traballos, que tamén danaron os túmulos da Bugalleira. Todas estaban incluídas no Catálogo de Bens Culturais de Galiza. As obras, informa o instituto armado, non dispoñían de permisos do Servizo de Patrimonio nin do Concello do Irixo. Nos últimos meses rexistráronse diversas denuncias por danos e estragos en bens do patrimonio galego. A finais do pasado mes de febreiro, Patrimonio dos Ancares denunciou que traballos da industria forestal estragaran nove mámoas e dolmens en catro necrópoles dos Ancares.
|
NOS_6990
|
CIG-Saúde gañou as eleccións no Sergas que se realizaron o pasado día 23, ampliando a súa representación de 57 a 66 delegadas e consolidándose como primeira forza. Entre os obxectivos que se marca para estes anos, enfrontar a precariedade na sanidade pública. "A Xunta ten que xestionar a sanidade atendendo ás necesidades e non con titulares de prensa", pide María Xosé Abuín, a súa secretaria nacional.
|
CIG-Saúde gaña as eleccións no Sergas, votacións ás que se chega após catro anos de recortes e nesta última etapa cun ciclo de mobilizacións importante. Os resultados foron positivos, un recoñecemento dos traballadores e traballadoras do Sergas ao labor que a CIG fixo nestes anos. O persoal é a forza do movemento sindical e da recuperación de dereitos. Grazas a ese esforzo que fai o persoal a poboación non nota tanto a brutalidade dos recortes na sanidade pública. A calidade asistencial está descansando sobre ese sobreesforzo dos traballadores e traballadoras do Sergas. Cando Núñez Feixoo presume de que a sanidade é moi ben valorada polas galegas e galegos o que non di é que o que se valora ben pola xente é o traballo e implicación dos e das profesionais, non valoran desde logo os recortes. A CIG é un sindicato nacionalista, defendemos os nosos servizos públicos pensando nas necesidades que temos na Galiza. Non podemos ter máis de 6.000 traballadoras en precariedade no sistema público sanitario galego porque Madrid o queira Estamos desde hai meses nun ciclo mobilizador importante na sanidade galega en moitos sectores, de PAC a Atención Primaria, enfermeiras... e son as propias profesionais as que se poñen á fronte. Nós participamos en SOS Sanidade Pública, que é unha plataforma social onde están representadas organizacións, colectivos... e que ten impulsado neste país as maiores mobilizacións na defensa da sanidade pública. Que hai algúns colectivos que queren ter un protagonismo individual? Bon, na sociedade hai cada vez máis individualismo. Non creo que dividir sexa boa cousa. Debemos estar todos a unha. O realmente importante é que haxa esa unidade, que é a que nos dá a forza. O sistema sanitario público está composto por moitas categorías profesionais e todas e cada unha delas son necesarias para dar unha asistencia sanitaria de calidade. E todas, independentemente da categoría, teñen que recuperar os dereitos e o Sergas ten que facer un cadro de persoal suficiente para atender as necesidades da poboación. Hai sobre a mesa, e desde certos colectivos, unha convocatoria de folga para Atención Primaria (AP) o 19 de xuño. Houbo un movemento composto por asociacións profesionais, sindicatos, colexios profesionais... que pediamos que se crease unha mesa de diálogo sobre Atención Primaria, que é o que se chama o Consello Técnico de Atención Primaria. Ese consello tivo unha primeira xuntanza que foi frustrante. Hai convocada unha nova reunión o día 14. Tivemos unha xuntanza esta terza feira [28 de maio] de SOS sanidade Pública para dar unha resposta conxunta, para demandar que ese Consello ten que ser un órgano de negociación e debate para construír un novo modelo de AP. Acordamos conxuntamente que se o día 14 ese Consello non dá resposta ás necesidades reais, volveremos reunirnos para, informando a poboación, convocar todo tipo de mobilizacións colectivas. A AP préstase desde equipas multidisciplinares e ten tanta importancia sexas médica, matrona, enfermeira, fisio... A AP é atención integral da saúde física, psíquica e social. Por iso é multidisciplinar e a resposta que se dea debe de ser de todos os colectivos de AP. Feixoo gábase de que este orzamento sanitario é o que máis aumentou desde a crise. Mais non o conta todo: canto dese orzamento vai para pagar as privatizacións e o canon do Hospital de Vigo? Dis que a primeira xuntanza do Consello Técnico foi frustrante. Sentístesvos enganados pola Xunta? CIG desconvocou a folga [dos días 9, 10 e 11 de abril] porque formabamos parte dun colectivo onde había uns interlocutores para negociar a folga. E as asociacións profesionais que estaban alí decidiron desconvocala. Un dos obxectivos prioritarios dese paro é que se crease unha mesa de diálogo sobre Atención Primaria. Todos entendiamos [nunha das reunións previas á folga] que o Sergas asumía iso. Por iso se desconvocou, porque se conseguira un dos obxectivos comúns do paro, que era o Consello técnico de AP. Que pasou? Que na xuntanza do Consello técnico a Xunta non tiña intención de cumprir o que prometera. Querían que fose un simple órgano informativo. Pois para iso non fai falta un Consello, mándanos un correo electrónico! Por iso xa advertimos que na xuntanza do día 14 queremos darlle contido real a ese Consello, e que se poña a traballar para dar resposta ás necesidades de AP. Foi unha década especialmente dura para a sanidade galega: recortes, privatizacións, taxa de reposición... Hai estudos que inciden nas consecuencias disto. Que pouso deixa todo? Insisto: non se percibe en toda a súa dimensión a penalización que nestes anos tivo a sanidade galega polo esforzo das profesionais. Se as profesionais non fixesen un sobreesforzo o sistema tería caído hai tempo. Iso non se percibe na sociedade. E ese sobreesforzo está tocando fondo. Á xente non se lle pode pedir día a día esa sobrecarga cando a xestión dos responsábeis políticos é cada vez máis nefasta. A precarización laboral non vén polas necesidades da sanidade senón polos recortes. E están vixentes. A taxa de reposición que impide dar estabilidade aos profesionais está vixente e hai que dicir que é froito dun acordo sindical en Madrid cos sindicatos CCOO, UXT e CSIF. E a taxa de reposición ten que rematar, non podemos ter máis de 6.000 traballadoras en precariedade no sistema público sanitario galego porque Madrid o queira. 6.000 profesionais que non poden saír a ofertas de emprego público. Contratos de acúmulos de tarefas que se renovan cada pouco... non podemos seguir con ese sistema. A fin desta taxa de reposición non está nos grupos estatais. Só o BNG defendeu na Galiza iso. Agora tamén o pide o PP, porque goberna o PSOE en Madrid. Como no da AP9.. Efectivamente, antes vetaban desde o PP que incluso se debatese no Congreso o traspaso a Galiza e agora que goberna o PSOE reivindican a transferencia. Na taxa de reposición nós pedimos que se acabe ou ben que non sexa normativa básica do Estado, para que así as comunidades que en base ás súas competencias queiran decidir cal é o cadro de persoal que necesitan, que poidan facelo. O primeiro, pois, acabar coa taxa de reposición e dotar a sanidade pública galega do persoal que precisa. A segunda cuestión é acabar coa precariedade laboral, acabar cos contratos por día. Tamén hai que aumentar o orzamento da sanidade. Feixoo gábase de que este orzamento sanitario é o que máis aumentou desde a crise. Mais non o conta todo: canto dese orzamento vai para pagar as privatizacións ou canto para o canon do Hospital de Vigo? Todo iso ten que mudar, ten que finalizar a actual política sanitaria neste país. O PP ten que xestionar a sanidade atendendo as necesidades que esta ten e non con titulares de prensa.
|
NOS_56058
|
A ministra Reyes Maroto asegurou, após o anuncio da empresa, que quere garantir quer os empregos, quer as capacidades industrias da factoría de San Cibrao. Non adiantou cal podería ser a solución final, mais comprometeuse a seguir traballando nese camiño.
|
O anunciou por parte de Alcoa da súa intención de despedir ás máis de 500 persoas que traballan na planta que ten en San Cibrao, na comarca da Mariña, e a decisión de parar as cubas (unha cuestión que as e os traballadores rexeitan de pleno se nun futuro se puidera retomar a actividade da man doutra empresa), vén provocando unha longa lista de reaccións durante toda a xornada. Porén, a do Ministerio de Industria é, posibelmente, unha das que ten maior validez porque é un dos poucos organismos que ten a potestade e a capacidade de evitar esta destrución de emprego por parte da multinacional. Neste sentido, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, afirmou hoxe que quere apoiar "a todos os traballadores, as súas familias e á comarca da Mariña nestes momentos tan duros". A representante do Goberno do Estado español saíu ao paso das afirmacións de Alcoa, asegurando que Industria promete empregar "todos os instrumentos dispoñíbeis" para garantir os postos de traballo na fábrica. Tamén pretende evitar o parón das cubas, pois isto recortaría as capacidades industriais da factoría como xa ten advertido a representación do cadro de persoal de Cervo e como xa dixeron antes de que a planta se convertera en Alu Ibérica na Coruña. As cubas son fundamentais para o labor que desenvolve esta fábrica. Reivindicación do cadro de persoal Malia todo, Maroto non chegou a aclarar cales son eses instrumentos que vai pór a traballar e que polo de agora, a pesar de que o conflito xa leva gañando en intensidade unhas semanas, non se utilizaron. Unicamente fala de "lograr unha solución que manteña o emprego". Xa antes o comité de empresa pedira ao equipo de Pedro Sánchez que "deixase as palabras" e "pasase aos feitos". Pola súa banda, a Xunta só propuxo impugnar o ERE e pedir medidas temporais. O ministerio pensa que a multinacional tivo a culpa de que non prosperasen as negociacións para a venda da planta e ve forzado este "conflito innecesario". Por iso, continúa a lamentar que se abandonaran as conversas con Liberty House.
|
NOS_13008
|
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia "por enésima vez" o funcionamento inadecuado do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
|
Alerta dunha situación crónica. Dun funcionamento ineficaz e dun uso inadecuado das instalacións do servizo de urxencias do Hospital clínico de santiago. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS asegura nun comunicado que se ve "na obriga", mais unha vez, de dar a coñecer e denunicar "o deficiente funcionamento do servizo de urxencias" do principal hospital compostelán. Un paciente oncolóxico, 'esquecido' durante 61 horas nas Urxencias do CHUS: "Isto é insostíbel" Segundo informa, a pasada quinta feira, 31 de marzo, "até sete pacientes graves chegaron a estar amoreados no corredor da entrada, ocupando un punto de paso que debe estar sempre libre de obstáculos". A consecuencia inmediata desta disposición, advirte a entidade, é unha atención sanitaria nun lugar inadecuado. Camas fechadas Ademais, sinalan, "até 40 pacientes máis, sobre os que xa se decidiu o ingreso no centro hospitalario, seguen ocupando, dentro de urxencias, o lugar de traballo", do persoal. "Ao non darlle saída aos ingresos de xeito áxil, o espazo e os servizos de urxencias están a ser ocupados por persoas que deberían recibir asistencia noutros servizos do hospital". 17 días de suspensión por mover dous pacientes dos corredores de Urxencias A asociación de usuarios e pacientes do Clínico censuran o uso deste servizo como "almacén de doentes pendentes de ingreso, por estaren camas fechadas nas plantas". Falsidade e desinterese A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS fai fincapé no "desinterese" da Xerencia do hospital para corrixir unha deficiencia crónica no funcionamente do servizo de urxencias. Este novo episodio de saturación pon de manifesto "a falsidade das declaracións das autoridades sanitarias cando na prensa e en instancias públicas afirman que o servizo funciona correctamente e unicamente sofre dificultades puntuais". Máis de 30 horas de agarda para recibir atención psiquiátrica no Chuac "A realidade constata que as deficiencias denunciadas tanto por determinados profesionais como por esta asociación de forma reiterada, son resultado de problemas estruturais para os que non se buscou solución", conclúe antes de reclamar unha solución definitiva.
|
NOS_15065
|
Por volta de 300 persoas tomaron parte no tradicional acto de Ceivar na véspera do Día da Patria para mostrar solidariedade para cos presos e presas independentistas galegos.
|
"A nossa solidariedade é imparável". O lema protagoniza cartaces, faixas e colantes na cadea humana a favor dos e das presas independentistas galegas. Mais non é o único: "Liberdade presos independentistas", "Dispersión é tortura", "Amnistía" ou "Audiencia Nacional, Tribunal da represión" son algunhas outras consignas que se plasman neste xa tradicional acto do 24 de xullo, convocado por Ceivar desde hai máis dunha década. Doce anos, en concreto, nos que as rúas da capital galega acollen cada véspera do Día da Patria Galega unha mobilización que sitúa na súa cerna a solidariedade para con este colectivo de presos e presas galegas e a defensa dos seus dereitos, así como a reclamación da súa liberdade. O punto de saída, como sempre, a Praza da Galiza, desde onde as concentradas saen xa pasadas as sete da tarde, de mans dadas, para percorrer en ringleira rúas e prazas da zona vella da capital galega. Todo 'escoltado' cun amplo despregamento de axentes e antidisturbios da policía española. A marcha deste ano está marcada pola detención de catro independentistas, Miguel García, Antom G. Matos, Asunción Losada e J.M. Sánchez, aos que as forzas de seguridade consideran membros ou colaboradores de Resistencia Galega. Estas catro persoas están presas actualmente en cárceres afastadas da Galiza. En prisións do país ou próximas a el cumpren condena presos independentistas como Eduardo Vigo, Roberto Fialhega, Raul Agulheiro, Hadrián Mosquera e Carlos Calvo.
|
PRAZA_16076
|
Van Est lanzouse costa abaixo coma un poseso; caeu, volveu erguerse, volveu sentir a roda picada, seguiu recto nunha curva e caeu de cabeza por un estarrecedor cavorco. A gran caída foi materia prima para un truculento anuncio
|
Os publicistas, eses tipos, son persoas capaces de facerche imprescindible calquera cousa sen a que vivir sería máis fácil e, tamén, de sacar vantaxe das situacións menos favorables. Algúns, polo menos. Hai uns días batín cun anuncio da desaparecida marca suíza de reloxos Pontiac no que se ve a Wim van Est, primeiro holandés en vestir o maillot amarelo do Tour de Francia, chorando aterrorizado despois de caer de cabeza por un precipicio do Col d'Aubisque. Na foto, unha frecha apunta ao pulso do corredor, mentres que o texto di algo así como "caín a setenta metros de profundidade e paroume o corazón, pero non o meu Pontiac". Truculencias publicitarias aparte, a imaxe é das que encollen o corazón. Van Est era un potentísimo rodador neerlandés que lle collera gusto á bici nos anos corenta, mentres contrabandeaba tabaco. Xa profesional, en 1950 gañara a brutal e extinta Burdeos-París (nada menos que 600 quilómetros polas estradas da Francia de posguerra), e en 1951 logrou entrar na selección holandesa que correu aquel ano o Tour. "Caín a setenta metros de profundidade e paroume o corazón, pero non o meu Pontiac", dicía o truculento anuncio Nese arranque da década debía de estar nun momento de forma espectacular. Nunha das primeiras etapas entrou na fuga do día, que chegou á meta con case vinte minutos de adianto con respecto ao pelotón. Van Est gañou a etapa ao sprint e enfundouse o xersei amarelo, coa esperanza que poder lucilo durante bastantes xornadas dada a diferenza que lle sacaba aos favoritos. Tampouco é que estes estivesen demasiado preocupados: o holandés, grandón e forte coma unha besta, era demasiado pesado para a montaña. Xusto despois chegaban xa os Pireneos e a cousa tiña pinta de cambiar. O primeiro contacto coas ramplas deuse nunha etapa na que a única dificultade montañosa era o Aubisque. Van Est estaba decidido a non deixar escapar o liderado tan rápido, e ante os primeiros ataques de Koblet, Coppi ou Bartali, agarrouse coas uñas, cos dentes, coas pálpebras á roda dos campións. Acabou cedendo e chegou á cima con tres minutos de retraso e cunha roda picada, e despois de cambiala lanzouse costa abaixo coma un poseso seguindo a estela de Fiorenzo Magni. Pero o italiano ía demasiado rápido e Van Est caeu, volveu erguerse, tentou alcanzalo, volveu sentir a roda de detrás picada e, nun despiste, seguiu recto nunha curva a esquerdas sen valado quitamedos. E caeu de cabeza por un estarrecedor cavorco. Van Est lanzouse costa abaixo coma un poseso; caeu, volveu erguerse, volveu sentir a roda picada, seguiu recto nunha curva e caeu de cabeza por un estarrecedor cavorco Detrás del viaxaban o catalán Massip e o vasco Dalmacio Langarica, por fortuna. Foron eles os que alertaron aos comisarios de que Van Est acababa de caer, porque do contrario probablemente ninguén chegase a advertilo. Os mecánicos do equipo neerlandés asomáronse á sima e viron acolá abaixo un vulto que, por fortuna, aínda rebulía. E tamén choraba desconsoladamente, de medo e quizá de frustración. Os axudantes improvisaron unha corda amarrando entre si varios tubulares e baixaron a medio barranco para achegarlla a Van Est. Tamén descendeu unha cámara da televisión francesa, que o gravou todo: o líder saloucando e tremendo, presa do terror, agatuñando ata alcanzar de novo a estrada. Arriba comprobouse que Van Est apenas tiña unhas mazaduras. A bici, que se conserva no museo Velorama de Nijmegen, quedara totalmente desfeita. O reloxo, iso si, seguía dando a hora.
|
PRAZA_10961
|
"Témoslle que recoñecer á Fundación Amancio Ortega os seus esforzos para cumprir coas necesidades sociais de Galicia alí onde Feijóo non cumpre", di o líder do PSdeG en referencia aos "recortes sen precedentes en políticas sociais" que, di a Xunta aplicou na última década
|
Gonzalo Caballero: "Témoslle que recoñecer á Fundación Amancio Ortega os seus esforzos para cumprir coas necesidades sociais de Galicia alí onde Feijóo non cumpre"Esta semana a Xunta rubricaba coa Fundación Amancio Ortega polo cal a entidade asumirá a construción das sete residencias de maiores, unha en cada unha das principais cidades galegas, que o Goberno galego anunciaba dende 2017. Finalmente non será a Xunta a que asuma o curso do que Alberto Núñez Feijóo anunciara como principal proxecto en materia de atención á dependencia no horizonte de 2020 e non estarán construídas nesta lexislatura. Tampouco custarán os 47,7 millóns inicialmente calculados polo Executivo nin os 66 despois reflectidos nos Orzamentos Xerais, senón 90 millóns achegados dende a entidade creada polo fundador de Inditex. O anuncio fixo rexurdir outra volta en diferentes ámbitos o debate sobre o papel das doazóns desta fundación que xa estivera presente no debate público galego cando, por exemplo, a entidade sufragou en 2015 os equipamentos médicos para o tratamento do cancro cuxa compra a Xunta tramitaba dende 2013 e non daba culminado. A ese debate sumouse este domingo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.Para o tamén candidato socialista á presidencia cómpre "recoñecer á Fundación Amancio Ortega os seus esforzos para cumprir coas necesidades sociais de Galicia". Pero tamén subliñar outra volta "teñen que ser iniciativas dende a sociedade civil e dende o ámbito privado as que suplan o que a Xunta debería prover por si mesma". Non en van, advertiu en declaracións á prensa no marco da xuntanza da Interparlamentaria do seu partido, Galicia padece unha "fenda de 14.000 prazas en residencias de maiores" a respecto do marcado "nos baremos da OMS" e Feijóo "non o resolveu" nos seus dez anos no poder.O PP retruca preguntándose se o líder do PSdeG "quere dicir que, se el gobernase, non aceptaría doazóns que mellorasen os nosos servizos sociais""As carencias que Feijóo non foi quen de cubrir téñenas que cumprir dende outros ámbitos como a Fundación Amancio Ortega", resume Caballero, para quen "nestas últimas xornadas" cadraron dúas circunstancias que evidencian que "o proxecto político de Feijóo" está "esgotado" e "non cumpre". Nestes dez anos Galicia padeceu "recortes en políticas sociais sen precedentes", dixo en referencia ao recente informe Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais e ao tempo, un deses "déficits" non é cuberto ata que intervén a devandita entidade privada.Mentres Caballero presenta esta coincidencia como mostra de que o "tempo político de Feijóo" está "finado", pola banda do PPdeG cargaron contra o socialista por estas declaracións poucas horas despois. A través das redes sociais a formación conservadora preguntouse se Gonzalo Caballero "quere dicir que, se el gobernase, non aceptaría doazóns que mellorasen os nosos servizos sociais". "O líder dos socialistas galegos debería aclarar estas declaracións", agregan.
|
NOS_51831
|
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) levará a Carballo 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galiza entre o 16 de setembro e o 28 de outubro.
|
El apartamento, de Cirk about it, e Las historias de Filandar, de José Luis Gutiérrez García, Guti –que se estrea no país– inaugurarán esta edición nos escenarios da Praza do Concello e da Cafetería Colón o venres 22. O festival foi presentado onte no Pazo de Cultura de Carballo polo director do evento, Alberto Sueiro, acompañado por Evencio Ferreiro, Goretti Sanmartín, Jacobo Sutil e o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo. O valenciano Félix Albo regresa ao FIOT o domingo 24 con outra estrea en Galiza, Tanatorium, dentro da sección Rúa dos Contos. Esa mesma noite Quico Cadaval presentará Fantasmas familiares. Ambos espectáculos terán lugar no Mercado Municipal, un novo espazo que se abre ao festival. Pola Rúa dos Contos pasarán entre outras, Marta Lado, que estrea O As para matar o 3, o sábado 30 de setembro, e que repetirá xunto a Lucía Aldao con Cría fama e bótate a correr, o venres 6 de outubro. Kamikaze Producciones estrearán en Galiza Todo el tiempo del mundo, dirixida por Pablo Messiez, Premio Max 2016; e Arte, un texto de Yasmina Reza, que se representou por primeira vez en París hai 23 anos. Será o 20 e o 21 de otubro. E ademais pasará polos escenarios de Carballo Teatro de La Abadía, con La ternura, una comedia de leñadores y princesas, o 30 de setembro; e o 15 de outubro con Incendios, un texto de Wajdi Mouawad que levara o cine Denis Villeneuve e agora adaptou Mario Gas. Haberá un programa de Microteatro e outro de Teatro de rúa. Tamén participará na mostra Galeatro, a primeira compañía profesional de Carballo. A obra, Muíñada, con Alba Bermúdez e Tone Martínez, representarase dentro da sección para nenas e nenos, o Fiotiño, o sábado 16 de setembro. Outra compañía do país, Contraproducións, presentará Fillos do Sol, unha obra coa que o festival se implicou "moi activamente" nun proxecto "moi bergantiñán" que celebra o centenario do nacemento de Pondal. Haberá sesións o venres 27, para invitados e abonados, e o sábado 28 de outubro, para o público en xeral. O programa completo do FIOT: http://fiot.gal/presentacion-2017/
|
PRAZA_2426
|
Que mecanismos institucionais, locais e globais, deberan establecerse para impedir que cousa tan burda suceda novamente? Basta con pedir perdón e aí xa acaba todo?
|
Tony Blair, o adaíl daquela malfadada vía de terceira que derivou nunha mera apoloxía do descafeinamento absoluto do laborismo, pediu perdón por "dar creto a informacións falsas procedentes da intelixencia" británica que o levaron a participar na invasión de Iraq. Hai quen sinala nesta actitude certa vontade de autocrítica e arrepentimento, pero probablemente a súa declaración ten mais de oportunismo anticipatorio ante o próximo ditame da Comisión Chilcot, que non será unha cousa do outro mundo á vista da súa traxectoria nestes anos pero que non poderá dar as costas, con todo o que sabemos, á opinión pública e aos familiares dos militares mortos na contenda. O militarista Blair fracturou mesmo o seu gabinete (lémbrense as dimisións da ministra Clare Short e de Robin Cook) e enganou canto puido e considerou necesario para vencer as resistencias internas e da opinión pública Alén da súa defensa sen reparos da "virtuosidade" do cambio de réxime en Iraq, cabe recordar, como sinalou Ramón Lugrís hai tempo, que Blair se sentiu daquela imbuído dunha misión pouco menos que mesiánica –como tamén Bush e Aznar- desprezando os enormes riscos e custes en vidas humanas daquela aventura. O militarista Blair –as hemerotecas non menten- fracturou mesmo o seu gabinete (lémbrense as dimisións da ministra Clare Short e de Robin Cook) e enganou canto puido e considerou necesario para vencer as resistencias internas e da opinión pública, secundando –hai quen opina que incluso animando- a Bush para non deixar títere con cabeza en Iraq. A decencia de Short e Cook, que non acreditaron na existencia de armas de destrución masiva, serviu e denuncia da conculcación deliberada da legalidade internacional. Mentres, Blair soñaba aínda con máis accións militares contra Irán. Había poderosas razóns de orde estratéxica e económica que obrigaban a tirar para diante, inventándose eixes do mal e mil pretextos mais, cantos foran necesarios, para "protexer a democracia" dos "réximes ditatorias e terroristas"…. Blair pode escorrer o vulto con esta estudada e medida entrevista concedida á CNN culpando aos servizos de intelixencia. A súa única utilidade devén da advertencia a futuro que supón para os partidarios deste tipo de accións. A maior frustración, a súa impunidade. Verémolo aínda nalgunha misión de mediador como a que levou adiante en Oriente Medio durante catro anos sen éxito ningún e con mais retrocesos que avances. O seu non é mediar. Que mecanismos institucionais, locais e globais, deberan establecerse para impedir que cousa tan burda suceda novamente? Basta con pedir perdón e aí xa acaba todo? Despois de Iraq veu Libia e pouco faltou para Siria. Os resultados falan por si sós. Non só estados en quebra senón unha volta de rosca mais na descomposición ética e política da hexemonía occidental. Que mecanismos institucionais, locais e globais, deberan establecerse para impedir que cousa tan burda suceda novamente? Basta con pedir perdón e aí xa acaba todo?
|
NOS_9009
|
Esta mañá o Bloque Nacionalista Galego realizou un acto na Nave de Vidán de Santiago de Compostela para poñer en foco a situación do ensino galego e presentar as propostas que levarán ao congreso dos deputados. Vídeo no interior
|
O acto estivo protagonizado por Ana Pontón, a voceira nacional do Bloque, e Carlos Callón, candidato ao congreso pola provincia da Coruña. Ademais, contou coa voz do estudantado, coa presenza dunha estudante de filosofía da USC, e con Cosme Pombo, deputado provincial do BNG pola provincia de Lugo. Ana Pontón: "A principal obriga que temos é defender un modelo alternativo que devolva a esperanza ás mozas e mozos que están nas aulas" O BNG puxo de relevo a situación de desleixo que sofre a lingua galega nos centros educativos, como consecuencia da aplicación da LOMCE que, en palabras de Callón: "Nega a nosa realidade e sitúanos nun marco contrario ao noso idioma, cultura e historia". Por outra banda reivindicou a necesidade de que calquera pacto educativo novo se forme tendo en conta a Galiza, ao tempo que pediu que o ensino fose "público, galego e laico". Ana Pontón fixo un repaso dos cambios negativos que, ao seu xuízo, sufriu o ensino público de Galiza, saíndo ao paso dunhas declaracións de María Dolores de Cospedal, nas que argumentou que o Partido Popular garantira a educación e non fixera recortes. Pontón dixo que o Partido Popular minte ao afirmar isto, aludindo á perda de 2.000 profesores nos últimos anos na Galiza e ao recorte de 1.500 millóns de euros no plano estatal. Incidiu, tamén, na eliminación de prazas no rural "que provoca unha grande desigualdade de oportunidades". Pontón lamentou o aumento de segregación entre nenos e nenas no ensino e o emprego dunhas reválidas que, ademais, exclúen o temario propio de Galiza da materia de exame. Carlos Callón: "Nos libros de texto semella que o único que evolucionou ata ser homo sapiens foi o home" A cuestión lingüística e os recortes en investimento son as principais preocupacións do Bloque, no tocante ao ensino, e son a base das súas propostas de cara ás eleccións xerais do próximo día 26 de xuño, coas que esperan poder representar os problemas propios de Galiza no congreso dos deputados. Nesta liña atópase a reivindicación de que as propiedades rurais como leiras ou galpóns non computen como patrimonio impeditorio á hora de recibir bolsas de estudo. Outra das grandes reivindicacións do BNG é a presenza da muller nos libros de texto, que recoñeza a súa presenza na historia contemporánea e antiga e que non a exclúa dos fitos comúns a homes e mulleres. Neste senso, Callón laiouse de que "nos libros de texto semella que o único que evolucionou até ser homo sapiens foi o home. A muller xa debeu aparecer evolucionada de serie", comentaba ironicamente para facer fincapé na necesidade de que ambos xéneros teñan representación.
|
PRAZA_17385
|
Rivera aposta por un limiar do 3% de voto en todo o Estado para obter representación. Nin En Comú, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin CDC, nin Bildu, nin CC terían obtido representación con ese sistema. "A sanidade non pode estar en mans dos que queren liquidar España", di. A UE ultima unha reforma electoral que ameaza a presenza de forzas non estatais na Eurocámara
|
O presidente de Ciudadanos (Cs), Albert Rivera, lanzou este sábado unha proposta para unha nova lei electoral na que os partidos deberían obter un 3% do total estatal de votos para entrar no Congreso dos Deputados. Con esta medida, a presenza de partidos soberanistas ou de implantación unicamente autonómica terían practicamente imposible a súa entrada na Cámara. "Iso significa que os votos españois vallan igual", dixo o líder da formación laranxa, e "que os españois non estean en mans do 0,5% ou do 0,7% de partidos nacionalistas que cambian gobernos, deciden orzamentos ou teñen privilexios". Rivera propón unha nova lei electoral na que os partidos deberían obter un 3% do total estatal de votos para entrar no Congreso Así o indicou durante a súa participación no segundo acto da plataforma España Ciudadana, celebrado este sábado na cidade de Málaga, no que participaron tamén o Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa, a escritora e investigadora andaluza María Elvira Roca, a maxistrada María José Torres, o empresario Kike Sarasola e o adestrador de baloncesto e ex-seleccionador español Javier Imbroda. "Necesitamos unha lei electoral que fixe un limiar de 3% do voto nacional para que un partido teña representación no Congreso; débese protexer o interese xeral", asegurou Rivera. A súa proposta entra dentro da reforma que impulsa Ciudadanos e que tamén inclúe "unha lei electoral con listas abertas e unha lei electoral onde os votos vallan igual". "A sanidade española non pode estar en mans dos que queren liquidar España", argumentou, poñendo de exemplo a ERC ou Bildu. "A sanidade española non pode estar en mans dos que queren liquidar España", di o líder de Ciudadanos Actualmente a lei establece ese limiar de votos para acceder ao Congreso pero para cada circunscrición. Na proposta de reforma electoral que presentou o pasado febreiro Podemos suxeríase precisamente revisala para rebaixala, porque "é unha vergoña que o Pacma teña os mesmos votos que o PNV e ningún deputado". De entrar en vigor nalgún momento, e tendo en conta as últimas eleccións xerais, a reforma proposta por Ciudadanos, nin En Comú Podem, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin Convergència, nin Bildu, nin Coalición Canaria obterían representación no Congreso. Formacións como o BNG, que non acadou escano, terían practicamente imposible obter representación. Nin En Comú, nin En Marea, nin Compromís, nin ERC, nin PNV, nin Convergència, nin Bildu, nin CC obtería representación coa reforma de Ciudadanos A proposta da formación laranxa chega xusto cando a UE ultima unha reforma electoral que ameaza tamén a presenza de forzas non estatais na Eurocámara. Nese caso, o Consello da UE, integrado polos gobernos dos países membros, propón elevar o limiar de voto preciso nas eleccións europeas para obter representación do 2% ao 5% en cada circunscrición. Rivera asegurou ante unhas 4.000 persoas, segundo a organización, que se se quere abrir o debate de reformar a Constitución Española, que sexa "para mellorar e fortalecer España, non para debilitala e liquidala"; máis concretamente, dixo que non debe facerse para "contentar a Puigdemont, a Torra e aos separatistas". Rivera declárase patriota e non nacionalista Por outra banda, o presidente da formación laranxa desmarcouse das acusacións que din que Ciudadanos é unha formación nacionalista española, e abrazou o "patriotismo, que é crer que todos somos iguais ante a lei". "Nacionalismo é o que di o señor Torra, actual presidente da Generalitat. O señor Torra di que os españois somos bestas con taras xenéticas. Iso é nacionalismo. E eu dígolle ao señor Torra, patriotismo é crer que todos os españois somos iguais ante a lei", subliñou.
|
NOS_24841
|
Tivo lugar o día 10 de febreiro ás 20.30h diante do centro de saúde de Salvaterra de Miño. A concentración foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta.
|
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta convocou para onte unha concentración na localidade de Salvaterra de Miño. En declaracións a Nós Diario, a portavoz da plataforma, Maira Barral, destaca as diferentes eivas na sanidade pública polas que se están a convocar estas concentracións e manifestacións: "Esta é unha situación que se vén dando desde moito antes da pandemia, están claros os intereses que se teñen pola privatización", salienta. Ao ser preguntada pola situación concreta da sanidade pública en Salvaterra de Miño e localidades próximas, Barral manifesta que "non hai persoal suficiente, deberíanse reforzar os Puntos de Atención Continuada (PAC) e, en moitas comarcas, o servizo de pediatría é pésimo. Agora mesmo hai dúas pediatras cubrindo as dúas comarcas [O Condado e A Paradanta] e están totalmente desbordadas, ademais, as condicións laborais son moi precarias". A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta participará da Iniciativa Lexislativa Popular á par que as demais organizacións inseridas na plataforma SOS Sanidade co fin de facer oír as reclamacións no Parlamento da Galiza. "Estamos a colaborar con organizacións de todo o país, e agora encontrámonos elaborando a ILP, que confiamos en que sexa todo un éxito", afirmou a portavoz. No futuro, teñen pensado continuar a convocar máis concentracións e mobilizacións: "Estamos facendo concentracións todas a quintas feiras polos diferentes concellos das nosas comarcas, as próximas serán en Mondariz, As neves e Covelo". Toda axuda é benvida Barral fai fincapé en que "a plataforma está aberta a todas as persoas que queiran participar e sumarse a esta loita. As nosas asembleas son públicas e precisamos máis persoas para dar máis visibilidade é capacidade de acción á plataforma", concluíu. Nós Diario vense facendo eco desde as últimas semanas das diferentes mobilizacións que están a ter lugar ao largo da Galiza para denunciar a situación da sanidade pública galega e, en concreto, da Atención Primaria. A máis masiva decorreu a finais de xaneiro, cando millares de persoas saíron á rúa na Coruña para se manifestaren contra a falta de persoal sanitario. "Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico", afirmaban representantes das diferentes asociacións que alí se manifestaban.
|
NOS_49668
|
A confederación intersindical critica que a empresa aposte pola deslocalización e por mudarse a Madrid porque "Ourense e Galiza lle quedan pequenos". Considera que non existe xustificación para o ERE e denuncia que non hai "garantía de permanencia" da firma na cidade galega nin un "plan de viabilidade" de cara ao futuro.
|
A CIG cargou este sábado contra a dirección de Adolfo Domínguez por "romper o seu compromiso" con Galiza e Ourense. A confederación intersindical criticou o recente preacordo de Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) que rebaixa o número de persoas despedidas de 144 a 105. "A negociación converteuse nun macabro mercado de cifras de despedimentos, euros a cobrar e teito de mensualidades", denuncia a CIG, que sinala que non existe "garantía de permanencia" da firma en Ourense nin un "plan de viabilidade" de cara ao futuro. "A negociación converteuse nun macabro mercado de cifras de despedimentos, euros a cobrar e teito de mensualidades", denuncia a CIG. A central sindical considera que o número non varía por factores produtivos de Adolfo Domínguez senón por "regateo". Asegura que o actual ERE é a continuidade do expediente de 2012 e da pingueira de despedimentos o pasado ano que buscan, apunta a CIG nun comunicado, para o "desmantelamento total da histórica marca de Ourense". Critican a aposta da empresa por deslocalizar a produción en países asiáticos e de trasladar servizos a Madrid como unha mostra de que "Ourense e Galiza lle quedan pequenos". "O problema de Adolfo Domínguez non é a falta de carga de traballo nin a colocación do produto no mercado", manifestou. A CIG cargou contra o papel "cómplice e entreguista" das forzas sindicais que asinaron o preacordo porque, entre outras cuestións, non garante novas deslocalizacións e despedimentos.
|
PRAZA_19066
|
ENTREVISTA O martes 17 terá lugar o xuízo contra Diego Lores (Asemblea Aberta de Coia), acusado pola Policía Local de Vigo de atentado contra a autoridade, nun proceso no que a Fiscalía non viu indicios de delito. O domingo iniciarase un peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria. Falamos con el sobre o xuízo e sobre a loita conta a instalación do Alfageme
|
O 15 de decembro de 2014, nunha das xornadas nas que a veciñanza de Coia tentou impedir a instalación do Bernardo Alfageme nunha das rotondas deste barrio vigués, Diego Lores foi acusado de agredir un policía municipal. A Asemblea Aberta de Coia, á que Lores pertence, denuncia que non existen probas para acusalo, que as protestas foron pacíficas en todo momento e que o proceso xudicial busca servir de exemplo ao resto: "Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes". Sinalan, ademais, que o proceso incorreu en numerosas "contradicións e incongruencias", que fixeron que a Fiscalía se negase a presentar cargos, de xeito que só o fai a acusación particular: a Policía Local de Vigo. O vindeiro martes 17 terá lugar o xuízo, no que se piden para Diego Lores 3 anos e medio de cárcere, xunto a unha responsabilidade civil de 30.355,84 euros. Durante esta semana a Asemblea Aberta de Coia está a presentar o caso por diversas localidades galegas, buscando "compartir experiencias, unir loitas e tecer redes", baixo o lema de "quérennos en soidade, terannos en común" e presentando a curtametraxe que recolle a historia da mobilización. Este domingo, ademais, iniciarase un peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria, con diversas actividades (concertos, debates, obradoiros...), que rematará o martes pola mañá cunha manifestación ata os xulgados da cidade. Falamos con el. "Aínda que esta situación caeu sobre unha persoa -agora tocoume a min coma antes lle tocou a Xurxo- sempre o entendemos como un asunto colectivo" Primeiro, quería saber como estás de ánimo e con que expectativas chegas ao xuízo, tendo en conta que a Fiscalía non ve indicios de delitos e non presentou acusación... De ánimo estou ben. A pesar de ser unha situación anormal o ter que ir ao xulgado por unha causa tan inxusta, estou tranquilo e síntome moi acompañado, con moita xente ao redor, moita xente preocupada por nós e sosténdonos. Na parte máis persoal, síntome moi agradecido pola cantidade de agarimos que estou recibindo, tanto de xente próxima coma doutras persoas dende fóra. Pero aínda que esta situación caeu sobre unha persoa -agora tocoume a min coma antes lle tocou a Xurxo- sempre o entendemos como un asunto colectivo. No que respecta ao propio desenvolvemento do xuízo, a pesar de que este tipo de situacións -nas que un policía realiza unha acusación de atentado- habitualmente rematan en condena, o feito de que dous fiscais pediran o sobresemento porque non vían materia para a acusación foi unha agradable sorpresa. E polo tanto estamos confiados en que isto remate ben. "O feito de que dous fiscais pediran o sobresemento porque non vían materia para a acusación foi unha agradable sorpresa. E polo tanto estamos confiados en que isto remate ben" Que pasou aquel día no que te acusan de atentado contra a autoridade? Estes días penso moito en que a verdadeira noticia non é preguntarme a min, senón que estaría moi ben preguntarlle ao policía que me acusou como está a vivir todo isto. Estaría ben saber a outra parte. Pero conto como vivín eu ese momento. Metémonos un grupo de veciños e veciñas do barrio a intentar parar as obras. Dende o primeiro momento o Goberno local comezou a dicir que nós non eramos do barrio, que eramos sindicalistas, que eramos Celtarras, que eramos violentos e non sei que máis. Despois de estar varios días parando as obras, aparece un grupo moi grande de policías locais e con malos modos. Fronte a eles estabamos un grupo de veciños moi mesturado, moi heteroxéneo: xente maior, xente nova, persoas que de camiño a facer a compra paraban alí un anaco, outros que coma min viñan de levar os nenos ao colexio... "Vin que tres policías saíron correndo detrás dun rapaz. Cando cheguei onda el, un policía tíñao collido polo brazo e pedinlle que non lle fixese nada. E nese momento o rapaz aproveitou para fuxir. O policía escorregou e caeu sobre si mesmo, mancándose a man" O 15 de decembro a policía toma a rotonda e non nos deixa entrar, formando tres cordóns de axentes. Eu estaba un pouco retirado, sobre todo porque estaba pendente de controlar que non pasase nada. Vin que tres policías saíron correndo detrás dun rapaz, comecei a correr detrás e cando cheguei onda el, un policía tíñao collido polo brazo, un policía que recoñecín nese momento, porque falara con el nos días anteriores. Pedinlle que non lle fixese nada. E nese momento que eu estaba falando co axente, o rapaz aproveitou para soltarse e fuxir. O policía escorregou e caeu sobre si mesmo, mancándose a man, facendo un xesto de dor. Despois disto, volvín á rotonda, onde os veciños e veciñas finalmente conseguimos romper o terceiro cordón e entrar novamente na zona das obras. Pasou a mañá, e a miña sorpresa foi que á hora do xantar un policía estaba preguntando por min. Presenteime ante eles e tomáronme os datos. Tres semanas despois chamáronme da Policía Nacional, fun á comisaría e detivéronme alí, acusándome dun delito de atentado. "Hai unhas décadas o poder resolvería esta situación cunha carga maior de violencia. Pero agora as formas de control e de represión son outras, e abóndalles con acusar unhas poucas persoas, para conseguir desmobilizar e meter medo" Dende a Asemblea de Coia denunciades que estás a ser un cabeza de turco, nun proceso que se dirixe contra todo o movemento, co obxectivo de "dar unha lección" e amedrentar... Sénteste así? Hai unhas décadas, seguramente, esta situación o poder resolveríaa cunha carga maior de violencia contra os que estabamos alí. Pero agora as formas de control e de represión son outras, e abóndalles con acusar unhas poucas persoas ou impoñer fortes multas, para conseguir o mesmo fin: desmobilizar e meter medo. Estabamos sendo incómodos e esta foi unha forma de tentar calarnos. O tempo foi pasando, estamos recuperados, e o que queremos é aproveitar mobilizacións coma a que estamos tendo esta semana para xuntarnos e falar destas cousas: do camiño para construír unha vida e unha sociedade na que caibamos todas, e para conformar outro modelo de cidade -neste caso, Vigo- que estea ao servizo das persoas, non dos intereses inmobiliarios e dos poderes económicos, que o único que fan é expulsar cada día máis xente. "Temos en conta esa lóxica de partidos, pero nós xogamos nuns tempos máis a longo prazo e nunha lóxica de construír procesos que nos leven a escenarios nos que a vida sexa posible" Como valoras a forza e a situación dos movementos sociais en Vigo, tendo en conta o contexto actual: un Goberno de Caballero con maioría absoluta, unha situación de certo impasse despois de anos dunha intensa mobilización...? Nós entendemos que hai uns tempos, marcados pola política partidaria, pero nós xogamos noutra liga. Temos en conta esa lóxica de partidos, pero nós xogamos nuns tempos máis a longo prazo e nunha lóxica de construír procesos que nos leven a escenarios nos que a vida sexa posible. En Vigo asistimos a ese discurso da cidade fermosa, que traballa no deseño dunha cidade de cartón, feita só para os poderes económicos e para o turismo. E a un discurso, dende o Concello, de fomento da política social, desmentido polas cifras e a realidade, pois o investimento social en Vigo está por debaixo da media das cidades do Estado. É moi triste que pasado este e outros conflitos, Caballero gañase con maioría absoluta, tamén neste barrio. Pero o escenario é o que é e nós traballamos en construír dinámicas e redes humanas que vaian xerando dende abaixo unha vida que nos permita cubrir as necesidades básicas de todas e coidarnos. O certo é que segue habendo moita miseria e moita dor na periferia, e aínda por riba queren facernos crer que esta situación ten que ver coas nosas condutas, con razóns individuais, cando do que estamos a falar é de problemas sociais e dunha estrutura que impide que todas poidamos vivir cuns mínimos. "Segue habendo moita miseria e moita dor na periferia, e aínda por riba queren facernos crer que esta situación ten que ver coas nosas condutas, con razóns individuais, cando o que estamos a falar é de problemas sociais" Dá a impresión de que a loita contra a instalación do barco na rotonda tiña moito de simbólico, pero que debaixo dela sumaba moitos elementos, moitas loitas: as prioridades económicas e o reparto da riqueza, o dereito da veciñanza a decidir sobre o barrio, a xestión do espazo público... Considerádelo así? Para nós a loita do barco foi posible por anos de traballo e de loitas que se viñan desenvolvendo en espazos coma a Parroquia do Cristo da Victoria de Coia, un espazo no que se leva construíndo comunidade, no que se leva construíndo barrio e cidade dende hai moito tempo. Un lugar no que moitas persoas participamos, e no que tivemos experiencias de gañar loitas semellantes a esa. Por exemplo, no caso do Parque da Bouza, que era un espazo que estaba destinado a acoller edificios e que grazas á loita veciñal conseguiuse que fose un espazo verde. Sen entender esta loita ou o traballo que levamos anos desenvolvendo no ámbito dos dereitos sociais a través da ODS non se pode entender a loita do barco. Nós estabamos fartas de escoitar nas oficinas do Concello que non había cartos para axudas sociais ou para pagar auga e luz ás persoas que o necesitaban. E resulta que un día abrimos o xornal e o Concello di que vai gastar 300.000 euros en meter un barco nunha rotonda. "Sen entender esta o traballo que levamos anos desenvolvendo no ámbito dos dereitos sociais a través da ODS non se pode entender a loita do barco" O proxecto do barco enmárcase ademais nun proxecto de cidade no que Vigo está a transformarse deixando de lado á xente. Estamos a ver cales son os métodos que emprega Caballero para levar adiante este proxecto: se ten que empregar a violencia, emprégaa; se ten que usar os cartos de todas para propaganda e agochar a realidade, faino. O barco foi moi simbólico, pero é que foi a chispa que prendeu o traballo feito durante moitos anos. Atopámonos moitas na rotonda. Sempre dicimos que foi unha loita moi interxeracional, moi diversa, con xente que viña de espazos moi politizados e outra que non estaba en absoluto politizada. "Estamos a ver cales son os métodos que emprega Caballero: se ten que empregar a violencia, emprégaa; se ten que usar os cartos de todas para propaganda e agochar a realidade, faino" O barco, finalmente, instalouse. Hoxe, xa cun pouco de perspectiva, valorades aquela loita como unha derrota? Ou como unha vitoria, pola experiencia e as redes que permitiu tecer? Uns meses despois de que o barco finalmente se instalara, publicamos un texto no que diciamos que gañáramos. Gañamos porque foi moi importante ter esta experiencia concreta, corpórea, cargada de emocións, de medos e de intensidade. Estamos fartas de discursos, de debates, de clics, de darlle a gústame, pero estamos escasas de experiencias corpóreas, de xuntarnos as persoas e de volver facer natural o que era natural. De que a veciñas se atopen, cada unha dende a súa diversidade. De que nos xuntemos para cubrir as necesidades que teñamos. Iso fixémolo na rotonda. Non sei se gañamos ou se perdemos, pero dotámonos dunha práctica que é un potencial moi grande para, a partir dese fío, seguir tirando del e seguir xerando dinámicas alternativas ás do poder. Ademais, serviu para crear multitude de vínculos e relacións tanto en Vigo coma fóra da cidade. Agora temos construír a partir desas redes, buscando iso que sempre reivindicamos: vivir dignamente como dereito para todas. En Vigo ese dereito non existe, e temos que loitar para facelo posible. "Estamos fartas de discursos, de debates, de clics, de darlle a gústame, pero estamos escasas de experiencias corpóreas, de xuntarnos as persoas e de volver facer natural o que era natural. De que a veciñas se atopen, cada unha dende a súa diversidade" O domingo iniciaredes un peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria. Durante toda esta semana estades mantendo encontros en toda Galicia, co obxectivo de "compartir loitas e tecer redes de defensa". O camiño pasa por fortalecer ese traballo en común? O tema represivo é o que menos nos interesa de todo isto. Pero o xuízo está permitindo que moita xente mire para nós, e queremos aproveitalo para falar doutros temas, fortalecendo as alianzas xa iniciadas. O domingo comezaremos o peche, convidamos a todo o mundo, de Vigo e de fóra, de Galicia e de fóra, a que veña botarnos unha man e a compartir. No final da ditadura era moi habitual meterse nas igrexas para protestar e defenderse. Xa que este Goberno local dixo tantas veces que os que protestabamos non eramos da parroquia, imos reivindicar que de alí somos. Os zapatistas din aquilo de 'tapámonos para que nos vexan', pois nós metémonos na parroquia para que non nos ignoren. Teremos contacontos para as crianzas, música, charlas e obradoiros. Queremos que sexa un espazo popular e festivo, que nos permita seguir coñecéndonos e, de cara ao futuro, traballar xuntos e xuntas, abrindo fendas ou aproveitando as distintas fendas que se abran en cada momento.
|
NOS_53888
|
A axenda estatal condicionou a campaña na Galiza. As propostas para unha mellor defensa do país en Madrid fican no ar. As forzas estatais están máis pendentes de quen pacta con quen e que facer en Catalunya sen cuestionar os fundamentos do Estado español. A campaña deixa o debate aberto para as galegas do ano próximo. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.
|
Por desgraza é unha campaña absolutamente españolizada, presidencialista e basicamente realizada desde platós televisivos madrileños na que Galiza e os problemas dos galegos e galegas están practicamente ausentes», reflexiona Rubén Cela, xefe de campaña do BNG. A catro días das votacións do vindeiro domingo, as tres preguntas que a campaña das eleccións estatais colocou na axenda política da Galiza recibiron respostas imprecisas por parte da maioría de forzas políticas en competición. A pregunta pola gobernabilidade no Estado (con quen pactará Pedro Sánchez?; ou, quen facilitará un goberno de Pedro Sánchez?) está sen contestar por parte do presidente en funcións. Porén, desde a dereita e desde a esquerda as distintas formacións avanzaron as súas posicións para despois do 10‑N. A pregunta sobre como afrontará o futuro Goberno do Estado a rebelión catalá, e a cuestión territorial que esa rebelión volve pór sobre o taboleiro político, tivo respostas en clave electoral que van desde a man dura até o diálogo aberto. O debate afecta directamente a Galiza, pero só o BNG definiu a súa postura en clave galega. A pregunta sobre quen defende (mellor) Galiza nas institucións estatais quedou nun segundo plano, malia a insistencia das nacionalistas, que centraron nela toda a súa campaña. Pero sen focos mediáticos sobre a cuestión, esta recibe as respostas vagas de sempre. En certo modo, as respostas sobre a xestión desde o Estado español da crise aberta en Catalunya e sobre a mellor defensa no Congreso e no Senado dos problemas galegos dependen da resposta á primeira pregunta. Na Galiza, o Bloque Nacionalista Galego ten trazado o plan para actuar se é chamado a apoiar a formación dun Goberno no Estado. Non pacta co PP e, cando pode, promove alternativas ao PP. «Temos demostrado capacidade para negociar e posibilitar gobernos de esquerda», di Carme Da Silva, candidata por Pontevedra, mentres Ana Pontón insiste cada día en subliñar «a inutilidade» de PSOE e Podemos, «incapaces» de acordar un goberno de esquerda e ter «desaproveitado» outra oportunidade. Desde En Común‑Unidas Podemos reclámase un pacto cos socialistas se dan os números. «Fronte a unha irresponsabilidade histórica [a de no ter pactado despois de abril]», Antón Gómez‑Reino, líder galego de Podemos, reclama, agora si, «a oportunidade histórica» para un acordo. No PSOE galego, o seu líder e secretario xeral, Gonzalo Caballero, limítase a reproducir a mensaxe de Pedro Sánchez. Os socialistas evitan comprometer calquera futura negociación. E Pilar Cancela, número un pola Coruña, explica: «Non haberá gran coalición, nós sempre falamos coa esquerda, pero agora mesmo é cuestión de responsabilidade esperar polos resultados e non xerar expectativas». Alberto Núñez Feixoo e o PP galego téñeno claro. «Só hai dúas alternativas, un Goberno encabezado por Pedro Sánchez ou un Goberno liderado por Pablo Casado», di Diego Calvo, presidente dos populares na Coruña, estes días. «Un Goberno cos independentistas ou un goberno moderado», remarca. No PP galego, mentres o seu secretario xeral, Miguel Tellado, se congratula do «xiro» de Pablo Casado cara á «moderación», o presidente do partido e da Xunta de Galiza, Núñez Feixoo, alerta de que Pedro Sánchez é «refén» do independentismo catalán. Na campaña galega, a cuestión catalá serve ao PP para axitar o odio. «Catalunya necesita firmeza», di Jaime de Olano, candidato popular por Lugo. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
|
PRAZA_356
|
A Xunta destinou 1,67 millóns aos xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres repartiu menos de 182.000 entre os diarios integramente en galego por utilizar esta lingua, segundo afirma Amega, que denuncia "a desidia" do Goberno coa defensa do uso da lingua propia.
|
Nove veces máis en axudas para os medios en castelán que para os que empregan o galego. A Xunta destinou 1.675.000 en 2014 para os xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres que repartiu algo menos de 182.000 entre os xornais integramente en galego por utilizar esta lingua, tal e como denuncia nun comuniado a Asociación de Medios en Galego (Amega). "Unhas axudas en galego da que tamén se benefiaron os grandes grupos de comunicación con centos de miles de euros por utilizar, tan só, o 6% do galego en todo o medio", din. Tal e como lembran, PSdeG, AGE e BNG apoian unha proposta de Lei de Publicidade Institucional desta asociación para "prohibir os convenios pola súa evidente arbitrariedade e que se reserve unha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego". A Xunta destina 1,67 millóns aos grandes xornais fronte aos menos de 182.000 aos diarios integramente en galego Os medios membros da Amega denuncian "a desidia da Xunta para coa defensa do uso do galego no eido da comunicación ante a pasividade das administracións públicas". "Son varias as situacións nas que a entidade, que defende, ante todo, o uso do noso idioma nos medios de comunicación, viuse atacada polas decisións do Goberno galego", insiste, e acusa o Executivo de Núñez Feijóo de obviar o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que recolle que "os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todos as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento". "Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes grupos mediáticos que de defender os medios en galego, a pesar de que os medios tradicionais están sufrindo unha grave crise con despidos masivos e unha gran perda de audiencia", engade, quen destaca que, precisamente, a finais do pasado mes de xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios facía públicas unhas novas bases da convocatoria de axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego das que "volven quedar exentos os diarios dixitais a pesar das boas palabras que tivo a titular dese departamento", Mar Sánchez Sierra, cos representantes da Amega. "Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes grupos mediáticos que de defender os medios en galego" "Esta convocatoria vén sufrindo recortes constantes nos últimos anos, con reducións da dotación orzamentaria sospeitosamente similares en contía ás axudas que percibían medios xa desaparecidos", di Amega, que denuncia que son unhas axudas das que, ademais," algunhas publicacións están excluídas por cuestións normativas", como é o caso do Novas da Galiza, que comunica en galego reintegracionista. É idea da Amega que "ningún medio de comunicación quede excluído a competir en axudas públicas pola normativa que decida utilizar". "Facemos nosas as propias palabras do presidente da Xunta en varios actos institucionais e entrevistas nas que aseguraba que o galego nos permite comunicarnos con 250 millóns de persoas, facendo clara referencia á relación íntima da lusofonía e a lingua galega", recorrdan, tras advefir de que "os convenios para a promoción da lingua galega acaban recaendo sempre nas mesmas grandes editoriais, con certas dúbidas sobre a súa legalidade, pois algunhas das publicacións subvencionadas non cumpren os requisitos mínimos, tan ridículos como contar cun 6% da información en lingua galega". O Executivo subvencion por usar o galego medios cun 6% da información nesa lingua Tamén denuncia Amega a exclusión dos medios de comunicación en galego das constantes campañas publicitarias institucionais. "Campañas polas que a Xunta inxecta aos grandes grupos millonarias cantidades de diñeiro en conceptos variopintos de publicidade e propaganda". Foi por iso polo que Amega levou ao Parlamento Galego unha Proposición de Lei de Publicidade Institucional na que se recolle precisamente a prohibición dos convenios "pola súa evidente arbitrariedade e a reserva dunha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego". "Exiximos a necesaria transparencia no reparto de axudas aos medios de comunicación, así como as campañas publicitarias institucionais. Tamén reclamamos que as axudas á promoción do galego recalen, na súa medida, nos medios que facemos do galego a nosa identidade", di Amega, que chega a uns 300.000 galegos a través de Praza Pública, A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Quepasanacosta.com, Radiofusión, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info.
|
NOS_48946
|
O Comité Clínico da Xunta reúnese esta terza feira para analizar os datos da pandemia e acordar novas medidas de alivio ou restrición segundo a evolución do coronavirus. Sobre a mesa, a ampliación do horario da hostalaría e do toque de recoller. No inicio da semana, as estatísticas do Sergas comezan a reflectir os primeiros efectos da Semana Santa, con lixeiras variacións á alza que fan prever un cambio de tendencia "dentro dunha situación de estabilidade", apuntan desde o comité.
|
O Comité Clínico que asesora a Xunta en materia de Covid-19 reúnese esta terza feira para a analizar a evolución da pandemia na Galiza e acordar novas medidas de contención, atendendo ao empeoramento dos datos por concellos, se fose o caso, pero tamén para avaliar se se dan as condicións para unha posíbel ampliación do horario da hostalaría,ligada á modificación do toque de recoller. A proposta está sobre a mesa, segundo trasladou a Xunta ao sector hostaleiro na xuntanza mantida na quinta feira, 8 de abril, pero vai depender do avance do coronavirus, agora que poden empezar a medirse os efectos da Semana Santa. Con todo, aínda é cedo para aventurar unha decisión, xa que os datos que van manexar os membros do comité serán os que se coñezan na propia terza feira. Segundo explica Sergio Vázquez a Nós Diario, Galiza goza dunha situación propicia con respecto ao resto do Estado "cunha incidencia acumulada arredor dos 70 casos a 14 días", con lixeiras oscilacións, engade, que non impiden falar de "estabilidade". Creo que a sociedade galega, en xeral, é bastante responsábel Doutra banda, sinala o xefe de Oncoloxía do Hospital Lucus Augusti (HULA) e membro do Comité Clínico, "a razón de taxas móvese arredor de 1, pero é o normal cando manexamos cifras acumuladas baixas como as actuais". "A situación é boa", afirma Sergio Vázquez, "fundamentalmente polas medidas de restrición tomadas e porque non se abriu en Semana Santa. Pero nunca se sabe. Nas vacacións e nos festivos sempre hai movemento de xente", polo que cómpre ser cautos. Tamén hai que analizar con reservas os últimos datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, advirte. "Veñen da fin de semana e, obviamente, non se fan as mesmas PCR. Temos que esperar aos que cheguen novos, porque deles vai depender se se atrasa o toque de recoller e se amplía o horario da restauración. Cos datos que tiñamos até o de agora poderíase facer. Así que se non hai cambios na evolución, atrasarase todo unha hora", afirma Vázquez, quen suliña o perfil "restritivo" do Comité Clínico. Restricións selectivas Neste sentido, o xefe de Oncoloxía do HULA defende que non hai moitas máis limitacións que se poidan adoptar neste contexto, unha vez adaptadas as xuntanzas en contornos privados aos mesmos requisitos que imperan na hostalaría nos niveis de restrición máis laxos, un alivio que censura o Consello de Médicos da Galiza por ser "a maior fonte de contaxios". "O control nos domicilios é moi complicado", defende Vázquez. "Quen está disposto a saltar as normas vaino seguir facendo, pero eu creo que a sociedade galega, en xeral, é bastante responsábel. E a hostalaría tamén está cambiando a súa forma de actuar. Isto é o realmente importante", incide. De chegar unha cuarta onda da Covid á Galiza, será moito máis suave De cara ao control da pandemia, ademais de cumprir coas medidas de prevención, Sergio Vázquez avoga por seguir facendo tests e acabar de vacinar a poboación até alcanzar 70% de inmunidade. "Mentres, analizaremos que pasa en cada concello, que problemas teñen e que medidas selectivas cómpren en cada caso. De chegar unha cuarta onda da Covid á Galiza, "será moito máis suave", polo que defende medidas puntuais e "localizadas" de acordo cos niveis estabelecidos. "Se logramos manter a incidencia en cotas baixas como as actuais, vai ser máis difícil que se dea unha situación descontrolada. Haberá flutuacións", asegura, pero poderanse atallar coas medidas que manexan agora. Indicios de cambio Para o especialista en Análises Clínicas Luís Vázquez, as variacións á alza que deixan entrever os datos sobre a evolución da pandemia na Galiza apuntan "un cambio de tendencia, aínda non moi forte, que afecta sobre todo aos casos activos e ás hospitalizacións, que deixaron de baixar". "Eu non faría ningún cambio", advirte, xa que "seguramente os casos da Semana Santa comecen a aflorar". O lóxico, insiste, é que os casos positivos diarios vaian en aumento nas próximas xornadas, polo que non é partidario de "abrir a man" a curto prazo. Mais tamén matiza, "o que é seguro é que non parece que vaia haber unha vaga tan importante como a do Nadal. Dunha banda porque a maioría da poboación de risco está vacinada e doutra porque "se fai máis vida ao aire libre", o que fai pensar nunha menor transmisión, hospitalización e mortalidade. A incidencia acumulada a sete días danos un avance do que pode vir O indicio de cambio máis notábel agora mesmo, apunta Luís Vázquez é a razón de taxas, "a diferenza que hai entre os casos que houbo os últimos sete días cos da semana anterior. Aí vemos que os contaxios aumentan". Foron 1.105 na última semana fronte aos 880 da anterior. O mesmo ocorre coa incidencia. "A acumulada a sete días danos un avance do que pode vir". Hai sete días era de 32 casos por 100.000 habitantes. Hoxe é de 41, que, multiplicada por dous, supera os 73 casos por 100.00 habitantes de incidencia acumulada a día de hoxe a 14 días, fronte aos 66 de hai unha semana. "O lóxico é que os casos sigan crecendo as dúas ou tres próximas semanas", sen chegar a darse unha situación tan grave como a vivida a primeiros de ano, detalla Luís Vázquez. Á espera da inmunidade de grupo, o que toca agora, di, é cumprir as normas dentro da estratexia de "convivencia co virus" pola que se apostou. "Os resultados van ser sempre os mesmos: en canto mellora a situación abres a man, en canto abres, empeora a situación e volves fechala e así seguido até que as vacinas inclinen a balanza e a estabilidade sexa a norma".
|
NOS_41368
|
A Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña vén de facerlles entrega aos grupos municipais dunha moción que insta a que na consulta popular sobre terreos portuarios e outros terreos estatais se pregunte directamente pola gratuidade da devolución. A cesión de balde é o factor que divide as formacións políticas.
|
A comisión creada ao redor de 60 entidades que solicitan a devolución dos terreos portuarios e outros terreos titularidade agora do Estado ao concello da Coruña vén de entregarlles aos grupos municipais unha moción na que, ademais de pedir a adhesión á manifestación que terá lugar o 7 de maio, senta as bases da consulta popular que o Goberno municipal se comprometeu a realizar. A clave da consulta reside no sentido da pregunta. E é que a Comisión Aberta en Defensa do Común reclama que se pregunte pola devolución gratuíta e se responda cun si ou cun non: "Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público da Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os peiraos, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que Fomento asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións?" Tamén solicita que o Goberno teña en conta o resultado da consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas administracións públicas. Precisamente, a gratuidade é a clave do proceso. Mentres a Marea Atlántica lle ofreceu á Autoridade Portuaria 1,4 millóns polos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, a Comisión, da que forman parte a propia Marea, o BNG e o PSOE, reclama a devolución gratuíta, un requirimento que xa puxeran sobre a mesa o Bloque e mais a CIG. A Comisión entende que a devolución debe ser de balde en tanto os terreos "son espazos comunais, cedidos ao ministerio de Defensa para instalacións militares, bens propios pertencentes á cidade desde a súa fundación". "Non pedimos nada especial porque sabemos que Defensa cedeu edificios e terreos gratuitamente noutras moitas cidades como Barcelona ou Alcalá de Henares", sinalan desde a plataforma, que tamén se pregunta por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento resgate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid. Advirte, ademais, de que coas operacións especulativas de venda, a Autoridade Portuaria trata de facer fronte á débeda contraída pola construción do porto exterior. Manifestación A gratuidade da devolución tamén será o eixo central do lema da mobilización convocada para o 7 de maio pola Comisión, "Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, todos os peiraos, cárcere e terreos do Campo da Estrada. Non á venda e privatización da fachada marítima. Basta xa de especulación". As entidades que forman parte da plataforma emprazan o Goberno, con esta moción, a publicar un bando e a colaborar na difusión da convocatoria. Fontes do Goberno municipal apuntan, en declaracións a Sermos Galiza, que "estamos negociando a posibilidade dunha redacción que permita maior apoio á moción". As mesmas fontes afirman que "tal como está agora tería menos apoios que os que unha cuestión tan importante como esta merece". O BNG, a través da súa portavoz Avia Veira, sinalou, en declaracións a este medio, que a formación nacionalista asume como propia a iniciativa da Comisión coa redacción que propuxeron.
|
NOS_16046
|
A CRUE adoptou esta decisión por ampla maioría na súa asemblea extraordinaria.
|
A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) aprobou un acordo, por unha ampla maioría, polo que os centros universitarios non ofertarán graos de 3 anos até o curso 2017-18. Aí o manifestou José Carrillo, reitor da Universidade Complutense de Madrid, unha vez finalizada a asemblea extraordinaria que decorreu esta segunda feira para analizar o Real Decreto polo que se modifica o ensino da ordenación de ensinanzas universitarias oficiais, que o goberno español aprobou en Consello de Ministros a pasada sexta feira. "Os reitores plantáronse contra o decreto", afirmou. As e os reitores das universidades públicas e privadas, representadas na Crue, chaman a manter a "cohexión do sistema" e consideran a reforma aprobada polo goberno como un paso que "reduce a calidade" e "aumenta o gasto familiar" en educación.
|
NOS_44650
|
Co gallo de celebrar a vida e obra do poeta louzariño, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apesca) organizou esta cuarta feira 20 de xullo "Camiños e Cantares: Nos eidos da bremanza. Unha peregrinación literaria cantada e falada".
|
O coche atravesou O Incio en dirección a Santalla de Abaixo e a medida que se achegou ao "val escuro e bretemoso" semellou o tempo fundirse nese xeito de ollar que Xermán González Domínguez confesou descubrir a través da lectura do Fiz: "Son natural de Lóuzara pero lelo a el fíxome ver a miña terra con outra profundidade ", desvelou este veciño procedente de Bustofrío, un deses "antergos pobos" que Vergara recordou na súa poesía. "Camiños e Cantares: Nos eidos da bremanza. Unha peregrinación literaria cantada e falada" festexouse este 20 de xullo, ás 12.00 do mediodía no Concello de Samos, coa xuntanza literaria e musical de amizades e familiares do escritor. Pola tarde, despois do xantar en Airapadrón, o público desprazouse ata a aldea que viu medrar e vivir ao poeta, Santalla de Abaixo. "Isto si que lle produciría moita ilusión. El, que era un home tan xeneroso, estaría emocionado, coma sempre, de partillar o lugar que foi o marco da súa existencia", explicou Xermán. E nada máis chegar, xa se enxerga o muíño, cuxas horas de Fiz estiveron tan xunguidas a el, pois aló fixo garda polo amor, por esa muller que ás veces sen transformaba en "corza salvaxe": "Xa que te presinto ó lonxe, amiga e compañeira/ agardareite na soedade, xunto ó vello muíño". Un grupo de teatro encargouse de representar unha adaptación da súa obra teatral Nesta ocasión, un grupo de teatro, integrado na súa totalidade por xente louzariña, encargouse de representar unha adaptación da súa obra teatral: "O vello muíño nunca morrerá"; peza que nestes días, a consecuencia da dramática situación de incendios que asola Galiza, colle aínda maior relevancia: " Os montes arderon todos este verán... Non se atopa leña en ningures", lamenta o protagonista da obra. "Tamén permanecemos acó, nos eidos da acordanza" O acto organizado por Apesca, da man de Luís Celeiro, contou tamén coa intervención do mestre Pepe Jurjo, quen aproveitou para salientar que o Fiz Vergara, pese á enfermidade dexenerativa que o atacou, demostrou ir "máis adiante do que ninguén puido imaxinar, sendo un exemplo de loita para quen vive circunstancias semellantes". Pola súa banda, Xosé María García Palmeiro expresou que "ata esta mañá, Fiz para min era un poeta, un libro de versos, unhas imaxes nun vídeo, unha voz declamando os seus propios poemas e un descoñecido persoalmente". Neste senso, o xornalista asegurou que ao achegarse a Santalla por vez primeira sentiu ao escritor como "unha lembranza viva na súa ausencia, pois se estamos nos eidos da bremanza tamén permanecemos acó, nos eidos da acordanza". Xa entrado o serán, as voces dos poetas das interseccións dos concellos do Courel, Samos, A Pobra de Brollón e o Incio foron escoitadas ao pé da casa do autor de libros como "Pastora de Sorrisos" ou "Poeta muiñeiro á deriva". Da boca de Marica Campo saíron tres sonetos que escribiu para Vergara Vilariño tralo seu falecemento; un tipo de estrofa que a poeta do Val do Mao confesou non ter por costume empregar pero que escolleu a causa de ser esta "unha forma tan ben cultivada por el". Ademais, houbo versos recitados de Vicente Reboleiro, Olga Novo e do propio Fiz Ademais, houbo versos recitados de Vicente Reboleiro, Olga Novo e do propio Fiz, aos cales puxeron voz María Casar e María Celeiro Vergara, descendente do poeta, a cal levando nas mans "Nos eidos da bremanza" recitou: "Arelo ser un can doce e mansiño/ pra espallecerme xunto a ti na eira/e sentir a túa man de compañeira/cando me deas pan e máis touciño". Pola súa banda, María Casar, presidenta da Asociación Cultural Ergueitos, tamén parte colaboradora da posta en marcha desta xornada, aproveitou para recordar que o certame de poesía Fiz Vergara Vilariño xa conta con 23 anos as súas costas. "O proxecto das persoas que traballamos nas asociacións culturais son os afectos e que mellor ca homenaxear ao Fiz cun premio que leva o seu nome", explicou Casar. Asemade, desde Ergueitos tamén artellaron o roteiro de Fiz Vergara Vilariño coa elaboración de trece pezas, entre as que se atopan algunhas autoría de Violeta Bernardo ou Miguel Macía, entre outros. "Para o ano que vén, polo que sería o setenta aniversario do seu nacemento, estase facendo unha nova peza que virá para aquí, probablemente para a súa casa", adiantou Casar. E así, entre o solpor, "A Quenlla" foi a encargada de facer que a música soase no val, non sen que antes un emocionado Mero Iglesias lembrase aquel cuarto de século atrás, "cando subimos o seu cadaleito e choramos todos sabendo da perda enorme...". E ese agarimo que Iglesias definiu como unha "atmosfera de afectos" seguiu vivo e presentido ao logo do empardecer, mentres Lois Diéguez realizou a ofrenda floral no camposanto onde repousan os restos do poeta da Lóuzara Xabreira, da súa irmá Irene e dos seus pais. "Depositarei no voso nome estas flores humildes (...). Esta noite virá el, As Irenes, e O Manuel a recollelas e a cheiralas!", exclamou Diéguez. A noite chegou e con ela, talvez, a certeza de que a xente non volveu cabo de Fiz Vergara neste 25 cabodano da súa morte. Non, pois sabido é que para regresar primeiro hai que marchar e as persoas que lle profesan amor non deixaron xamais de permanecer preto do seu legado; unha unión que se estendeu máis aló do seu pasamento e alén daquel tempo onde se albiscaba ao Fiz de corpo presente ao pé do muíño ou próximo á Fonte da Cova. Porque aparte de velo vivo nese pasado, Vergara latexa tamén arestora. E habita en Santalla de Abaixo, coas súas letras apanazando e labrando a terra xabreira, coa súa voz poética entrando "no canto das curuxas, nos soutos avesíos", no fogar do tempo, nesas horas "infinitas e acedas". E así, el achégase a nosoutras , ás persoas que anos despois pisamos, espreitamos e escoitamos o Val de Lóuzara. E semella que ao xunguir os nosos pensamentos á súa memoria, Vergara arela dicirnos vintecinco anos despois de finar: "A través dos teus ollos eu contemplo a Lóuzara Xabreira e limitada".
|
NOS_42299
|
Xa lle foi cancelada en 2016 unha xira pola Galiza grazas á presión dos colectivos feministas.
|
Os Concellos de Santiago de Compostela e Mos veñen de facer pública a súa condena e repulsa aos concertos que o cantante de 'trap' Kaidy Kain realizará na quinta e sexta feira respectivamente. No día de onte, todos os grupos municipais do Concello de Mos aprobaron unha declaración institucional para facer público o seu rexeitamento a que o cantante, coñecido desde hai anos polas súas condutas abertamente machistas e misóxinas, actúe no termo municipal. O Consistorio acordou esta declaración institucional no mesmo pleno no que sacou adiante, tamén por unánimidade, a aprobación do IV Plan Municipal de Igualdade de Mos. Este documento serve como base das políticas públicas que o Concello debe desenvolver para acadar a plena igualdade entre homes e mulleres, tanto en Mos como nos concellos da contorna. "Cancións vexatorias e denigrantes" Pola súa parte, a concellaría de Políticas de Igualdade de Santiago de Compostela, xunto cos grupos municipais do Partido Socialista (PSdeG), Compostela Aberta e Bloque Nacionalista Galego, fixeron público un comunicado no que rexeitan a actuación de Kaidy Kain na cidade, debido a que as "súas cancións son vexatorias e denigrantes para as mulleres". Os diferentes grupos políticos aseguran que "un dos principais obxectivos do Concello de Santiago, no que existe un consenso maioritario, é fomentar os valores da igualdade entre homes e mulleres e previr a violencia de xénero". Neste sentido, afirman que o concerto de Kaidy Kain é "contraria a estes valores, ás mensaxes que transmitimos, e ás accións que programamos coa finalidade de acadar a plena igualdade en todos os ámbitos: familiar, económico, social, educativo, cultural...". Xira cancelada en 2016 Non é a primeira vez que a presenza de Kaidy Kain no noso país esperta gran polémica. En 2016, o misóxino cantante tivo que cancelar unha xira pola Galiza, grazas á presión exercida por varios colectivos feministas. Naquela altura, Kain tiña pensado actuar na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, pero os seus donos decidiron cancelalo porque non querían "ser partícipes de eventos nos que se faga uso de actitudes machistas, homófobas e racistas". O concerto foi entón trasladado á Coruña, mais finalmente a produtora decidiu cancelalo definitivamente polo rexeitamento de colectivos feministas.
|
NOS_56620
|
[ACTUALIZADA ÁS 16.45] Os perto de 70 membros do Consello Político da CUP decidiron non apoiar a investidura de Artur Mas, candidato de Junts Pel Si, como president da Generalitat. Esta decisión implica a convocatoria dunhas novas eleccións en Catalunya.
|
Após o empate da asemblea nacional da CUP do pasado domingo, 27 de decembro, e das asembleas territoriais nas que se veu ratificar ese empate, o Consello Político da CUP, reunido en Barcelona, vén de acordar que os e as parlamentares da formación política non apoiarán Artur Mas como president da Generalitat. Os membros do Consello Político necesitaron de cinco horas de debate para acordar que o líder de CDC non se manteña á fronte do Goberno catalán. Foi na segunda votación onde se acadou a maioría necesaria para que prosperase o "non" a investir Mas. O "non" (36 apoios ) superou o "si" (30 apoios) en seis votos. Nunha terceira votación, as persoas presentes acordaron expresar a negativa á investidura de Mas mediante a abstención dos e das parlamentares da CUP. Novas eleccións en marzo Todo semella apuntar á convocatoria dunhas novas eleccións en marzo, pois Junts Pel Si xa advertira en varias ocasións que non mudaría de candidato á Presidencia. O 10 de xaneiro, é dicir, o próximo domingo, é o derradeiro día que estabelece o estatuto para investir un presidente ou unha presidenta. A partir do día 10 disólvese o parlamento e as eleccións fican convocadas de maneira automática. Segundo a lexislación, após a disolución da Cámara, os comicios deberían ter lugar 54 días após, o que significa que serían o 6 de marzo. De ser así, a campaña electoral comezaría a noite do 18 de febreiro.
|
PRAZA_16313
|
A primeira muller capaz de baixar do minuto nos 100 metros libres saíu de farra co equipo de hockey e despois dun par de roldas de máis decidiron honrar unha das tradicións olímpicas máis arraigadas: roubar bandeiras
|
Os lectores habituais do Bestiario do vestiario saberán xa da predilección que hai nesta sección polos deportistas peneques e con tendencia a abusar do tinto. Nesta categoría entra un curioso episodio protagonizado pola nadadora australiana Dawn Fraser, a primeira muller capaz de baixar do minuto nos 100 metros libres. Ouro en Melbourne 1956 e en Roma 1960, tíñao todo feito na véspera da clausura de Tokio 1964 despois de gañar os cen libres e a prata na remuda 4x100. Como premio aos éxitos, estaba chamada a ser abandeirada do seu país na cerimonia de peche. Pero decidiu marchar de festa a noite antes. Co resto do equipo de natación xa deitado, Fraser saíu de farra co de hockey, que acababa de gañar un bronce. Despois dun par de roldas de máis decidiron honrar unha das tradicións olímpicas máis arraigadas: roubar bandeiras. E como estaban no centro de Tokio, fóra da Vila Olímpica, non se lles ocorreu mellor cousa que achegarse ao Palacio Imperial. Na entrada había unha gran ringleira cos pavillóns dos países participantes e, o premio gordo, o branco cos cinco aros que simbolizan o olimpismo. Fraser e os amigos conseguiron baixar dúas antes de escoitar o son dos chifres da policía xaponesa. A primeira muller capaz de baixar do minuto nos 100 metros libres saíu de farra co equipo de hockey e despois dun par de roldas de máis decidiron honrar unha das tradicións olímpicas máis arraigadas: roubar bandeiras Os australianos fuxiron a correr diante dos axentes. Fraser tentou ocultarse no xardín do Palacio, pero caeu nun foxo e torceu un pé, así que tivo que sentar nun banco a descansar. Alí a atoparon ao pouco tempo os policías. "Estou esperando por uns amigos", tentou disimular. Mais debaixo do chándal levaba escondida a bandeira olímpica e non, un trapo dese tamaño non é moi fácil de ocultar. A Fraser deixárona saír do cuarteliño xa de madrugada, só unhas horas antes de que desfilase co resto dos deportistas australianos na clausura dos Xogos. Mentres o médico da selección lle vendaba o nocello, escordado mentres escapaba, tocaron á porta do cuarto e alí apareceu un tenente da policía xaponesa e dous axentes máis. Petrificada e pensando que a ían volver levar á comisaría, Fraser veu como o tenente puña sobre a cama un ramo de flores e un paquete. "Ábrao, ábrao", dixo o xaponés. Dentro estaba a bandeira olímpica que a nadadora tentara mangar horas antes. Ás autoridades deportivas australianas non lles fixo tanto chiste o episodio. Pouco despois de que a campioa desfilara como abandeirada, coxa e algo resacosa, prohibíronlle volver competir durante dez anos, dando por rematada a súa carreira.
|
NOS_2238
|
A actual eurodeputada e candidata á eurocámara por En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, participou en Barcelona na clausura da VI Asemblea da Marea Pensionista de Catalunya. Desde alí marcou como prioridade para o vindeiro período que se abre na Unión Europea finalizar co mercado europeo de pensións privadas.
|
A europarlamentaria Lidia Senra viaxou a Barcelona para participar na asemblea da Marea de Pensionistas de Catalunya, desde onde se comprometeu a seguir traballando desde a eurocámara por garantir pensións dignas a través dos orzamentos públicos. Así, a cabeza de cartel de En Marea-Compromiso por Europa afirmou que seguirá loitando para que ningunha persoa fique na pobreza ao remate da súa vida laboral. Alertou a eurodeputada da intención da UE de privatizar as pensións mediante o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais Alertou a eurodeputada da intención da UE de privatizar as pensións mediante o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), "ao que nos opuxemos totalmente co noso voto en contra", afirmou Senra, quen sinalou como inadmisíbel que as pensións dependan da capacidade de aforro que teña cada persoa. Desde a candidatura de En Marea-Compromiso por Europa defenden que os sistemas de pensións públicos e as pensións dignas deben ser garantidas a través dos orzamentos públicos, e nese sentido Lidia Senra apuntou ante centos de asistentes ao acto que "seguiremos traballando para botar abaixo o mercado europeo de pensións privadas e para que desde as institucións europeas se poñan instrumentos para que se garanta que ningunha persoa ao rematar a súa vida laboral entre na pobreza". "A prioridade é facer toda a presión para que a UE adopte políticas que combatan as causas polas que as pensións públicas son insuficientes", afirmou Senra A prioridade enunciada pola europarlamentaria en Barcelona é facer "toda a presión para que a UE adopte políticas que combatan as causas polas que as pensións públicas son insuficientes a día de hoxe" e sinalou entre elas as reformas laborais e de pensións "impostas polas santo-sacras institucións neoliberais e capitalistas". Fronte a isto, reivindicou a necesidade de políticas públicas que garantan as pensións do futuro a todas as persoas, en lugar de solucións privadas "para uns poucos".
|
NOS_47958
|
Duascentas palabras como máximo, en galego, a remitir a [email protected] entre o 1 e o 28 de febreiro, son os requisitos da segunda edición do concurso de microrrelatos convocada pola Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal. Os galardóns consistirán en "distintos premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura".
|
Haberá distincións para nove categorías, distribuídas por idades "co propósito de facilitar a participación de todo o público": infantil de ate 11 anos; xuvenil entre 12 e 17 anos, e adultos. O concurso cadra ademais co lanzamento dunha oferta do dominio PuntoGal con prezos de 12,15 e 15 euros . Acolléronse á promoción os rexistradores dinahosting, Com Laude, Entorno Digital, Don Dominio, Ovh.com e Openprovider. O presidente da Academia, Víctor Freixanes, loou a iniciativa PuntoGal durante a presentación do certame -que na edición de 2018 obtivo a participación de 400 orixinais- e expuxo que a centanaria institución "entende a lingua como un factor de modernidade. O futuro do galego, da cultura galega e da propia Galiza pasa por estar presente nas novas tecnoloxías da comunicación e a iniciativa .gal constitúe un dos elementos máis ilusionantes desa proxección nos últimos tempo". "O dominio PuntoGal leva no seu ADN a promoción e a difusión da lingua e a cultura galegas en todo o ciberespazo", expuxo o presidente da asociación -que se achega aos 5.000 dominios rexistrados-, e tamén académico, Manuel González, "pero tamén leva no seu ADN o espírito de colaboración con todos os axentes que contribúen a que a sociedade galega se sinta orgullosa de si mesma". Nesta ligazón pódense consultar as bases do concurso: https://academia.gal/documents/10157/1241108/Bases+II+Certame+de+microrrelatos+RAG-Puntogal.pdf Nesta as ofertas de PuntoGal: http://dominio.gal/promotion/
|
PRAZA_9775
|
O compoñente persoal foi clave na principal controversia política no mandato de Milagros Otero como Valedora e tamén, segundo o Tribunal Superior, no caso que vén de provocar a súa dimisión en dous tempos. Búscase agora a quinta persoa para un posto cuxos dous últimos responsables afastaron da esfera de discreción e prestixio institucional que lograran os seus dous primeiros titulares
|
En marzo de 2017 Milagros Otero presentaba ante o Parlamento o informe do seu primeiro ano completo como Valedora do Pobo. O documento ocupaba 908 páxinas sobre toda caste de asuntos que foran obxecto de queixas por parte da cidadanía, unhas 65.000 das que 63.000 estaban vinculadas con áreas de xestión da Xunta. Pero nas dúas ocasións en que tivo que debullar o documento publicamente Otero puxo o foco nas, dixera, "moitísimas" queixas que recibía polos problemas que xeraban as persoas sen fogar no centro de Santiago.Esas "moitísimas" queixas eran realmente só dúas -unha formulada por unha asociación de comerciantes e un colectivo veciñal vinculado a esta e outra, por persoal do Banco Santander-. "Eu vou por Santiago pola rúa e a xente de Santiago que se dirixe a min faino por ese problema", agregara Otero para xustificar o seu énfase nesta cuestión.Na contorna da valedoría afirmábase, non sen un aquel de resignación, que a persoalísima percepción da valedora sobre as persoas sen fogar en Santiago afectara de xeito crucial na súa actuación institucional sobre o asunto A controversia co Concello de Santiago a respecto das persoas sen fogar durou case dous anos, ata que a propia Valedora acabou arquivando as "moitísimas" queixas que realmente eran dúas. Polo camiño, non obstante, Otero mesmo revelara no Parlamento datos persoais de tres persoas sen fogar e, ante as críticas de asociacións sanitarias e colectivos sociais por facelo, declarárase a si mesma como vítima dunha vaga de "ataques deslexitimadores".Na contorna da valedoría afirmábase, non sen un aquel de resignación que, efectivamente, a persoalísima percepción da Valedora sobre se as persoas sen fogar en Santiago eran moitas ou poucas e mesmo a súa valoración política do goberno local dirixido por Compostela Aberta afectara de xeito crucial á súa actuación institucional sobre aquel asunto. Tomárao, dalgún xeito, como algo persoal.O compoñente persoal tamén foi clave, segundo o Tribunal Superior, no caso que vén de provocar a dimisión en dous tempos de Milagros Otero como ValedoraO compoñente persoal foi tamén clave, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no caso que vén de provocar a dimisión en dous tempos de Milagros Otero. Unha dimisión "en diferido", ao xeito do despedimento de Luis Bárcenas, evocaba este xoves a líder do BNG, Ana Pontón. O Supremo rexeitou o recurso ao que o PP se aferrara para manter a Otero no cargo despois de que o TSXG considerase que, mediante un proceso "á medida", manobrou para dar con "arbitrariedade" un posto de xefa de servizo na institución a María Puy Fraga.Puy Fraga era unha descoñecida para o gran público ata esa sentenza xudicial, propiciada por unha denuncia doutro candidato ao mesmo posto. Pero non así para a propia Valedora, a súa amiga, e o seu círculo máis próximo. Tratábase da sobriña do falecido presidente Manuel Fraga e, daquela, tamén da irmá do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen non consta que interviñese en ningún punto do proceso. E, polo tanto, da filla de Francisco Puy Muñoz, de quen Otero fora "discípula" na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. De novo, o clixé das "familias prominentes" que tan lóxico semellaba para o vello patrón da dereita española.Búscase agora a quinta persoa nun posto cuxos dous últimos responsables empurraron coas súas polémicas fóra da esfera de discreción e prestixio institucional no que o situaran os seus dous primeiros titularesEste asunto persoal, do que Otero inicialmente culpou ao seu equipo -especialmente ao vicevaledor, proposto polo PSdeG-, provoca a súa caída apenas un ano antes de que expirase o seu mandato. A tamén máxima responsable do Consello da Transparencia, faceta na que eloxiou abertamente a xestión do Goberno galego, marcha, pero con condicións. Di que non o fará ata que os grupos parlamentarios cheguen a un acordo sobre a persoa que a substitúa -a elección require dunha maioría reforzada de tres quintos, un mínimo de 45 dos 75 escanos do Parlamento-. Para o PP isto é todo un exercicio de "responsabilidade", en verbas de Paula Prado. Unha decisión que a "honra", segundo Alberto Núñez Feijóo. Para En Marea, PSdeG e BNG, o enésimo movemento de Otero en clave partidaria. Se dimite, que marche xa, veñen dicir.Ábrese agora un período de conversas entre os grupos parlamentarios sen límite de tempo e de resolución complexa. O precedente máis inmediato durou tres anos, os que transcorreron entre a dimisión de Benigno López como Valedor, no seu caso por xustificar os recortes sociais en plena crise económica e a elección da propia Otero, cuxa afinidade co PP era notoria para os seus coñecidos e pública durante os anos en que exerceu como colaboradora en faladoiros da Radio Galega. Sobre o Pazo do Hórreo paira o interrogante de se a esquerda parlamentaria, imprescindible na elección, negociará con máis habilidade que nas dúas ocasións anteriores, nas que a elección recaeu en figuras do agrado do PP e de FeijóoBúscase agora a persoa que será a quinta na historia da autonomía nun posto cuxos dous últimos responsables empurraron coas súas polémicas fóra da esfera da discreción e prestixio institucional no que o situaran os seus primeiros titulares, José Cora e José Ramón Vázquez Sandes. Sobre o Pazo do Hórreo paira agora o interrogante se a esquerda parlamentaria, imprescindible na elección, negociará con máis habilidade que nas dúas ocasións anteriores. Daquela PSdeG e BNG primeiro e só o PSdeG, despois, deron en transixir con figuras do agrado do PP e do propio Feijóo encadrando a renovación do Valedor en pactos institucionais máis amplos. Os resultados están á vista.
|
PRAZA_5864
|
O Parlamento aproba por unanimidade unha iniciativa do BNG para "axilizar" o pagamento da Renda de Inserción Social, un subsidio para persoas en risco de exclusión que está a tardar en ser concedido ata oito meses. Dende 2010 duplicáronse as persoas que a perciben.
|
A Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) é o subsidio que, dende 1992, está destinado a atender a as persoas que "carecen de recursos económicos" para a súa "subsistencia". Esta axuda ten como obxectivo garantir uns ingresos mensuais de 399 euros, para persoas que viven soas, e que van aumentando gradualmente en función das persoas que teña ao cargo quen a solicite ata un máximo de 601 euros, destinados a unidades de convivencia de cinco persoas. Quen a perciba durante máis de catro anos pasa a cobrar, en todo caso, un máximo de 364,90. Trátase, polo tanto, dun ingreso ao que acceden persoas en situación económica límite que, segundo marca a Lei de Inclusión Social, debe ser concedida nuns dous meses, un prazo que agora a Xunta, a través do PP, di estar disposta a admitir. Os conservadores acceden a axustarse á lei que eles mesmos impulsaron a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG e que este mércores saíu adiante co apoio da unanimidade do Parlamento previa transacción co grupo maioritario. Tanto a Risga como as Axudas de Emerxencia Social (AES) están a ser tramitadas con notabilísimos atrasos, advertiu Adán, que denuncia demoras de ata oito meses. Esta advertencia do Bloque non é nova, lembra a parlamentaria, quen tamén recorda que o pasado maio, nunha interpelación ao respecto, a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, "culpou as traballadoras e traballadores sociais" dos concellos destes atrasos. O prazo legal é duns dous meses, pero as solicitudes estanse a demorar ata oito Concretamente, naquel debate Mato admitiu "demoras difíciles de soportar" nestes trámites, se ben descargou boa parte do problema na "parte" da tramitación que corresponde á Administración municipal. "A Xunta -advertiu- non vai responder polos tempos dos concellos". "Poña as pilas", esixiu Adán, evidenciando que "por tras dos expedientes hai persoas". Mato, pola súa banda, gabouse daquela da ampliación orzamentaria efectuada polo seu departamento para atender a Risga, un discurso que vén sendo reiterado dende hai meses tamén polo presidente da Xunta e que obvia, non obstante, que ese incremento de fondos se debe a que o financiamento destas axudas depende do número de persoas que as solicitan e, polo tanto, implica que hai un maior volume de poboación en risco de exclusión. O acordo en torno á moción do BNG insta a Xunta a atender nun "máximo" de dous meses todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo Así as cousas o acordo acadado este mércores non só insta o Executivo a "axilizar a tramitación" da Risga e das AES "para adecuar o tempo aos prazos que marca a normativa vixente", senón tamén instar os concellos a facer o propio e, sobre todo, a paliar as demoras das persoas que estan a esperar neste momento. Para elas acórdase "que todas as persoas que teñan solicitada a Risga" ao abeiro da devandita Lei de Inclusión "e estean agardando pola resolución da mesma" por riba do tempo legal vexan "recoñecido o dereito por silencio administrativo". Asemade, "todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo de 2014" terán que ser resoltas "nun prazo máximo de dous meses". As persoas perceptoras duplicáronse en tres anos Este acordo parlamentario chega nun contexto no que os propios datos oficiais serven para ilustrar o incremento de necesidades básicas entre a poboación do país. Mentres os gobernos galego e central manteñen aberta a guerra de cifras sobre indicadores como o risco de pobreza -Feijóo chegou a cuestionar os datos de Cáritas- o Instituto Galego de Estatística (IGE) evidencia, recollendo números da propia Consellería de Benestar, que a finais de 2013 as persoas perceptoras da Risga eran case o duplo de catro anos antes, chegando ás 9.300. En 2013 percibiron a Risga 9.300 persoas, máis das previstas pola Xunta para 2014 Estas cifras son aínda máis elocuentes se se comparan cos anos inmediatamente anteriores aos da crise económica. Así, por exemplo, entre 2004 e 2007 percibían a Risga unhas 4.200 persoas, con variacións practicamente nulas de ano a ano. A curva ascendente iniciouse no ano 2009, cando xa rozaban as 4.800 perceptoras, e disparouse nos anos seguintes ata chegar ás devanditas 9.300. Isto implica, ademais, que no pasado ano xa se superaron as previsións formuladas pola propia Xunta para o 2014. Segundo os orzamentos de Benestar as persoas atendidas con este subsidio no presente exercicio eran 8.270.
|
NOS_36866
|
A súa morte produciuse ao sufrir un colapso durante o xuízo ao que se viu submetido por supostamente espiar para Hamas. Mohamed Morsi, o primeiro presidente exipcio elexido por vías democráticas, foi deposto por un golpe de estado en 2013 protagonizado polo seu ministro de Defensa, Abdel Fattah al-Sisi, actualmente no poder.
|
Instalado no poder (acabaría referendando a súa presidencia nas urnas), Abdel Fattah al-Sisi desencadeou unha brutal campaña de represión contra a Irmandade Musulmá de Morsi, o que resultou no encarceramento de miles dos seus activistas, con centos deles a seren sentenciados a morte. O falecimento de Morsi produciuse durante a celebración dun dos xuízos aos que tiña que facer fronte, desta volta pola súa suposta pertenza a unha rede de espionaxe de Hamas. Organizacións non gobernamentais de dereitos humanos reclaman que se realice unha investigación independente [nas actuais condicións de Exipto iso é unha quimera] que rodearon o falecimento do presidente deposto, en tanto que o partido Liberdade e Xustiza —brazo político da Irmandade Musulmá—acusa o Goberno de Al-Sisi de ter provocado a morte de Morsi co seu isolamento na prisión, nunha sorte de "asasinato lento deliberado" . "Retiráronlle a medicación e déronlle comida en más condicións. Non garantiron os seus dereitos humanos básicos", alega Liberdade e Xustiza. O Goberno de Al-Sisi non ten feito ningunha valoración sobre o deceso de Morsi, mentres os seus medios amigos continúan a tildar de "grupo terrorista" a Irmandade Musulmá. En marzo de 2018 un grupo de parlamentares británicos denunciaron que as deficientes condicións en que se achaba encarcerado Morsi non cumprían cos estándares internacionais e alertaron de que podían resultar nunha "morte prematura" do ex presidente. Irán cualificou o falecimento de Morsi de "triste e infortunado" e Qatar e Turquía tamén lamentaron a desaparición do líder islámico.
|
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.